mércores, 9 de marzo de 2011

Una historia popular del Imperio Americano. Una adaptación gráfica. De Howard Zinn; Mike Konopacki e Paul Buhle


Non tiven aínda a posibilidade de ler La otra historia de los Estados Unidos, o libro do historiador Howard Zinn adaptado neste cómic, pero a lectura desta magnífica síntese faime devecer por facelo canto antes. Máis alá da calidade estética desta banda deseñada o que realmente a fai imprescindible é o que nos conta. Esta é a Historia que queremos ler, que queremos aprender e ensinar. E non só dos EE UU, senón de calquera lugar. Unha Historia onde vítimas e verdugos se amosan con claridade didáctica, unha Historia que explica o presente desde o pasado e nos fai comprender como puidemos chegar ata aquí. Un pasado cheo de violencia e explotación pero tamén de conquistas socias que manteñen viva a nosa esperanza nun futuro mellor.
Zinn, falecido o ano pasado, está catalogado como un intelectual de esquerdas en EE UU. E ser de esquerdas no país de Guantánamo, e outras fazañas bélicas, é case ser un perigoso revolucionario. A min antóllaseme que, sendo ou non de esquerdas, o que manifesta ca súa obra é unha inmensa sensatez, capacidade de análise e sensibilidade social. Para proba o título da súa autobiografía Nadie es neutral en un tren en marcha.
A banda deseñada estrutúrase en distintos episodios da historia contemporánea dos EE UU, que o propio Zinn relata nunha conferencia e que se nos presentan en viñetas que teñen o acerto de non aforrar datos e documentos gráficos e textuais asombrosamente elocuentes. Da Conquista do Oeste á Guerra de Afganistán, o autor explícanos o por que, e o verdadeiro carácter moral da política estadounidense centrada na violencia como ferramenta de dominio económico e social: a guerra permanente. Unha reflexión profunda, e á vez sinxela, sobre os verdadeiros heroes, as vítimas dun sistema profundamente inxusto.
Un libro imprescindible para todos aqueles que estamos fartos da historia académica, do politicamente correcto. Magnífico, revelador, cheo de humanidade, unha xoia ao alcance de tódolos públicos, que remata así:
"...y vivir como creemos que deben vivir los seres humanos, pese a todo lo malo que nos rodea, es una VICTORIA MARABILLOSA."

Ningún comentario: