mércores, 30 de marzo de 2011

Mestres vítimas do franquismo


A derradeira lección do mestre, Castelao
Os mestres da II República, tiveran ou non unha militancia política, foron os funcionarios máis reprimidos polos franquistas na Guerra Civil e na Ditadura. Entre eles atópase o mestre que dá nome ao noso Colexio: Aurelio Marcelino Rey García. Podédolo consultar no blog Memoria de Cuntis

Coa chegada da República houbo unha verdadeira revolución no Ensino. Os partidos e sindicatos de esquerda fixeron unha aposta decidida polo impulso do ensino público, considerado unha ferramenta imprescindible na transformación dunha sociedade inculta e ancorada no pasado. Desenvolvéronse programas rigorosos e progresistas de formación dos mestres, que fixeron deles unha das xeracións mellor preparadas de docentes. A escola republicana foi diversa, pero unida polo antifascismo. E os mestres pagárono moi caro.
Na Guerra Civil e na Ditadura depurouse a uns 60.000 mestres (La Depuración del Magisterio Nacional, Morente Varelo), expulsados ou sancionados. A sanción menos grave é que estiveran 18 meses sen cobrar. Na Universidade tamén houbo expulsados, sendo substituídos nos seus postos por afectos ao franquismo. Moitos outros foron fusilados, como o reflicten maxistralmente Castelao e o conto de Manuel Rivas e posterior filme A lingua das bolboretas.
Os ensinantes eran considerados responsables de terlle transmitido aos mozos as ideas republicanas e progresistas. Ademais, os fascistas pensaban que se non se acababa cos mestres republicanos, corría perigo a imposición da política nacional-católica. Había que aplicar un castigo exemplar a todos os intelectuais en xeral, que lles quitara as ganas de repetir a experiencia democrática. E conseguírono. O medo, o terror e a miseria, tamén moral, instaláronse nas escolas.
Durante a Guerra Civil, na zona controlada polos rebeldes franquistas, creáronse comisións provinciais, formadas por o director do instituto, un representante da asociación de pais (‘persona de probada moralidad católica’), un inspector e dous vogais de ‘solvencia moral y técnica’. Pedíaselles aos mestres que detallaran o que facían antes e despois do 18 de xullo, as súas simpatías políticas, a súa vida diaria e privada, e que delataran aos seus compañeiros. A súa defensa debía ir acompañada dos informes do alcalde, o cura e a guardia civil.
Algunhas das acusacións que aparecen nos expedientes provocan a risa: ‘Houbo denuncias privadas, de veciños, nas que se acusaba ao mestre de tocar o piano nun baile público, por exemplo’ (Morente). Tamén constan numerosas denuncias motivadas pola intención de colocar nas escolas a un familiar ou achegado. Nunha aldea de Lugo, o alcalde desfíxose do mestre, que non militaba na esquerda, porque no seu lugar quedaría mellor unha señorita católica, de familia decente, como Deus manda. O alcalde concluía o seu informe: ‘El hecho de que esta señora sea mi hija no es el motivo de la destitución del maestro’. Foi tal o alcance da represión que na Ditadura moitos curas e militares fixéronse cargo da educación (mala).
Pero o principal motivo de acusación era de índole relixiosa. Os mestres, moitos deles católicos, cumpriron as leis laicas da República e retiraron os crucifixos das aulas. Este foi o delito que condenou a moitos deles. Chegou a longa noite de medo e silencio, a loita diaria por sobrevivir ao terror.
Hilda Farfante, mestra, berrou na colocación dunha placa que recorda aos fusilados no cemiterio de Cangas de Narcea (Asturias) no 2001: “por ellos, por su injusta y terrible muerte, por su miedo, por su dolor, por su juventud truncada. Y por nosotros, los que nos quedamos sin ellos a merced de sus asesinos […] Y por las viudas que vivieron y murieron con la boca apretada para que no se les escapara este mismo grito nuestro”. Pois iso.


1 comentario:

Cibrán dixo...

Ola Heladio. Creo que case tropezo contigo na manifestación contra os recortes no ensino. E agora tropezo aquí.
Ben. Tamén na Estrada os mestres recibiron un trato especial:

http://vimeo.com/9890580
Saúdos. E parabéns polo blogue.