venres, 11 de maio de 2018

Charla de Montse Fajardo no Losada

A charla de Montse Fajardo Pérez sabía que ía ser interesante pola súa propia temática, pero superou as miñas expectativas. Tanto na sesión de Bacharelato, como na de 4º da ESO, creouse ese ambiente especial no que todos están calados, escoitanto con atención, sen mirar o reloxo nin enredar co do lado. E disto o mérito é da propia Montse, capaz de transmitir estas historias duras e necesarias con paixón e cariño. Moitas grazas, tamén pola xenerosa achega de libros para a Biblioteca e o alumnado do Losada.Reproduzo abaixo algunhas das opinións do alumnado dun grupo de 2º de Bacharelato, e doutro de 4º da ESO. Creo que deixan claro que foi unha charla na que sentiron a dor das mulleres e, así, aprenderon a verdadeira natureza do franquismo. Como profesor, non podo estar máis satisfeito.


- Ao escoitar a charla tiven a sensación de que a ditadura foi máis dura e terrible do que nunca sospeitara.
- A charla foi moi boa, pero a min transmitiume sentimentos de tristeza, medo e compaixón por todas as mulleres no franquismo.
- Deume moita tristeza polas mulleres de antes, porque ademais entre elas estaban algunhas das nosas familiares.
- Contou unha realidade dura de forma directa e crúa.
- Amosa unha realidade que se descoñece.
- Foi xenial, os contidos moi interesantes e moi duros, pero narrados de xeito que, con poucos exemplos foi quen de amosar a realidade de moita xente naquel momento, dándolle voz aos que foron obrigados a calar.
- Estivo moi ben, explicou a realidade sufrida polas mulleres non hai moito tempo, e tamén a fortaleza que tiñan.
- Impactoume, para decatarnos da realidade e non esquecer.
- Moi interesante, con conceptos e momentos dos nosos antepasados que descoñeciamos.
- Contido moi duro, pero serviu para concienciarnos en que situación vivían as persoas con ideas contrarias ao franquismo.
- Centrouse nas formas de tortura que empregaban os franquistas coas mulleres, como a rapa do pelo ou as violacións.
- Moi necesaria e interesante, xa que é un tema do que fai falta que se informe e entere a xuventude, da realidade da muller no franquismo.
- Moi interesante, aprendín cousas que descoñecía e pareceume moi impactante.
- A historia relatada con proximidade impresiona e impacta moito máis que a lectura dun texto. Imprescindible.
- Moi completa, pero non se dixo nada que non se soubera, agás anécdotas concretas.
- Non estivo nada mal. Era un tema interesante, e aínda máis coas historias particulares. Nota: 7,75110
- Pareceume rápida, concisa e clara.
- Está ben que non censuren e se digan as cousas tal e como foron.
- Coñecer o caso das Marías, e de moitas outras mulleres que paga a pena recordar por todo o que tiveron que pasar. Unha especia de homenaxe, ben merecido.
- Gustoume moito, xa que está moi ben incluír as historias da xente que viviu e primeira persoa, e acompañalo coas imaxes das mesmas.
- Gustoume coñecer de onde provén a discriminación que hoxe sufrimos as mulleres. E, sobre todo, gustoume as diferenzas da represión entre homes e mulleres.
- Coñecer historias protagonizadas por mulleres pareceume ademais de interesante, moi importante. Alédome de que exista xente que loita por darlle voz ás silenciadas.
- Gustoume saber as experiencias desas mulleres. Pareceume terrorífico todo o que lles facían, pero interesante e importante.
- Creo que sempre está ben saber un pouco máis da nosa historia, que nunca morra a memoria e falar polos que calaron ou tiveron que calar. Por que eles non puideron defenderse, pero nós podemos recordalos como heroes, tanto a elas como a elas.
- Persoalmente gústame moito este tema, pero para a xente que non estivera enteirada destes feitos é moi importante esta charla. É moi importante saber o que ocorreu neses anos no noso país, o que sufriron os homes, pero tamén as mulleres.
- Está ben que haxa xente que desenterre cousas do pasado que son importantes. Na Historia sempre se lle dá máis mérito aos homes, e non se ten tanto en conta ás mulleres. Recuperar a memoria desas mulleres e contar a súa historia paréceme moi valente.
- Gustoume moito a charla xa que pouco se recorda a importancia das mulleres durante o franquismo e o sometidas que estaban. É importante mostrar o que ocorreu aos nosos antepasados e o sufrimento, sobre todo, de mulleres e nenos.


Ningún comentario: