Naceu en Sevil, Cuntis, o 9 de novembro de 1895. En Cuntis traballou de peón nunha canteira. De familia de modestos campesiños tivo que traballar ao tempo que estudaba. Trasladouse a Santiago onde estudou Maxisterio e foi redactor dun xornal chamado “El compostelano”. Tamén formou parte do grupo de teatro da súa universidade.
Xoán Xesús exerceu durante un tempo como mestre pero pediu a excedencia para poder estudar dereito. Participou no movemento estudantil, chegando a ser vicepresidente da Asociación Profesional de Estudantes de Dereito, e entrou en contacto con outros estudantes galeguistas como Luís Seoane ou Ánxel Fole.
Agrarista convencido, participou en mitins agraristas e anticaciquís e publicou o folleto En pé campesiños. Nacionalista e socialista, colaborou do semanario A Nosa Terra e fundou o xornal El País Gallego (1927-1931). Dirixente da Agrupación Nacionalista Independente de Compostela deixou esta agrupación no momento que ela se integrou no Partido Galeguista xa que Xoán Xesús era tamén secretario da agrupación socialista local de Santiago, ademais rexentaba o seu propio bufete de avogados e mantiña con Arturo Cuadrado a librería Niké de carácter galeguista.
Descontento co PSOE, no que militaba, ante o feble impulso autonómico, en maio de 1931 fundou o Seminario de Estudos Socialistas que en agosto se converteu no partido político Unión Socialista Galega, na que se conxugaba socialismo e galeguismo. Tralo fracaso nas eleccións de 1933, o partido disólvese, integrándose en Izquierda Republicana. En xaneiro de 1934 fundou unha organización denominada Agrupación al Servicio de la Autonomía. En abril entraba na directiva de Izquierda Republicana e, tras unha serie de desacordos que acabaron na súa expulsión, fundou con varios amigos a Vanguardia de Izquierda Republicana.
Escribiu ensaio, teatro, novelas e poesía. En 1933 publicou Regionalismo, nacionalismo, separatismo na editorial Nós. Un aspecto interesante a destacar na figura deste ilustre da cultura galega é o da defensa da igualdade entre os sexos.
Ó estoupar a Guerra civil púxose o fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo coñecido como O Terzo de Calo que se dirixiu cara a Compostela para defender a legalidade republicana chegando o 20 de xullo pola noite á cidade. Tras a ocupación da cidade polos militares ao día seguinte, Xoán Xesús estivo fuxido polos montes de Cuntis. Foi detido na Estrada, un día de feira onde acudira a unha cita. Trasladado á prisión de Santiago os sublevados fusilárono o 12 de setembro de 1936 , nas tapias do cemiterio de Boisaca en Santiago. A súa familia trasladou os seus restos ao cemiterio de Cequeril en 1941 onde repousaron nunha tumba anónima.
A asociación cultural O Fervedoiro ten levado a cabo unha serie de actos para recuperar a súa memoria. Os concellos de Cuntis e Santiago déronlle o seu nome a dúas rúas a petición da Asociación que tamén lle ten reclamado á Real Academia Galega que lle sexa adicado un Día das Letras. O Fervedoiro tamén elaborou unha exposición sobre a súa figura que xa se puido ver en distintas localidades.
Xoán Xesús González no blog Memoria de Cuntis
Mónica Campos (4ºA)
Ningún comentario:
Publicar un comentario