Amosando publicacións coa etiqueta nacionalismo galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nacionalismo galego. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de maio de 2013

BALDAIO 1977, A LOITA POLO PATRIMONIO



A fermosa praia de Baldaio, no concello de Carballo, ten un gran valor ecolóxico. O conxunto de catro quilómetros formado pola marisma, a lagoa e as dunas móbiles é un dos lugares de maior interese natural da costa galega.
No ano 1947 as autoridades franquistas outorgaron a dúas persoas a concesión da explotación do marisco. Esta concesión pasou seis anos despois á empresa Baldaio S.L., que non se adicou á extracción do marisco. Esa era só a tapadeira para sacar area para despois vendela. Miles de camións levaron a area para a construción na cidade da Coruña mentres a administración miraba cara outro lado, ante a indignación dos veciños.
O 8 de maio de 1977 organizouse unha manifestación en Carballo, apoiada por Comisións Labregas e a Asemblea Nacional-Popular Galega, para denunciar o espolio que privaba á poboación do seu medio de vida e da propia praia como espazo de lecer. Unhas 5.000 persoas se concentraron na capital de Bergantiños, centos delas chegadas de toda Galicia. "Caciques fóra" líase nunha pancarta. Era día de feira na capital de Bergantiños, ateigada de xente. Ao final da manifestación a Guardia Civil cargou brutalmente, provocando o pánico entre a poboación. Aínda foi peor pola tarde cando os manifestantes baixaron á praia e se librou unha batalla campal que rematou cun manifestante cunha parálise permanente como consecuencia dun golpe que lle deron as 'forzas de orde'. As protestas continuaron e chegaron á súa máxima expresión en 1978. A marisma volveu abrirse ao marisqueo e a extracción de áridos quedou paralizada.
Hoxe Baldaio está protexida, formando parte da Rede Natura 2000, pero os veciños aínda lembran a loita: "Todo aquilo foi culpa do caciquismo. Agora as cousas cambiaron, pero non dá gusto mirar atrás. Ata fai dano. (...) Daquela o concello axudaba aos ricos. Faime graza ver agora a algúns que piden o voto polas portas e que nese ano nos fixeron tantísimo dano".
O documental Area nos ollos. A loita por Baldaio 30 anos despois recorda os acontecementos do 8 de maio de 1977 na voz dalgúns dos protagonistas dunha das mobilizacións pola dignidade da que foron protagonistas os galegos ese ano, xunto a da Encrobas, contra a ocupación de terras para a construción da central térmica de Meirama e a de Xove, contra a instalación dunha central nuclear.

sábado, 27 de abril de 2013

O Xurelo e os residuos radioactivos na foxa atlántica


O 14 de setembro de 1981 catorce heroes partían do porto de Ribeira cara a foxa atlántica no Xurelo, un pequeño barco palangreiro. O seu obxectivo era denunciar a existencia dun cemiterio radioactivo a 250 millas de Fisterra: "Vimos no nome de Galicia e de todos os pobos que queren unha vida en paz. O Atlántico é unha fonte de vida e riqueza. O Atlántico é un sinal de indentidade para Galicia e para moitos outros pobos. O Atlántico debe ser símbolo de vida e non de morte".
Greenpeace tiña denunciado a existencia das verteduras radioactivas. Os residuos das centrais nuclares de países como Bélxica, Holanda ou Alemaña trasladábanse en grandes mercantes á denominada fosa atlántica, onde eran lanzados ó mar no interior duns bidóns de 200 litros sen o coñecemento da cidadanía. A alerta da organización ecoloxista foi recollida polo partido nacionalista Esquerda Galega, que promoveu protestas en toda Galicia, ante a indeferenza da maioría da poboación, mesmo das confrarías de pescadores. Cando solicitaron un barco, só obtiveron resposta do patrón Ángel Vila, que xunto a tres mariñeiros de confianza, puxo a disposición da causa o seu barco, O Xurelo, símbolo da loita. "Vila é un tipo marabilloso, como o capitán que viaxa ó corazón da escuridade de Conrad", destaca o escritor e xornalista Manolo Rivas, que participou na primeira expedición.
Foi unha viaxe chea de dificultades, que aumentaron coa avaría do barco de Greenpeace, o Sirius, que non puido acompañalos. A inestabilidade da pequena nave naquel océano inmenso e as dificultades para chegar a unha zona da que apenas se tiñan coordenadas imprecisas acompañou ós tripulantes durante tres días. O 17 de setembro atoparon aos mercantes botando bidóns ao mar. Foron acosados por unha fragata militar holandesa, que case os afunde, pero conseguiron regresar á terra coas imaxes de como se tiraban os residuos, causando un gran impacto na opinión pública. No porto de Ribeira foron recibidos por unha multitude.
Foi o espertar dunha conciencia ecoloxista, seguida por outra expedición e da valente e arriscada actuación de Greenpeace, que conseguiu que ano e medio despois se prohibisen as verteduras nucleares no mar. Pero aí seguen 140.000 Tm de residuos nucleares a 4.000 metros de profundidade sen que se coñeza o seu estado.


luns, 8 de novembro de 2010

"MORRO CUNHA FE CEGA NO PROGRESO DA HUMANIDADE" ·· O HOME ILUSTRADO

A educación como arma

Herminio Barreiro, o gran téorico da renovación pedagóxica en Galicia, falece en Compostela aos 73 anos ·· As súas cinsas serán espalladas mañá en Sisán


A.R. LÓPEZ . SANTIAGO

Herminio Barreiro no ano 2008, cando presentou as súas memorias ‘Recordar doe’ FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Herminio Barreiro no ano 2008, cando presentou as súas memorias ‘Recordar doe’
FOTO: RAMÓN ESCUREDO
El sempre creu que, sendo como era fillo de pais de lonxevos, ía chegar a centenario, pero xa pasado maio andaba coa mosca tras da orella: "Non sei se quedarei a metade de camiño". Os acontecementos precipitáronse -hai só uns días aínda tiña folgos para concibir esperanzas- e Herminio Barreiro morreu onte en Compostela aos 73 anos tras unha enfermidade que o escuou ao longo dos últimos meses. Ao final, sobreviviuno o seu pai, Herminio Barreiro Calviño, de 103 anos, unha das figuras da resistencia antifascista na comarca do Salnés durante a guerra civil. O seu corpo será incinerado hoxe en Boisaca e as súas cinsas serán esparexidas na casa familiar de Sisán mañá luns, nun acto civil no que participarán o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o investigador Luís Cochón.
Home de forte "convicción marxista e inequívoco patriota galego" -como o definiu Ferrín pouco despois de coñecer o seu falecemento- Herminio Barreiro representa ante todo o "mestre de mestres", profesor da Facultade de pedagoxía da Universidade de Santiago onde formou nos valores democráticos ás xeracións que protagonizaron a transición e que hoxe representan a máis lúcida vangarda pedagóxica galega. "A educación", aseguraba, "é a única arma posible".
Nacido en Dorrón (Concello de Sanxenxo) no 1937, Barreiro era fillo de mestres republicanos represaliados polo franquismo. Pasou os seus estudos primarios na escola que rexentaba a súa nai en Terra de Montes, na aldea de Meilide, en Cerdedo, mentres seu pai cumpría condena imposta pola ditadura no cárcere de Pontevedra.
Aos dez anos comezou o Bacharelato no Instituto de Pontevedra, onde tamén fixo estudos de Maxisterio na Escola Normal daquela cidade. A finais dos anos cincuenta, en 1958, matriculouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde formou parte do grupo de renovación política e cultural Brais Pinto. Ao rematar, traballou como Lector de Español en Francia en 1965 e 1966 e, entre 1967 e 1976 radicouse en Madrid como profesor de ensino medio. Dende 1976 foi profesor na Universidade de Santiago onde impartiu clases de Historia da Educación.
Profesor emérito desde a súa xubilación, dirixiu a revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, que promoven as tres universidades galegas e na que colaborou durante máis de dez anos un amplo abano internacional de especialistas en temas histórico-educativos.
Herminio Barreiro, lembraba onte Narciso de Gabriel, decano da facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, "foi un profesor entregado sen limites aos seus alumnos e alumnas. Sempre tivo a porta aberta e nunca lles regateou o seu tempo". Con voz entrecortada, De Gabriel subliñaba a súa fidelidade ideolóxica: "Foi un republicano que viviu a represión franquista desde o período intrauterino. Foi tamén un comunista, sempre cos ollos postos nun futuro mellor para os que menos teñen e máis padecen. Un home íntegro e bo. Firme nas súas conviccións, e tolerante coas do próximo".
O home que sintonizaba co mundo
Colaborador habitual de Galicia Hoxe e do suplemento Revista das Letras desde a súa creación no 1991, ou sinatura frecuente en revistas como Historia de la Educación, Bordón, Revista de Educación e Paedagogica Historica, Herminio Barreiro deixa títulos como Lorenzo Luzuriaga y la renovación educativa en España (1889-1936), publicado por Ediciós do Castro en 1989, e o seu libro de memorias Recordar doe, que Xerais puxo nas librerías no 2008, crónica dos seus anos escolares e universitarios entre 1940 e 1965.
Ese libro, en palabra do director de Xerais, Manuel Bragado, "vai ser un dos referentes dentro da prosa memorialística galega, un libro que vai quedar para sempre pola súa calidade e poder evocador". Bragado, que foi alumno del, emocionábase mentres evocaba "ao primeiro grande mestre que tiven na universidade, símbolo profesional para os que amamos a educación como unha panca para cambiar a sociedade, porque iso é o que aprendemos con Herminio".
El, ademais, engade, "tiña esa outra compoñente humana e afectiva como grande lector que nos contaxiou a todos os seus alunmnos. E contaxiounos, sobre todo, a curiosidade, o convencemento de que non nos podiamos conformar".
Recordar doe -cuxa edición está practicamente esgotada- converteuse nun inesperado éxito de lectores. "O seu libro", para Manuel Rivas, "sintonizaba coa memoria persoal e, dalgún xeito, coa memoria colectiva, como gran parte da súa vida sintonizaba as emisoras prohibidas. A Pireinaica (na que colaborou), Radio Habana (na que gañou un premio literario, nos comezos da revolución) ou Radio Moscova...".

O IDEÓLOGO

Un radical no sentido marxista da palabra
Considerado un dos máis profundos coñecedores do marxismo en Galicia, Herminio Barreiro estivo próximo ao Partido Comunista desde os anos sesenta, cunha fidelidade que se estendeu a Esquerda Unida e ao proxecto de Refundación da Esquerda, iniciativa que el mesmo presentou nun acto este ano en Compostela.
Xesús Redondo Abuín, compañeiro de militancia no ámbito da loita obreira, manifestaba a súa admiración polo home "que entrou de pleno dereito no corazón dunhas cincuenta promocións de estudantes. No meu entrou oíndolle falar dos heroes de Galicia e de España. Se todos fósemos coma el, outro galo nos cantase. Para min está entre os escolleitos dos que nunca se marchará do meu corazón".
Para Abuín, Herminio era "radical no sentido marxista da palabra, cando a raíz inza no home mesmo. Herminio nunca andaba polas pólas ao sol do que máis quenta senón que ía á raíz dos problemas que afectan ao conxunto da sociedade. Encantábame cando sabía defender sen paixón as cousas importantes que lle quedan á poboación do mundo. Hai que dicir que ultimamente lle meteron unha puñada á esperanza e xa quedan poucos coma el que nos poden volver a axudar a darlle ás".
Ferrín, pola súa banda, quedaba onte "sen palabras" para "falar do que foi o meu irmán. Unha persoa que me acompañou desde a miña xuventude ata hoxe mesmo". Era, en palabras do presidente da Academia Galega, un marxista convencido "que nos fixo de guieiro".

xoves, 18 de marzo de 2010

Roberto Blanco Torres


Roberto Blanco Torres, nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en Entrimo o 3 de outubro de 1936, foi un xornalista e poeta galego. A súa casa familiar estaba na antiga rúa Lanuza.

Era o menor de nove irmáns. Súa nai, Carme Torres era mestra e o pai, Pedro Blanco, fixera estudos eclesiásticos. Na casa recibiu unha sólida formación cultural.

Seguindo os pasos dos seus irmáns maiores en 1906 emigrou a Cuba, e alí comezou a colaborar na prensa da comunidade galega na illa, para o que emprega o pseudónimo de Fray Roblanto, e tamén envía artigos á prensa galega e española. O trato con Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas foi decisivo para a súa traxectoria ideolóxica. En Cuba fundou e dirixiu dúas publicacións: La Alborada (1912) e La Tierra Gallega (1915), bilingües e de carácter galeguista. Amosouse crítico coa emigración e o caciquismo. Despois de coñecer e facer amizade con Basilio Álvarez fai súa tamén a causa agrarista.

A finais de 1916 volve a Cuntis, onde frecuenta as tertulias no Balneario (cunha gran afluencia neses anos) e forma parte da redacción de El Eco de Cuntis. Colabora tamén en A Nosa Terra e El Ideal Gallego.

Participou activamente nas Irmandades da Fala, e en mitins agraristas e autonomistas. Chegou a ser director do diario agrarista La Zarpa. Entre 1924 e 1928 viviu en Vigo, onde traballa no Diario de Vigo, sendo encarcerado por apoiar unha folga de xornalistas. Para esquivar á censura da Ditadura de Primo de Rivera chega a escribir un artigo en latín.

Despois dun enfrontamento con Portela Valladares é condenado a pagar unha multa de 1.500 ptas. e ao desterro a 150 km de Vigo. Marcha A Peroxa, terra da súa muller, onde escribe o seu único libro de poemas Orballo de media noite (1929).

O seu ideario republicano e galeguista faino ter un papel protagonista na vida política durante a II República. Integrouse na ORGA (Organización Republicana Galega) e foi membro do comité executivo da Federación Republicana Gallega.

En marzo de 1931, asumiu a dirección de La República de Ourense, ao tempo que comezou a desilusionarse coa actuación do seu grupo político na consecución da autonomía para Galicia. Aínda así aceptou o cargo de gobernador civil de Palencia entre o 29 de decembro de 1931 e o 16 de xuño de 1932. En 1935 dirixiu El País de Pontevedra, e dende maio de 1936 foi o xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación, participando activamente na campaña para a aprobación do estatuto de autonomía de Galicia en xuño de 1936.

A sublevación militar do 18 de xullo de 1936 sorprendeu a Blanco Torres na aldea de Amido, no concello da Peroxa, na casa familiar da súa muller. Detido polos franquistas, en setembro foi levado á prisión de Ourense, e o 3 de outubro de 1936 foi paseado polos fascistas que o fusilaron no concello de Entrimo.

Despois de máis de sesenta anos de esquecemento, no ano 1999 adicóuselle o Día das Letras Galegas.


Blanco Torres no blog Memoria de Cuntis


Vanessa Aboy (4ºA)