Esta fotografía de Agustí Centelles, un dos grandes reporteiros gráficos da Guerra Civil no bando republicano, pareceume sempre unha das que mellor expresa o que é a Guerra. E non só a Guerra Civil, senón calquera. Os nenos sempre imitan aos maiores e se o que ven é morte e violencia eles reprodúcenas nos seus xogos aparentemente inocentes, mesmo nos chapuceiros uniformes e no xefe de pelotón, tan digno el. Por que os xefes nos parecen tan decentes mentres os seus subordinados fan o traballo sucio?
E non xogan ás batallas, senón aos fusilamentos, nunha extraordinaria imitación dos ‘Fusilamientos del 3 de mayo’ de Goya, que o autor soubo maxistralmente captar: a barbarie sen cara, de costas; os fusilados de fronte. Unha metáfora da cruel realidade que se vivía neses momentos en España. Noutro bando, no dos rebeldes, os nenos xogaban ao mesmo como anotou o xeneral Mola (perdón, Mula), nos seus diarios en agosto de 1936: “Me ha chocado el juego que se llevaban unos chiquillos. Dos de ellos iban con escopetas de juguete. Los demás cogían a otro prisionero y lo conducían ante los armados. Éstos le gritaban al preso: ‘!Viva España¡, ¡viva España¡’ y como el preso no contestara (el juego era no contestar), los de las escopetas apuntaban y el pelotón imitaba el fusilamiento”. Semella case unha descrición detallada da foto, aínda que os berros fosen outros.
Nenos con armas de plástico en Nayac, Iraq |
Hoxe, os nenos (non as nenas), seguen a xogar á guerra en Somalia, Palestina ou Iraq, mentres os maiores alimentan esta perversa diversión coa súa incapacidade para vivir sen matarse. Mesmo recorren aos nenos para que alimenten a maquinaria bélica, como ocorre hoxe en moitas contendas, pero tamén en 1938 coa chamada ‘Quinta do biberón’ durante a Batalla do Ebro no bando republicano. Nenos de 17 anos levados a morrer e a matar na fronte. Cando deixarà de estar de moda fusilar?
Nesta foto no Madrid asediado do 36, as nenas xogan tamén a súa guerra. A pesar de que houbo moitas milicianas no bando republicano para estas nenas xogar a ser mulleres durante o conflito supuña disfrazarse de enfermeiras. Os roles de xénero manifestados con nitidez. Os machos matan, as mulleres curan. Pena que hoxe se mida a consecución da igualdade cuantificando o número de mulleres no exército. Nenas e nenas, vítimas sempre (na Guerra Civil morreron uns 400.000 nenos e nenas), pero tamén aprendices do vil oficio de matar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario