Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Humanos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Humanos. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de outubro de 2014

Anna Politkovskaya: asasinada o 7 de outubro do 2006 en Moscova pola súa defensa dos dereitos humanos


"Veo que las personas quieren cambiar sus vidas a mejor, pero no depende de ellas. Y, para soportar esa situación, se mienten a si mismas. En mi sistema de valores, ésa es la postura de la seta que se oculta entre el follaje. No importa: la encontrarán, y con toda seguridad la arrancarán y se la comerán.
Cuando uno nace humano, no puede comportarse como una seta."
Anna Politkóvskaya




Cita recollida na imprescindible banda deseñada Cuadernos rusos [la guerra olvidada del Caúcaso], de Igort (Salamandra)

sábado, 14 de xuño de 2014

O prezo da copa do mundo

El periodista Mikkel Jensen liberó el documental grabado durante su estadía en Brasil, luego de su decisión de no cubrir el campeonato mundial de fútbol que comienza esta semana. El profesional acusó a la policía de matar niños para “limpiar” las calles del país carioca.


venres, 9 de maio de 2014

Quiero irme a casa


Quiero irme a casa é un proxecto de sensibilización baseado na educación para o desenvolvemento dirixido a estudantes de secundaria. Os seus obxectivos son desmontar as falacias interesadas e os prexuízos, humanizar ao outro, ao estranxeiro descoñecido, e fomentar a convivencia e a solidariedade.
É un proxecto realizado pola ONG Mensajeros de la Paz co apoio da Agencia Asturiana de Cooperación al Desarrollo.
Centrado en Xordania, relata a vida de varios rapaces e rapazas, iraquís, palestinos e sirios que están refuxiados nese país.

mércores, 15 de maio de 2013

EN UN MUNDO LIBRE: MERCADORÍA HUMANA


Do antigo Caladiños
A película de Ken Loach do ano 2008 segue o modelo do resto da súa filmografía, cine de denuncia social onde os protagonistas son os perdedores da Historia, as persoas marxinadas dos beneficios do actual modelo capitalista baseado no consumismo máis insubstancial. As súas películas parecen documentais polo realismo e a ausencia de panos quentes con que nos pon diante de realidades que forman parte do noso marabilloso mundo, e que preferimos non ver.
En un mundo libre trata da explotación laboral que sofren os inmigrantes en Londres, ‘o Terceiro Mundo no Primeiro’, onde máis que man de obra barata, son escravos ao servizo do consumidor. Unha situación que tamén existe preto de nós.
Angie, magnificamente interpretada por Kierston Wareing, é o motor da historia. Ela é unha traballadora despedida da empresa de traballo laboral, onde se ocupaba de traer mercancía humana desde Polonia, que decide crear a súa propia axencia de traballo temporal. Ela e a súa amiga Rose fan de intermediarias entre os empresarios sen escrúpulos, só preocupados de que os obreiros traballen por un salario de miseria e non protesten, e os inmigrantes dos países pobres que vagan por Londres en busca dun traballo con que manter a súa familia. Entre eles tamén hai diferenzas, os que non teñen papeis viven na máis absoluta miseria e teñen que aceptar calquera salario para poder traballar.
As dúas amigas tamén fan negocio co aluguer de apartamentos por horas aos inmigrantes, o que está pasando tamén aquí: xente que só ten ‘unha casa’ durante 12 horas ao día porque non pode pagar máis (na película Princesas, de Fernando León de Aranoa, moi recomendable tamén, reflíctese esa realidade). Cando Angie decide traballar con inmigrantes ilegais a súa amiga decide deixalo por medo ás consecuencias xurídicas, pero tamén porque aínda é capaz de marcarse uns límites de decencia. En realidade, Angie sabe que os beneficios compensan as posibles sancións impostas aos explotadores de persoas sen papeis, aos ‘negreiros’ do presente.
Angie, unha traballadora, non loita por cambiar o Sistema, senón que ela mesma se converte nunha peza máis na procura dun final ‘infeliz’. Aquí non hai heroes, só hai persoas que loitan por sobrevivir, unhas para poder comer e outras, como Angie (ou nós), para poder consumir.
A película non é redonda e en moitas ocasións pérdese (a relación co fillo e os pais está pillada con pinzas) ou simplifica de máis realidades complexas. Porén, ao igual que case que todas as películas de Loach, mantén un nivel cinematográfico máis que aceptable e, sobre todo, ten a enorme dignidade das causas xustas.

Paul Laverty, o guionista desta e doutras moitas películas de Ken Loach, nunha entrevista en El País opinaba o seguinte sobre o cine e o mundo no que vivimos: “... non existe o cine político. Ou, pola contra, todo o cine esconde unha mensaxe. As superproducións de Hollyvood son políticas, con protagonistas brancos, ricos, aos que o resto do mundo debe admirar e imitar”; “... en todo o mundo demos un salto atrás brutal nos dereitos sindicais e humanos, mesmo neste mal chamado Primeiro Mundo”; (para preparar o guión de En un mundo libre estivo en fábricas e almacéns de Gran Bretaña) “Os supermercados son unha marabilla de administración, comunicación, distribución... Produtos de todo o mundo a disposición dos seus clientes. Pero como chegaron ata alí? Estiven nas aforas dalgúns ás catro da mañá con inmigrantes agardando por un traballo... Esa man de obra, moitos sen papeis, manteñen a economía somerxida. (...) Xente que cobra 25 peniques (uns 30 céntimos) á hora”; “Onde están agora os logros da loita sindical? Os convenios, os salarios mínimos. Volvemos á Idade Media. E a economía incentiva ese sistema. Falei con labregos que pagaban unha merda a inmigrantes do Leste para recoller fresas en Gran Bretaña e amosáronme como non podían pagarlles máis sen ter perdas. Logo seguín as fresas ata os supermercados, fixeime no brutal aumento dos prezos e… quen se quedou cos beneficios?

domingo, 3 de febreiro de 2013

La noche más oscura


A película de Kathryn Bigelow é moi boa, funciona coma un reloxo, con escenas curtas, perfectamente filmadas, e engarzadas con precisión. As dúas horas e media do filme pásanse moi rápido, a pesar de que xa coñecemos o final. Un final centrado no asalto á casa onde vivía o gran demo, Bin Laden, e que para min é do mellor que teño visto en cine de acción.
Tanto nesta coma na oscarizada ‘En tierra hostil’, a directora amosa ser unha mestra do cine bélico. Un cine que non pode ser máis que violento, e no que os personaxes son só monicreques ao servizo dunha causa, dunha obsesión coma neste caso. Non teñen pasado, non cuestionan o seu papel no merdento teatro da guerra, só cumpren unha misión.
É así como se non presenta a caza do home nesta extraordinaria e entretida película. Sen preguntas. Unha axente da CIA protagoniza durante dez anos a procura de información, e nesa busca do fuxitivo (como nunha película de vaqueiros) todo vale. É aquí, no uso probado da tortura nos cárceres secretos da CIA (ou en Guantánamo) onde se centra a controversia.
Para algúns a película non se compromete, só intenta ser fiel aos feitos, e que cada un pense o que queira. Para outros, entre os que me inclúo, a directora toma claramente partido. A suposta neutralidade agocha unha xustificación da tortura como método para acadar a información que conduce ao final ‘feliz’. Sen ela non tería sido posible atrapar ao malo. Nas escenas dos atentados terroristas sentimos, como non pode ser doutra maneira, rexeitamento, noxo. Porén, cando se nos mostra a tortura, o punto de vista é outro, con jihadistas deshumanizados e axentes secretos que actúan cunha rutina case burocrática, mesmo parecen simpáticos. Bin Laden e os seus fanáticos seguidores está claro que son uns fillos de puta, pero… tamén consideramos uns fillos de puta aos da CIA? Se nos centramos só na película, evidentemente non.
Non existe a obxectividade en ningunha interpretación dun feito pasado ou presente. Cando se escolle un punto de vista ou outro estase tomando partido. Non facerse preguntas sobre a guerra de Iraq ou Afganistán, non cuestionarse a impunidade do exército e dos servizos secretos de EE UU en Paquistán, non explicar as orixes do conflito, non establecer ningún límite legal ou moral na actuación dos personaxes, só pode interpretarse como unha xustificación do narrado, amoral.
É na suposta neutralidade onde radica a gran trampa, gran perigo deste tipo de propaganda bélica. O inimigo encarna ao MAL e hai que extirpalo da Terra, as únicas vítimas son as nosas, as do lado do BEN. Non hai matices, non hai profundidade. Dos indios do oeste aos islamitas, a mensaxe, a historia, repítese. O fin xustifica os medios, aínda que ese fin non sirva para nada máis que para mostrar quen manda aquí.
Non é unha película de Rambo, senón unha perfecta construción cinematográfica feita para presentarnos unha realidade noxenta como simple entretemento. Paga a pena vela, pero que non nos enganen, detrás da ‘noite máis escura’ hai moita merda, aínda que non cheire.

domingo, 4 de marzo de 2012

O xenocidio dos pigmeos


Comezando a ler o último libro de Fontana, Por el bien del imperio, atopei unha referencia ao xenocidio dos pigmeos bambuti no Congo e quixen informarme sobre ese pobo, como moitos outros, esquecidos pola nosa Historia eurocéntrica.
Hoxe quedan só uns 250.000 pigmeos vivindo nas selvas ecuatoriais de África. A súa existencia corre perigo pola corta masiva de árbores para aproveitamento das empresas madeireiras que despois a venden nos países ricos. Na RD do Congo os pigmeos está sendo masacrados polos diferentes grupos armados que combaten polo control das riquezas naturais do territorio.
O Grupo Internacional polos Dereitos das Minorías (GDM) ten denunciado diante do Tribunal Penal Internacional (TPI) o xenocidio que están a sufrir os pigmeos bambuti nas selvas de Ituri e do Kivu a mans das tropas encabezadas polo ex vicepresidente congolés, Jean-Pierre Bemba. O informe contén testemuños de asasinatos en masa, actos de canibalismo, violacións sistemáticas e saqueo e destrución dos poboados de pigmeos. O director do GDM, Mark Lattimer, denunciou os crimes cometidos 'contra pobos pacíficos que nunca colleron as armas e son as vítimas silenciosas do conflito e da explotación dos recursos naturais'.
Entre os miles de congoleses desprazados pola guerra permanente da rexión, os pigmeos son especialmente vulnerables, pois son marxinados polos outros pobos indíxenas. Segundo ACNUR hai preto de 10.000 pigmeos bambuti vivindo en precario en campamentos de refuxiados na provincia do Kivu Norte, tras verse obrigados a fuxir da súa zona selvática de orixe. Este pobo semi nómade de cazadores-recolectores vese obrigado a sobrevivir nunhas condicións que poñen en perigo a súa cultura e a súa propia supervivencia. Son os grandes perdedores dunha guerra na que non teñen ningunha responsabilidade.
'A nosa vida aquí é de sufrimento', di Muhindo Mupepe. 'Temos que durmir directamente sobre as rochas volcánicas, e non recibimos ningún tipo de asistencia. Cando os nosos nenos caen enfermos, temos que ir a buscar plantas medicinais na selva'. Non teñen aloxamento, nin alimentos suficientes, nin atención sanitaria. Para sobrevivir traballan para os agricultores locais, un traballo extenuante e polo que reciben un salario mísero dun dólar ao día. Outros van recoller leña á selva, que despois venden. Esta é unha tarefa especialmente perigosa para as mulleres debido aos grupos armados que se moven polo territorio. 'Se temos sorte, só nos quitan a madeira', di María, referíndose ao perigo de ser violadas.
Este xenocidio esquecido ten os seus primeiros antecedentes na época colonias, a finais do século XIX e principios do XX, coa historia do pigmeo Ota Benga, secuestrado, escravizado, exhibido na Exposición Universal de Saint Louis en 1904, e pechado nunha gaiola xunto a un orangután no zoo de Nova Iork, despois de que os mercenarios do rei belga Leopoldo II mataran a súa muller e fillos.

sábado, 5 de novembro de 2011

El viaje de Said, de Coke Rioboo

Acabo de ver esta curta no programa 'Somos cortos' da 2, e encantoume pola ironía (cruel) e orixinalidade coa que trata o tema da inmigración. Música e humor para reflectir unha realidade patética na que nós tamén temos un papel. Foi Goya á Mellor Curtametraxe de Animación no 2007. Meréceo.

Proposta de traballo na aula.

martes, 13 de setembro de 2011

O 11-S e Adictos a la guerra, de Joel Andreas


Durante as últimas décadas, o custo verdadeiro das guerras que EE UU librou no estranxeiro permaneceu na súa maior parte oculto. Pagamos as facturas militares pero poucos americanos morreron. A morte e a destrución sempre se producían no estranxeiro. Iso cambiou o 11 de setembro.
“Será unha batalla do ben contra o mal. Esta cruzada, esta guerra contra el terrorismo durará algún tempo” (G. W. Bush, 12 e 16 de setembro do 2001)

Estes parágrafos sobre o 11-S podémolos ler no libro ilustrado Adictos a la guerra, de Joel Andreas (sociólogo e profesor da Universidade de Baltimore, cunha longa traxectoria de compromiso e loita), publicada por Astiberri no 2004. Nel faise unha crítica crúa e documentada do sistema, respondendo con claridade e profusión de datos á pregunta do subtítulo: Por que EE UU está enganchado al militarismo?
O libro, en branco e negro, combina o debuxo coa fotografía. Unha nai e seu fillo cuestiónanse que se fai cos impostos, xa que no colexio do rapaz non teñen nin para mercar papel hixiénico. A resposta é que, no ano 2004, os gastos militares supuñan o 51% do orzamento federal. A seguinte pregunta que se fan é: por que EE UU sempre está en guerra? Para contestar nai e fillo (acompañados sempre polo esqueleto da morte) guíannos pola historia, desde o xenocidio dos indíxenas no século XIX ata as invasións de Afganistán e Iraq, e explícannos que empresas e persoas se benefician da guerra.
A pesar de que o texto abafa á imaxe en moitas páxinas, a lectura é fluída e xunto con Una historia popular del Imperio Americano, constitúen dous recursos excelentes, alternativos na forma e no fondo, para ensinar e aprender a verdadeira historia da potencia que aínda domina o mundo. Un dos aspectos do libro que máis me sorprendeu e gustou foi a inclusión dun capítulo 8 Resistir al militarismo e o capítulo final elocuentemente titulado El capítulo siguiente ¡No te quedes cruzado de brazos! cunha ampla relación de grupos e asociacións pacifistas coas que se pode colaborar contra a guerra. Como dixo Howard Zinn: ‘Adictos a la guerra é un retrato enxeñoso e devastador da política militar dos EE UU, un bo exemplo da arte ao servizo da sociedade’.
O libro tivo un gran éxito, o cal desmente a simplificada visión de EE UU, ao que moitas veces confundimos co Tea Party, como un país conservador, reaccionario e monolítico. Moita xente, como Andreas, loita contra esa terrorífica adición que é a guerra. Os argumentos que se utilizan son válidos tamén para outros países como España, nos que en plena crise recórtase en servizos básicos e mantéñense misións militares inmorais e carísimas sen que os medios se fagan eco das voces en contra. Por que ocorre isto? A resposta, no libro.