domingo, 19 de decembro de 2010

Foto do ano de UNICEF, de Ed Kashi.

Unha foto do 2010 que nos remite a un conflito rematado? en 1975
Coñecemos máis da Guerra de Vietnam que da propia Guerra Civil pola colonización cultural ianqui (fotos, cine, televisión, xogos...). Coñecemos? Guerra Fría, Rota Ho Chi Min, My Lai, bonzos, tiro nas sens, Ofensiva do Te, La chaqueta metálica, El cazador, Apocalipsis Now... Un escenario de película... de horror.
Esta nena só ten nove anos, ten o rostro deformado polas secuelas dos axentes químicos que usaron as tropas de EE UU contra as persoas e as plantas. Hai 1,2 millóns de nenos discapacitados en Vietnam, moitos deles nas áreas rurais.
Unha bonita fotografía cun tema para non esquecer. A guerra continúa, ben o sabe esta nena que nin viu como 'remataba'. Putas guerras.

sábado, 11 de decembro de 2010

Camilo de Dios, un maquis galego



do documental: 'O meu nome é Luis Ferreiro'

O cromosoma dos dereitos humanos

“62 anos despois da súa aprobación e proclamación, nunha histórica Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1948, o mundo suspende en Dereitos Humanos. 
Hoxe a noticia sería que un acusado fracaso escolar en Pedagoxía Aplicada para os Dereitos Humanos delata o pulso vital dese vello e violento planeta Terra.
A fame, a precariedade laboral, o acoso, o maltrato, a violencia, a discriminación, a censura, a inxustiza, a escravitude, a tortura, a detención arbitraria, a persecución ideolóxica, o sexismo, a falta de liberdade, a pobreza, a negación da educación, do acceso á cultura... son escuros vermes identificados como especies que se reproducen e medran con abafante facilidade e se resisten a engrosar a categoría de “en perigo de extinción” (...)
(...) Ás vítimas, aos desherdados da terra, asísteos todo o dereito do mundo, cando menos, a acomodarse na nosa conciencia e, desde ese acubillo, coas súas voces desesperadas e agudas, removela, axitala e espabilala. Pero non buscan compaixón. Buscan xustiza. A compaixón, como advirte o xornalista Alfonso Armada, non avanza nas raíces da inxustiza e consagra o desastre como estado natural dalgúns territorios. E é que, como tamén dixo Eduardo Galeano, a pobreza non está escrita nos astros nin a miseria é o froito dun escuro designio de deus. Xa que logo, as cifras poden cambiarse. É o get up, stand up , que cantaba Bob Marley contra o apartheid en Sudáfrica.
(...) O secuestro dos dereitos humanos vive día a día canda nós (...) Non hai máis que lembrar a Montse Labrada, asasinada hai uns meses en Lugo polo seu home, profesor de instituto. Ou ás persoas sen teito que carecen de albergue en Vigo.
(...) É a confusión que nos provocan as novas sociedades globalizadas, multirraciais, multiétnicas, multiculturais, plurilingües. Pero a igualdade e a xustiza non existen se non se recoñece a diferenza.
(...) Se somos quen de crer nos Dereitos Humanos, seremos quen de respectalos. Non pode haber credo máis verdadeiro nin relixión máis universal.
E tamén hai que crer na utopía. Porque só se conseguen as cousas nas que se cre. E porque o respecto aos Dereitos Humanos, construídos a partir da palabra, asentan no individuo o cromosoma máis característico que identifica a nosa especie: a racionalidade.

(Extracto de ‘O cromosoma dos Dereitos Humanos’ de Fran Alonso)

xoves, 9 de decembro de 2010

LA ZONA: A SOCIEDADE AMURALLADA

A primeira vez que vin a película mexicana “La Zona” de Rodrigo Plá pareceume impresionante, deixoume abraiado e asustado. ‘A Zona’ é unha área residencial (de ricos, claro) amurallada dentro dun contexto urbano deprimido. A acción desátase cando tres mozos do outro lado conseguen entrar e... Non vos conto máis porque quero que a vexades sen coñecer a trama, só sabendo que é unha película case que imprescindible para todos aqueles que vemos o mundo no que vivimos con ánimo crítico e pensamos que se pode mellorar, que as cousas poden e deben cambiar, que as murallas só serven para crear cárceres douradas nas que ningún ser humano debe sentirse a gusto, que non se pode vivir con medo. En “La Zona” podemos ver reflectido o peor de nós mesmos, o peor da clase media que enche os supermercados. Só sendo conscientes dos nosos medos e prexuízos poderemos conseguir que a conciencia solidaria (o noso lado bo) triunfe sobre a comodidade aparente da xente ‘normal’.
Estamos obsesionados coa seguridade e coa propiedade. E aqueles que temos propiedades, aínda que estean hipotecadas, non queremos que nos molesten os que nos as teñen. Necesitamos aos pobres pero témoslles medo. Que traballen barato, si, pero ao rematar a súa longa xornada laboral que volvan axiña para o seu gueto. Estamos perdendo o que se consideraron tradicionalmente valores humanos máis elementais coa escusa da seguridade. O peor é que o discurso progresista, de esquerdas, que moitas veces foi, e é usado, de maneira demagóxica, agora semella que nin tan sequera é politicamente correcto. Agora, o discurso insolidario gana terreo e as aspiracións de cambio, dun futuro con maior xustiza social, xa non venden. Como non hai nada que facer só nos queda defendernos, amurallarnos, usar as leis e a violencia institucional ou privada ao servizo da noso ‘modo de vida’. Pero, se nós usamos a violencia contra os desposuídos da terra, que razóns podemos aducir para que eles non a usen contra nós para sobrevivir?
O medo, que todos sentimos, non somos capaces de canalizalo cara un movemento de procura dunha maior xustiza social na que a violencia e o delito sexan innecesarios, senón cara a creación de ‘zonas’: a falsa seguridade, a sociedade amurallada. Un muro que a uns lles impide entrar pero aos outros lles impide saír.

luns, 6 de decembro de 2010

En recordo de Marcos Valcárcel

As uvas na solaina
O PROFESOR
Marcos Valcárcel

Na casa de Ervedelo, o avó Benxamín presidía a longa mesa do comedor onde collía unha ducia de persoas. Os homes sentabámonos antes mentres as mulleres traían as fontes do cocido. O meu irmán Fiz e máis eu a cada lado do meu avó: el xa se encargaba de enchernos os vasos de viño e os pratos.
Falábase de moitos temas, desde o estado das vides ata as conquistas amorosas de Julio Iglesias. Ás veces o avó contaba as súas aventuras de mocidade en Cuba. Outras veces dicía:
Agora, calade todos que vai falar “O Profesor”, pois así me chamou desde neno.
E entón xurdía o relato: as infidelidades de Zeus, as viaxes de Ulises, as aventuras de Hércules, o terror da Medusa.

venres, 3 de decembro de 2010

O Valedor do pobo e a educación



Como moitos de vós sabedes neste primeiro trimestre os fanáticos de Galicia Bilingüe colléronos cariño e non hai maneira de que nos deixen traballar en paz (comunicado do Equipo de Normalización de Cuntis). Temos que andar preocupándonos por un vídeo de Skarnio, que non son precisamente os Madness. Que se hai que retiralo, que se non, que se só o enlace, que se non se entende... Nin Bob Dylan ten provocado tantas e tan profundas reflexións pseudofilosóficaseducativas, con perdón.
O 15 de novembro Valedor do Pobo (do deles, claro) emitiu unha resolución sobre o tema na que se permite opinar, coa súa sabedoría pedagóxica, sobre o que é apropiado, adecuado e lícito na educación (debaixo tedes a resolución). Os de GB agardaron ao pasado domingo para darlle publicidade, usando o seu enchufe nalgúns medios, entre os que destaca a ética xornalística (a falta dela, claro) do Faro de Vigo.
E aí estamos nós, aturando a arremetida, sometidos a unha campaña propia de Torquemada sen que apenas se escoite a nosa opinión. Non puiden quedar calado ante a indignación que me provocou o escrito do Valedor e redactei unha queixa que presentarei na oficina do propio Valedor (podedes lela abaixo tamén). Para máis inri hoxe chegaron ao Colexio unhas cartas anónimas dirixidas a cada profesor, que só incluían a Resolución do Valedor enviada a Gloria Lago (una bellísima persona). Está claro que alguén fixo uso dos nosos datos de forma fraudulenta e con mala fe (quen será o/a Xudas?).
E aquí estamos, seguimos traballando, pero está claro que son malos tempos para a lírica (como dícia GB, Golpes Bajos, non os outros, claro), para as liberdades e para o galego.



Resolución




Queixa

martes, 30 de novembro de 2010

Tiempo de guerra. Conciencia y engaño en la segunda guerra mundial


Este libro trata de la cultura psicológica y emocional de los norteamericanos y los británicos durante la Segunda Guerra Mundial; sobre las racionalizaciones y eufemismo que la gente necesitó desde 1939 hasta 1945 para enfrentarse a una realidad inaceptable, sobre la anormal e intensa frustración del deseo en tiempos de guerra y sobre algunos de los mecanismos mediante los cuales este deseo era satisfecho. El daño provocado por la guerra a cuerpos y edificios, aviones, tanques y barcos es obvio. Menos obvio es el daño que provocó al intelecto, al discernimiento, la honestidad, la individualidad, la complejidad, la ambigüedad y la ironía, por non mencionar ña intimidad y el ingenio. Durante los últimos cincuenta años, la guerra aliada ha sido esterilizada e idealizada por los nostálgicos, los patrioteros, los ignorantes y los sanguinarios. He tratado de equilibrar la balanza.

Así comeza o Prefacio do libro do historiador e profesor de literatura Paul Fussell (autor de outro ensaio estupendo sobre a I Guerra Mundial: La Gran Guerra y la memoria moderna), editado por Turner no ano 2003. É un libro magnífico, orixinal é lúcido. Partindo dos seus propios recordos persoais como soldado do exército de EE UU durante a II Guerra Mundial, e utilizando como fontes a literatura, as cartas e a propaganda, o autor preséntanos unha investigación demoledora contra a glorificación da guerra e o patrioterismo. Todos aqueles que ven algún risco de heroicidade nas matanzas bélicas deberían ler este libro para comprender a verdadeira cara da guerra, de calquera guerra.

“Todas as guerras son puerís, e peléxanas os nenos”. Así di Melville no seu poema “The March into Virginia”. A guerra débese apoiar nos mozos, pois só eles teñen as dúas cousas que esixe a loita: resistencia física e inocencia respecto da propia mortalidade. Os novos orgullécense da súa capacidade atlética, e como o seu sentido do honor non ten sufrido compromiso, constitúen o material máis útil para abastecer a liña de combate. A conciencia virá ó cabo duns meses, para entón estarán esgotados e resultarán practicamente inútiles como soldados: medorentos, cínicos, debilitados, remisos.
Unha característica notable da Segunda Guerra Mundial é a xuventude da maioría dos que pelexaron nela. Os soldados xogaban non só a seren asasinos, senón tamén a seren adultos. Interpretando a parodia infantil dunha sociedade adulta criminal, rapaces que xamais se afeitaran metrallaban a outros rapaces que se arrastraban levando Panzer-faust nas súas mans adolescentes. Entre os feridos, o berro máis común era <<¡Nai!>>
La escuela del soldado (pax. 73)
Pero eses nenos pasaron por unha ‘escolarización’ garantida polo exército. <<¿Que aprendiches aquí? (…)
A aguantar e non contestar
A facer o que debo, como debo: é dicir, a morrer.
¿Cales son as respostas so soldado? Si, señor;
Non, señor: ningunha desculpa, señor (…) Pero (señor) alí non hai lugar
para morrer-
Para morrer ou para vivir (…) Silencio, ninguén escoita.
Pregunte o que queira, aquí non hai ninguén que responda.
Aquí o que se ensina é a morte doutra xente;
¿Quen necesita saber por que debe morrer outro home?
¿Quen lle ensinou, soldado, por que morrerá vostede mesmo?
E non hai tempo, en cada guerra, para aprender.
Debe vivir ou morrer como se arroxan os dados nun tapete;
Como a folla se chamusca e prende lume, como arde a rama>>
La escuela del soldado (pax. 84)

Un soldado novo en combate escoitou a seu sarxento unha obscenidade cando a súa unidade foi alcanzada por un canón alemán de 88 mm:
Preguntei se estaba ferido e cun medio sorriso dixo que non; só se mexara por riba. Sempre o facía cando comezaba a cousa, dixo, e despois sentíase mellor. Non estaba poñendo ningunha escusa, tampouco, e entón dinme conta que eu tamén tiña un problema (…) Había algo tépedo por aí e parecía correr pola miña perna (…)
Díxenllo ó sarxento: ‘Sarxento, eu tamén me mexei’, ou algo así, e el sorriu e dixo: “Benvido á guerra”.
La guerra real nunca llega a los libros (pax. 345)


luns, 8 de novembro de 2010

"MORRO CUNHA FE CEGA NO PROGRESO DA HUMANIDADE" ·· O HOME ILUSTRADO

A educación como arma

Herminio Barreiro, o gran téorico da renovación pedagóxica en Galicia, falece en Compostela aos 73 anos ·· As súas cinsas serán espalladas mañá en Sisán


A.R. LÓPEZ . SANTIAGO

Herminio Barreiro no ano 2008, cando presentou as súas memorias ‘Recordar doe’ FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Herminio Barreiro no ano 2008, cando presentou as súas memorias ‘Recordar doe’
FOTO: RAMÓN ESCUREDO
El sempre creu que, sendo como era fillo de pais de lonxevos, ía chegar a centenario, pero xa pasado maio andaba coa mosca tras da orella: "Non sei se quedarei a metade de camiño". Os acontecementos precipitáronse -hai só uns días aínda tiña folgos para concibir esperanzas- e Herminio Barreiro morreu onte en Compostela aos 73 anos tras unha enfermidade que o escuou ao longo dos últimos meses. Ao final, sobreviviuno o seu pai, Herminio Barreiro Calviño, de 103 anos, unha das figuras da resistencia antifascista na comarca do Salnés durante a guerra civil. O seu corpo será incinerado hoxe en Boisaca e as súas cinsas serán esparexidas na casa familiar de Sisán mañá luns, nun acto civil no que participarán o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o investigador Luís Cochón.
Home de forte "convicción marxista e inequívoco patriota galego" -como o definiu Ferrín pouco despois de coñecer o seu falecemento- Herminio Barreiro representa ante todo o "mestre de mestres", profesor da Facultade de pedagoxía da Universidade de Santiago onde formou nos valores democráticos ás xeracións que protagonizaron a transición e que hoxe representan a máis lúcida vangarda pedagóxica galega. "A educación", aseguraba, "é a única arma posible".
Nacido en Dorrón (Concello de Sanxenxo) no 1937, Barreiro era fillo de mestres republicanos represaliados polo franquismo. Pasou os seus estudos primarios na escola que rexentaba a súa nai en Terra de Montes, na aldea de Meilide, en Cerdedo, mentres seu pai cumpría condena imposta pola ditadura no cárcere de Pontevedra.
Aos dez anos comezou o Bacharelato no Instituto de Pontevedra, onde tamén fixo estudos de Maxisterio na Escola Normal daquela cidade. A finais dos anos cincuenta, en 1958, matriculouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde formou parte do grupo de renovación política e cultural Brais Pinto. Ao rematar, traballou como Lector de Español en Francia en 1965 e 1966 e, entre 1967 e 1976 radicouse en Madrid como profesor de ensino medio. Dende 1976 foi profesor na Universidade de Santiago onde impartiu clases de Historia da Educación.
Profesor emérito desde a súa xubilación, dirixiu a revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, que promoven as tres universidades galegas e na que colaborou durante máis de dez anos un amplo abano internacional de especialistas en temas histórico-educativos.
Herminio Barreiro, lembraba onte Narciso de Gabriel, decano da facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, "foi un profesor entregado sen limites aos seus alumnos e alumnas. Sempre tivo a porta aberta e nunca lles regateou o seu tempo". Con voz entrecortada, De Gabriel subliñaba a súa fidelidade ideolóxica: "Foi un republicano que viviu a represión franquista desde o período intrauterino. Foi tamén un comunista, sempre cos ollos postos nun futuro mellor para os que menos teñen e máis padecen. Un home íntegro e bo. Firme nas súas conviccións, e tolerante coas do próximo".
O home que sintonizaba co mundo
Colaborador habitual de Galicia Hoxe e do suplemento Revista das Letras desde a súa creación no 1991, ou sinatura frecuente en revistas como Historia de la Educación, Bordón, Revista de Educación e Paedagogica Historica, Herminio Barreiro deixa títulos como Lorenzo Luzuriaga y la renovación educativa en España (1889-1936), publicado por Ediciós do Castro en 1989, e o seu libro de memorias Recordar doe, que Xerais puxo nas librerías no 2008, crónica dos seus anos escolares e universitarios entre 1940 e 1965.
Ese libro, en palabra do director de Xerais, Manuel Bragado, "vai ser un dos referentes dentro da prosa memorialística galega, un libro que vai quedar para sempre pola súa calidade e poder evocador". Bragado, que foi alumno del, emocionábase mentres evocaba "ao primeiro grande mestre que tiven na universidade, símbolo profesional para os que amamos a educación como unha panca para cambiar a sociedade, porque iso é o que aprendemos con Herminio".
El, ademais, engade, "tiña esa outra compoñente humana e afectiva como grande lector que nos contaxiou a todos os seus alunmnos. E contaxiounos, sobre todo, a curiosidade, o convencemento de que non nos podiamos conformar".
Recordar doe -cuxa edición está practicamente esgotada- converteuse nun inesperado éxito de lectores. "O seu libro", para Manuel Rivas, "sintonizaba coa memoria persoal e, dalgún xeito, coa memoria colectiva, como gran parte da súa vida sintonizaba as emisoras prohibidas. A Pireinaica (na que colaborou), Radio Habana (na que gañou un premio literario, nos comezos da revolución) ou Radio Moscova...".

O IDEÓLOGO

Un radical no sentido marxista da palabra
Considerado un dos máis profundos coñecedores do marxismo en Galicia, Herminio Barreiro estivo próximo ao Partido Comunista desde os anos sesenta, cunha fidelidade que se estendeu a Esquerda Unida e ao proxecto de Refundación da Esquerda, iniciativa que el mesmo presentou nun acto este ano en Compostela.
Xesús Redondo Abuín, compañeiro de militancia no ámbito da loita obreira, manifestaba a súa admiración polo home "que entrou de pleno dereito no corazón dunhas cincuenta promocións de estudantes. No meu entrou oíndolle falar dos heroes de Galicia e de España. Se todos fósemos coma el, outro galo nos cantase. Para min está entre os escolleitos dos que nunca se marchará do meu corazón".
Para Abuín, Herminio era "radical no sentido marxista da palabra, cando a raíz inza no home mesmo. Herminio nunca andaba polas pólas ao sol do que máis quenta senón que ía á raíz dos problemas que afectan ao conxunto da sociedade. Encantábame cando sabía defender sen paixón as cousas importantes que lle quedan á poboación do mundo. Hai que dicir que ultimamente lle meteron unha puñada á esperanza e xa quedan poucos coma el que nos poden volver a axudar a darlle ás".
Ferrín, pola súa banda, quedaba onte "sen palabras" para "falar do que foi o meu irmán. Unha persoa que me acompañou desde a miña xuventude ata hoxe mesmo". Era, en palabras do presidente da Academia Galega, un marxista convencido "que nos fixo de guieiro".

venres, 5 de novembro de 2010

Santiago Sierra rexeita o Premio Nacional por "sentido común"

"Este premio instrumentaliza en beneficio do estado o prestixio do premiado. Un estado empeñado en desmantelar o estado de benestar", afirma nunha carta

XORNAL.COM05/11/2010  

184 traballadores peruanos
O artista Santiago Sierra rexeitou este venres o Premio Nacional de Artes Plásticas por "sentido común" mediante unha carta dirixida á ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, segundo confirmou a Europa Press Joaquín García, responsable do Departamento de Arte da Galería Helga de Alvear, coa que traballa habitualmente o artista. Nesta carta a González-Sinde, que segundo Joaquín García rexistrouse xa no Ministerio de Cultura, Santiago Sierra rexeitou o galardón xa que, segundo el, "este premio instrumentaliza en beneficio do Estado o prestixio do premiado".
"Un Estado que pide a berros legitimación ante un desacato sobre o mandato de traballar polo ben común sen importar que partido ocupe o posto. Un Estado que participa en guerras dementes aliñado cun imperio criminal. Un Estado que doa alegremente o diñeiro común á banca. Un Estado empeñado no desmonte do Estado de benestar en beneficio dunha minoría internacional e local", manifestou na misiva. Así mesmo, o artista conclúe a carta negando a súa vinculación ao Estado: "O Estado non somos todos. O Estado son vostedes e os seus amigos. Polo tanto, non me conten entre eles, pois eu son un artista serio. Non señores, Non, Global Tour. ¡Saúde e liberdade!"
.