martes, 9 de marzo de 2010

10 de marzo: Día da Clase Obreira Galega


A loita antifranquista en Galicia, protagonizada basicamente polo Partido Comunista e o sindicato das Comisións Obreiras, acadou o seu momento culminante en 1972 con conflitos laborais en Ferrol (marzo) e Vigo (setembro).

O PC e as CC OO centraron a acción na consecución dun convenio laboral nos asteleiros de Bazán. O conflito comezou a finais de 1971. Os traballadores pedían melloras salariais, redución da xornada a 42 horas semanais e un mes de vacacións, así como o 100% do salario no caso de enfermidade ou accidente e a readmisión dos despedidos. O 10 de marzo, unha manifestación obreira foi reprimida polas forzas de orde pública, co resultado de dous obreiros mortos (Daniel Niebla e Xulio Aneiros) e máis de vinte feridos.

"Aquela noite (10-3-1972) reunímonos uns cantos dirixentes de CC OO (...) e preparamos as mobilizacións do día seguinte para reclamar a reapertura da factoría Bazán e a readmisión dos despedidos (...). Ao ver que as portas estaban pechadas decidimos realizar unha manifestación cara o barrio de Caranza, xa que alí traballaban moitos obreiros da construción aos que iamos pedir solidariedade (...). Pasado xa o cruce das Pías chegaron numerosos coches da Policía (...). Daniel Niebla caeu diante de min morto dun tiro na fronte e Xulio Aneiros foi ferido de gravidade dun balazo no pescozo".

Rafael Pillado. 'O dez de marzo en Ferrol', A Nosa Terra, Novembro, 1998

En solidariedade coas vítimas e os detidos houbo numerosas folgas. Finalmente, o 21 de marzo, abriuse de novo a fábrica, cos obreiros vixiados pola policía e con 160 traballadores despedidos, moitos deles enlaces sindicais.

En setembro, os obreiros da factoría de Citroën de Vigo realizaron unha longa folga que se estendería pola bisbarra durante quince días. As demandas eran as mesmas que en Ferrol e a represión tamén similar, co despido de 400 traballadores. Nos anos seguintes o aumento das mobilizacións, á par que os xuízos no TOP (Tribunal de Orden Público) puxeron de manifesto a debilidade da ditadura e a capacidade de mobilización das forzas de oposición.

No ano 1997, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha declaración institucional onde facía constar o especial significado do 10 de marzo, celebrado polas principais organizacións sindicais do país como Día da Clase Obreira Galega. A efeméride acadou rango oficial en 2006.

O 25 de xuño de 1991 o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia promoveu en Santiago de Compostela a creación da Fundación 10 de Marzo. É unha institución de carácter cultural que ten entre os seus obxectivos a organización do Arquivo da Historia Sindical de Galicia, a constitución de fondos centrados no mundo do traballo e a promoción da investigación histórica sobre o mundo laboral e a súa difusión na escola e na sociedade. Así a Fundación conta cun abundante e interesante material didáctico de moito interese para que os noso alumnado coñeza a Historia do Movemento Obreiro en Galicia, así como a propia Historia da nosa terra.

Ningún comentario: