domingo, 19 de decembro de 2010

Foto do ano de UNICEF, de Ed Kashi.

Unha foto do 2010 que nos remite a un conflito rematado? en 1975
Coñecemos máis da Guerra de Vietnam que da propia Guerra Civil pola colonización cultural ianqui (fotos, cine, televisión, xogos...). Coñecemos? Guerra Fría, Rota Ho Chi Min, My Lai, bonzos, tiro nas sens, Ofensiva do Te, La chaqueta metálica, El cazador, Apocalipsis Now... Un escenario de película... de horror.
Esta nena só ten nove anos, ten o rostro deformado polas secuelas dos axentes químicos que usaron as tropas de EE UU contra as persoas e as plantas. Hai 1,2 millóns de nenos discapacitados en Vietnam, moitos deles nas áreas rurais.
Unha bonita fotografía cun tema para non esquecer. A guerra continúa, ben o sabe esta nena que nin viu como 'remataba'. Putas guerras.

sábado, 11 de decembro de 2010

Camilo de Dios, un maquis galego



do documental: 'O meu nome é Luis Ferreiro'

O cromosoma dos dereitos humanos

“62 anos despois da súa aprobación e proclamación, nunha histórica Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1948, o mundo suspende en Dereitos Humanos. 
Hoxe a noticia sería que un acusado fracaso escolar en Pedagoxía Aplicada para os Dereitos Humanos delata o pulso vital dese vello e violento planeta Terra.
A fame, a precariedade laboral, o acoso, o maltrato, a violencia, a discriminación, a censura, a inxustiza, a escravitude, a tortura, a detención arbitraria, a persecución ideolóxica, o sexismo, a falta de liberdade, a pobreza, a negación da educación, do acceso á cultura... son escuros vermes identificados como especies que se reproducen e medran con abafante facilidade e se resisten a engrosar a categoría de “en perigo de extinción” (...)
(...) Ás vítimas, aos desherdados da terra, asísteos todo o dereito do mundo, cando menos, a acomodarse na nosa conciencia e, desde ese acubillo, coas súas voces desesperadas e agudas, removela, axitala e espabilala. Pero non buscan compaixón. Buscan xustiza. A compaixón, como advirte o xornalista Alfonso Armada, non avanza nas raíces da inxustiza e consagra o desastre como estado natural dalgúns territorios. E é que, como tamén dixo Eduardo Galeano, a pobreza non está escrita nos astros nin a miseria é o froito dun escuro designio de deus. Xa que logo, as cifras poden cambiarse. É o get up, stand up , que cantaba Bob Marley contra o apartheid en Sudáfrica.
(...) O secuestro dos dereitos humanos vive día a día canda nós (...) Non hai máis que lembrar a Montse Labrada, asasinada hai uns meses en Lugo polo seu home, profesor de instituto. Ou ás persoas sen teito que carecen de albergue en Vigo.
(...) É a confusión que nos provocan as novas sociedades globalizadas, multirraciais, multiétnicas, multiculturais, plurilingües. Pero a igualdade e a xustiza non existen se non se recoñece a diferenza.
(...) Se somos quen de crer nos Dereitos Humanos, seremos quen de respectalos. Non pode haber credo máis verdadeiro nin relixión máis universal.
E tamén hai que crer na utopía. Porque só se conseguen as cousas nas que se cre. E porque o respecto aos Dereitos Humanos, construídos a partir da palabra, asentan no individuo o cromosoma máis característico que identifica a nosa especie: a racionalidade.

(Extracto de ‘O cromosoma dos Dereitos Humanos’ de Fran Alonso)

xoves, 9 de decembro de 2010

LA ZONA: A SOCIEDADE AMURALLADA

A primeira vez que vin a película mexicana “La Zona” de Rodrigo Plá pareceume impresionante, deixoume abraiado e asustado. ‘A Zona’ é unha área residencial (de ricos, claro) amurallada dentro dun contexto urbano deprimido. A acción desátase cando tres mozos do outro lado conseguen entrar e... Non vos conto máis porque quero que a vexades sen coñecer a trama, só sabendo que é unha película case que imprescindible para todos aqueles que vemos o mundo no que vivimos con ánimo crítico e pensamos que se pode mellorar, que as cousas poden e deben cambiar, que as murallas só serven para crear cárceres douradas nas que ningún ser humano debe sentirse a gusto, que non se pode vivir con medo. En “La Zona” podemos ver reflectido o peor de nós mesmos, o peor da clase media que enche os supermercados. Só sendo conscientes dos nosos medos e prexuízos poderemos conseguir que a conciencia solidaria (o noso lado bo) triunfe sobre a comodidade aparente da xente ‘normal’.
Estamos obsesionados coa seguridade e coa propiedade. E aqueles que temos propiedades, aínda que estean hipotecadas, non queremos que nos molesten os que nos as teñen. Necesitamos aos pobres pero témoslles medo. Que traballen barato, si, pero ao rematar a súa longa xornada laboral que volvan axiña para o seu gueto. Estamos perdendo o que se consideraron tradicionalmente valores humanos máis elementais coa escusa da seguridade. O peor é que o discurso progresista, de esquerdas, que moitas veces foi, e é usado, de maneira demagóxica, agora semella que nin tan sequera é politicamente correcto. Agora, o discurso insolidario gana terreo e as aspiracións de cambio, dun futuro con maior xustiza social, xa non venden. Como non hai nada que facer só nos queda defendernos, amurallarnos, usar as leis e a violencia institucional ou privada ao servizo da noso ‘modo de vida’. Pero, se nós usamos a violencia contra os desposuídos da terra, que razóns podemos aducir para que eles non a usen contra nós para sobrevivir?
O medo, que todos sentimos, non somos capaces de canalizalo cara un movemento de procura dunha maior xustiza social na que a violencia e o delito sexan innecesarios, senón cara a creación de ‘zonas’: a falsa seguridade, a sociedade amurallada. Un muro que a uns lles impide entrar pero aos outros lles impide saír.

luns, 6 de decembro de 2010

En recordo de Marcos Valcárcel

As uvas na solaina
O PROFESOR
Marcos Valcárcel

Na casa de Ervedelo, o avó Benxamín presidía a longa mesa do comedor onde collía unha ducia de persoas. Os homes sentabámonos antes mentres as mulleres traían as fontes do cocido. O meu irmán Fiz e máis eu a cada lado do meu avó: el xa se encargaba de enchernos os vasos de viño e os pratos.
Falábase de moitos temas, desde o estado das vides ata as conquistas amorosas de Julio Iglesias. Ás veces o avó contaba as súas aventuras de mocidade en Cuba. Outras veces dicía:
Agora, calade todos que vai falar “O Profesor”, pois así me chamou desde neno.
E entón xurdía o relato: as infidelidades de Zeus, as viaxes de Ulises, as aventuras de Hércules, o terror da Medusa.

venres, 3 de decembro de 2010

O Valedor do pobo e a educación



Como moitos de vós sabedes neste primeiro trimestre os fanáticos de Galicia Bilingüe colléronos cariño e non hai maneira de que nos deixen traballar en paz (comunicado do Equipo de Normalización de Cuntis). Temos que andar preocupándonos por un vídeo de Skarnio, que non son precisamente os Madness. Que se hai que retiralo, que se non, que se só o enlace, que se non se entende... Nin Bob Dylan ten provocado tantas e tan profundas reflexións pseudofilosóficaseducativas, con perdón.
O 15 de novembro Valedor do Pobo (do deles, claro) emitiu unha resolución sobre o tema na que se permite opinar, coa súa sabedoría pedagóxica, sobre o que é apropiado, adecuado e lícito na educación (debaixo tedes a resolución). Os de GB agardaron ao pasado domingo para darlle publicidade, usando o seu enchufe nalgúns medios, entre os que destaca a ética xornalística (a falta dela, claro) do Faro de Vigo.
E aí estamos nós, aturando a arremetida, sometidos a unha campaña propia de Torquemada sen que apenas se escoite a nosa opinión. Non puiden quedar calado ante a indignación que me provocou o escrito do Valedor e redactei unha queixa que presentarei na oficina do propio Valedor (podedes lela abaixo tamén). Para máis inri hoxe chegaron ao Colexio unhas cartas anónimas dirixidas a cada profesor, que só incluían a Resolución do Valedor enviada a Gloria Lago (una bellísima persona). Está claro que alguén fixo uso dos nosos datos de forma fraudulenta e con mala fe (quen será o/a Xudas?).
E aquí estamos, seguimos traballando, pero está claro que son malos tempos para a lírica (como dícia GB, Golpes Bajos, non os outros, claro), para as liberdades e para o galego.



Resolución




Queixa