domingo, 9 de xaneiro de 2011

EMPIRE STATE BUILDING

Obreiro no Empire
MÁIS FOTOS

O máis famoso edificio de Nova York, e dos máis coñecidos de todo o mundo, consta de 102 pisos, que o levan, antena incluída, aos 443 m. de altura. Parece un símbolo da modernidade pero en maio cumprirá 80 anos, xa que foi inaugurado o 1 de maio de 1931, tras tan só un ano e corenta e cinco días de construción, na que traballaron 3.400 obreiros, na súa maior parte inmigrantes europeos.

A famosa construción, de estilo Art Decó (moi en vigor na época na que se construía este rañaceos, pero que ten a súa orixe no París de primeiros do século XX, e que buscaba a elegancia, a funcionalidade e a modernidade) converteuse no edificio máis alto do mundo ata o ano 1972, cando se rematou a torre norte do World Trade Center, e, tras a tráxica destrución desta e da súa xemelga nos atentados do 11-S, o Empire State volveu ser o edificio máis alto da cidade e o segundo de Estados Unidos.

O edificio foi construído e inaugurado durante os tempos da Gran Depresión, o que levou a que non fose rendible durante case dúas décadas, xa que boa parte do seu espazo destinado a aluguer de oficinas permaneceu durante ese tempo baleiro.

Na actualidade, os seus propietarios, cun modelo de explotación parecido, veñen de facer importantes reformas de cara a lograr un 40% de aforro de consumo eléctrico no edificio, así como de contratar o subministro da electricidade total do edificio de fontes renovables (eólica na súa totalidade), co cal pretenden atraer a máis inquilinos. Iso si que é modernidade.

Aitor Campos Ramos (4ºA)

Ningún comentario: