venres, 30 de maio de 2014

República e Guerra Civil. A construción da memoria

Conferencia de Miguel Anxo Murado. Ciclo «Pasados incómodos: guerra, memoria e historia», organizado por Histagra. Compostela, 7 de abril de 2014. Facultade de Xeografía e HIstoria, Universidade de Santiago de Compostela

venres, 9 de maio de 2014

Quiero irme a casa


Quiero irme a casa é un proxecto de sensibilización baseado na educación para o desenvolvemento dirixido a estudantes de secundaria. Os seus obxectivos son desmontar as falacias interesadas e os prexuízos, humanizar ao outro, ao estranxeiro descoñecido, e fomentar a convivencia e a solidariedade.
É un proxecto realizado pola ONG Mensajeros de la Paz co apoio da Agencia Asturiana de Cooperación al Desarrollo.
Centrado en Xordania, relata a vida de varios rapaces e rapazas, iraquís, palestinos e sirios que están refuxiados nese país.

luns, 5 de maio de 2014

O 2 DE MAIO: OS DESASTRES DA GUERRA

Do antigo Caladiños

Estes días estase a conmemorar o inicio da Guerra da Independencia. O 2 de maio o pobo de Madrid iniciou a revolta contra as tropas francesas que pretendían ocupar o reino de España dentro da política expansionista de Napoleón. Coma ocorre con todos os acontecementos históricos presentes na memoria colectiva a interpretación destes feitos está sometida aos intereses políticos e ideolóxicos da actualidade. Para uns foi unha guerra ‘nacional’, a nación en armas contra o invasor; para outros foi unha guerra civil onde a maioría reaccionaria, aguilloada pola Igrexa absolutista, se impuxo aos liberais afrancesados que pensaban co mellor para os españois era un réxime semellante ao xurdido en Francia despois da Revolución de 1789. Uns poñen o acento na valentía e espírito patriótico das guerrillas que se crearon por todo o territorio, mentres outros resaltan a importancia que tiveron as tropas británicas na derrota do exército francés.

Carezo dunha formación suficiente para opinar sobre as características particulares desa guerra, pero quixera denunciar unha vez máis a manipulación da Historia ao servizo duns intereses políticos perfectamente defendibles sen necesidade dun uso espurio do pasado. Por que algúns se volcan no que ocorreu hai 200 anos e pretenden esquecer a Guerra Civil e a Ditadura? Calquera proceso histórico admite interpretacións distintas, así se enriquece o coñecemento histórico. Pero non é admisible a ocultación de acontecementos obxectivos, nin a valoración dos mesmos só en función dunhas teses fundamentalistas non sometidas a unha análise científica rigorosa. Primeiro establécense unhas conclusións e, despois, recóllese do pasado só aquilo que xustifica esas conclusións. O mundo ao revés.

O que ocorreu entre 1808 e 1814 en España foi unha guerra tan salvaxe coma todas, nas que os humildes son sempre os que sofren as peores consecuencias. Unha guerra na que, como en todas, se cometeron toda clase de horrores e que supuxo un fracaso para todos aqueles que pretenderon unha mellora das condicións políticas e socias nas que vivían os españois. En 1814 regresou o infame Fernando VII ao trono (o ‘desexado’ non era digno deste alcume) e o progreso que podería supor a Constitución de 1812 viuse truncado coa volta ao absolutismo do Antigo Réxime.

É importante saber o que pasou, pero sobre todo, temos que preguntarnos por que pasou: por que se mataron e actuaron tan vilmente os guerrilleiros e os soldados franceses e británicos hai 200 anos? por que hoxe se segue actuando da mesma maneira e non sabemos resolver os conflitos sen recorrer ás armas?

Se realmente queremos aprender da Guerra da Independencia temos que botar man de Goya, das súas pinturas e gravados: La lucha con los mamelucos, El 2 de mayo de 1808 en Madrid; El 3 de mayo en Madrid, Los Desastres. Nestes fastos estanse a utilizar para exaltar o patriotismo máis rancio, un sentimento moi baixo. Pero el o que quixo transmitirnos coa súa obra foi o horror da guerra, quixo deixarnos unha lección para que non se repetira. Non tivo éxito, aínda que segue sendo unha referencia para calquera protesta contra calquera guerra. Miremos o horror da guerra que debuxou Goya para nós e berremos Nunca Máis!!! sen perder a esperanza.