Todo comezou no ano 2001, cando o pai de Antonio Altarriba suicidouse aos noventa anos nunha Residencia da Rioja. Antonio decidiu, a partir dos escritos do seu pai elaborar un guión que máis tarde ofreceu ao debuxante Kim, coñecido sobre todo pola parodia dos fascistas que publica El Jueves: Martínez en Facha. Desde o ano 2006 Kim comezou a debuxar ‘El arte de volar’ que sería publicado por Edicions de Ponent no 2009.
Ultimamente teño moita sorte coas bandas deseñadas que leo, son dunha calidade impresionante, tanto literaria como artística. ‘El arte de volar’ é un cómic realmente impresionante, imprescindible polo que conta e por como o conta. Desde a primeira a última viñeta engánchate, malla en ti cunha forza irresistible, rompendo con calquera defensa ou distancia que pretendas opoñer a intensa e desesperanzada vida do seu protagonista.
É a historia de vida dunha persoa, pero tamén o reflexo descarnado, case cruel, das miserias que tiveron que sufrir os españois derrotados polo fascismo. Os seus desexos dun mundo mellor, a súa ansia de voar, viuse esmagada pola aguia do franquismo, sumíndoos na amargura dunha existencia mediocre imprescindible para sobrevivir.
A Historia e a vida do protagonista forman unha unidade que os autores conseguen expresar á perfección. A pobreza do mundo rural, a ilusión da II República, os desastres da Guerra Civil e do exilio, e a castración franquista non son un escenario neutro de fondo, senón que penetran na biografía de Antonio condicionando ata a medula, ata o corazón, calquera posibilidade de vivir, de ser feliz. Hai amor e hai humor (pouco) pero non é posible adaptarse a un mundo hipócrita, inxusto. Só ao final pode voar.
É unha obra redonda, magnífica, que acaba de recibir o Premio Nacional de Cómic de Catalunya (seguro que non é último) e que mesmo se compara, con razón, con Maus, o cómic por antonomasia do Holocausto nazi. Imprescindible para saber Historia, imprescindible para saber da vida.
El Arte de Volar from polinomio on Vimeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario