luns, 17 de febreiro de 2014

A pintura na I Guerra Mundial

Un espléndido e extenso traballo de Miguel Martí sobre a pintura (e os pintores) da I Guerra Mundial. Unha forma distinta e moi suxestiva de achegarse á Grande Guerra.

sábado, 15 de febreiro de 2014

Purga, de Sofi Oksanen


Purga é deses libros dos que todo o mundo che fala ben, por iso, cando por fin comecei a súa lectura as expectativas eran moi altas. E cumpriunas, unha das lecturas máis intensas que recordo.
A autora, a finesa Sofi Oksanen, conseguiu un gran éxito con esta traxedia (versión novelada dunha obra teatral), un auténtico best-seller con numerosos premios, que temos a sorte de seren traducido ao galego pola excelente editorial Rinoceronte. A nai de Sofi era estoniana o que lle permitiu coñecer de primeira man como se vivía na Estonia do final do imperio soviético e nos primeiros anos da independencia. Podemos resumir que o libro percorre a historia de Estonia no século XX: estado independente entre as dúas guerras mundiais, ocupado polos soviéticos no 1939, invadida polos alemáns no 1941 (os nazis foron recibidos como liberadores) e na URSS ata a caída do Muro de Berlín, en 1991. E o gran protagonista do século XX (quizais de toda a Historia), o ‘medo’. O medo impregna este estupendo e preciso relato das miserias humanas, da humillación e da resistencia a toda costa, da escuridade e a mentira, do egoísmo e o rancor.
A novela é a historia dunha supervivente da Historia, Aliide, unha muller estoniana que leva dúas bragas, unha sobre a outra, para sentirse máis segura. En 1992 é unha anciá que vive soa nunha aldea, afanada na súa cociña. De súpeto, no patio da casa aparece unha moza, Zara, aterrorizada, fóra de lugar, cun aspecto lamentable... pero fala estoniana. Por que teñen tanto medo as dúas mulleres? que traxedia ocultan? A resposta a esas preguntas é o argumento deste libro duro, moi duro, sen a penas concesións, cunha escritura minuciosa e unha estrutura perfecta. É imposible deixar de ler, de sentir o sufrimento dos personaxes e, sen embargo, de gozar da lectura, de impacientarnos por coñecer. O peor é que a vida desas mulleres é verdadeira, auténtica. A autora é quen de transmitirnos a verdadeira cara da Historia a través dunha ficción na que os grandes acontecementos esmagan, feren e destrúen a vida de calquera insignificante persoa, coma nós.
Purga (depuración, eliminación, o nome xa o di todo) permítenos entender mellor o terror stalinista (ou de calquera totalitarismo) e do capitalismo salvaxe que calquera estudo con datas, cifras e feitos. Nazis, stalinistas e mafiosos capitalistas forman un estarrecedor catálogo de monstros. Só se pode loitar por sobrevivir fronte a réximes aparentemente afastados pero que petan en todas as portas, ata no máis recóndito recanto de Estonia, de Alemaña ou de Siberia. O Sistema existe, somos nós, e ninguén está a salvo.
Ao longo da lectura somos quen de comprender, aínda que non sintamos simpatía (quizais, si, empatía) esa dor irracional, sen sentido, inxustificable, que esnaquiza calquera esperanza das mulleres, sempre as vítimas esquecidas da violencia institucional (dos homes?). Mulleres desgraciadas pero coa afouteza suficiente para seguir adiante no medio da pobreza moral máis descarnada. Aferradas ao amor como única táboa de salvación, aínda que iso lles faga ser crueis, ou inxenuas. Débiles e fortes á vez, marcadas por un pasado e un presente tráxico, marionetas do destino, pero capaces de actuar, de elixir, sen liberdade. Unha vida de segredos e mentiras na que ninguén pode ser bo de todo (nin malo?).
E ademais tamén está presente a relación, tan clásica, entre as dúas irmás, a boa e a mala, cos celos e o rancor galopantes; e a filla desarraigada, vítima da purga capitalista. que vive en Finlandia e non quere saber nada do mundo tradicional que súa nai quixera transmitirlle.
Un libro magnífico, cunha linguaxe directa e ás veces poética, que só nos conta o esencial pero que tamén fala cos seus silencios. Unha novela negra, de suspense, que desde o primeiro momento esperta a nosa curiosidade, aínda que só nos deixa coller aire, pouco, ao final. E o personaxe redondo, enorme, de Aliide.... Pódese vivir sen esperanza?



mércores, 12 de febreiro de 2014

O Entroido da Stasi

Para saber máis da foto, da Stasi e da RDA (República Democrática de Alemaña):



Festa dun alto funcionario da antiga RDA con espías da Stasi diafrazados das persoas
ás que tiñan que espiar (deportistas, artistas, etc.). Simon Menner

martes, 4 de febreiro de 2014

Quince razóns polas que o castelo de Monterrei non debería converterse nun complexo hoteleiro



  1. Por que o Castelo de Monterrei é o símbolo da nosa comarca.
  2. Por que non se deberían usar fondos públicos para o beneficio de uns poucos.
  3. Por que se din que o Parador non é rentable, difícilmente sería rentable este novo hotel.
  4. Por que todo o mundo debería poder visitar o castelo é non só o que poida pagar unha habitación.
  5. Por que non existe a necesidade de crear máis prazas hoteleiras na nosa comarca.
  6. Por que suporía o peche do Parador de turismo.
  7. Por que se pecha o parador de turismo a ver que se fai co edificio onde esta asentado.
  8. Por que nunca máis se vería o castelo iluminado pola noite (sería imposible durmir dentro del con tanto lucerio).
  9. Por que o castelo ten que ser de todos.
  10. Por que para facer as habitacións teñen por forza que abrir buratos nos muros da fortaleza para pasar os tubos da fontanería, cable da luz e esas cousas.
  11. ¡Por que hai un parador de turismo ó lado do castelo!
  12. Por que o castelo non necesita ser lucrativo para se útil.
  13. Por que o Castelo de Monterrei debería converterse no museo da nosa comarca e non nun hotel para uns cantos.
  14. Por que na cesión do castelo por parte da administración xeral do estado á Xunta de Galicia só se contempla o seu uso con fins culturais.
  15. E por último e máis importante: ¡Por que si os da Xunta creeran que un hotel no castelo podería ser beneficioso  para a comarca andariano anunciando a bombo e platillo e non andarían facendo as cousas a escondidas do pobo!