luns, 8 de novembro de 2010

"MORRO CUNHA FE CEGA NO PROGRESO DA HUMANIDADE" ·· O HOME ILUSTRADO

A educación como arma

Herminio Barreiro, o gran téorico da renovación pedagóxica en Galicia, falece en Compostela aos 73 anos ·· As súas cinsas serán espalladas mañá en Sisán


A.R. LÓPEZ . SANTIAGO

Herminio Barreiro no ano 2008, cando presentou as súas memorias ‘Recordar doe’ FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Herminio Barreiro no ano 2008, cando presentou as súas memorias ‘Recordar doe’
FOTO: RAMÓN ESCUREDO
El sempre creu que, sendo como era fillo de pais de lonxevos, ía chegar a centenario, pero xa pasado maio andaba coa mosca tras da orella: "Non sei se quedarei a metade de camiño". Os acontecementos precipitáronse -hai só uns días aínda tiña folgos para concibir esperanzas- e Herminio Barreiro morreu onte en Compostela aos 73 anos tras unha enfermidade que o escuou ao longo dos últimos meses. Ao final, sobreviviuno o seu pai, Herminio Barreiro Calviño, de 103 anos, unha das figuras da resistencia antifascista na comarca do Salnés durante a guerra civil. O seu corpo será incinerado hoxe en Boisaca e as súas cinsas serán esparexidas na casa familiar de Sisán mañá luns, nun acto civil no que participarán o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o investigador Luís Cochón.
Home de forte "convicción marxista e inequívoco patriota galego" -como o definiu Ferrín pouco despois de coñecer o seu falecemento- Herminio Barreiro representa ante todo o "mestre de mestres", profesor da Facultade de pedagoxía da Universidade de Santiago onde formou nos valores democráticos ás xeracións que protagonizaron a transición e que hoxe representan a máis lúcida vangarda pedagóxica galega. "A educación", aseguraba, "é a única arma posible".
Nacido en Dorrón (Concello de Sanxenxo) no 1937, Barreiro era fillo de mestres republicanos represaliados polo franquismo. Pasou os seus estudos primarios na escola que rexentaba a súa nai en Terra de Montes, na aldea de Meilide, en Cerdedo, mentres seu pai cumpría condena imposta pola ditadura no cárcere de Pontevedra.
Aos dez anos comezou o Bacharelato no Instituto de Pontevedra, onde tamén fixo estudos de Maxisterio na Escola Normal daquela cidade. A finais dos anos cincuenta, en 1958, matriculouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde formou parte do grupo de renovación política e cultural Brais Pinto. Ao rematar, traballou como Lector de Español en Francia en 1965 e 1966 e, entre 1967 e 1976 radicouse en Madrid como profesor de ensino medio. Dende 1976 foi profesor na Universidade de Santiago onde impartiu clases de Historia da Educación.
Profesor emérito desde a súa xubilación, dirixiu a revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, que promoven as tres universidades galegas e na que colaborou durante máis de dez anos un amplo abano internacional de especialistas en temas histórico-educativos.
Herminio Barreiro, lembraba onte Narciso de Gabriel, decano da facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, "foi un profesor entregado sen limites aos seus alumnos e alumnas. Sempre tivo a porta aberta e nunca lles regateou o seu tempo". Con voz entrecortada, De Gabriel subliñaba a súa fidelidade ideolóxica: "Foi un republicano que viviu a represión franquista desde o período intrauterino. Foi tamén un comunista, sempre cos ollos postos nun futuro mellor para os que menos teñen e máis padecen. Un home íntegro e bo. Firme nas súas conviccións, e tolerante coas do próximo".
O home que sintonizaba co mundo
Colaborador habitual de Galicia Hoxe e do suplemento Revista das Letras desde a súa creación no 1991, ou sinatura frecuente en revistas como Historia de la Educación, Bordón, Revista de Educación e Paedagogica Historica, Herminio Barreiro deixa títulos como Lorenzo Luzuriaga y la renovación educativa en España (1889-1936), publicado por Ediciós do Castro en 1989, e o seu libro de memorias Recordar doe, que Xerais puxo nas librerías no 2008, crónica dos seus anos escolares e universitarios entre 1940 e 1965.
Ese libro, en palabra do director de Xerais, Manuel Bragado, "vai ser un dos referentes dentro da prosa memorialística galega, un libro que vai quedar para sempre pola súa calidade e poder evocador". Bragado, que foi alumno del, emocionábase mentres evocaba "ao primeiro grande mestre que tiven na universidade, símbolo profesional para os que amamos a educación como unha panca para cambiar a sociedade, porque iso é o que aprendemos con Herminio".
El, ademais, engade, "tiña esa outra compoñente humana e afectiva como grande lector que nos contaxiou a todos os seus alunmnos. E contaxiounos, sobre todo, a curiosidade, o convencemento de que non nos podiamos conformar".
Recordar doe -cuxa edición está practicamente esgotada- converteuse nun inesperado éxito de lectores. "O seu libro", para Manuel Rivas, "sintonizaba coa memoria persoal e, dalgún xeito, coa memoria colectiva, como gran parte da súa vida sintonizaba as emisoras prohibidas. A Pireinaica (na que colaborou), Radio Habana (na que gañou un premio literario, nos comezos da revolución) ou Radio Moscova...".

O IDEÓLOGO

Un radical no sentido marxista da palabra
Considerado un dos máis profundos coñecedores do marxismo en Galicia, Herminio Barreiro estivo próximo ao Partido Comunista desde os anos sesenta, cunha fidelidade que se estendeu a Esquerda Unida e ao proxecto de Refundación da Esquerda, iniciativa que el mesmo presentou nun acto este ano en Compostela.
Xesús Redondo Abuín, compañeiro de militancia no ámbito da loita obreira, manifestaba a súa admiración polo home "que entrou de pleno dereito no corazón dunhas cincuenta promocións de estudantes. No meu entrou oíndolle falar dos heroes de Galicia e de España. Se todos fósemos coma el, outro galo nos cantase. Para min está entre os escolleitos dos que nunca se marchará do meu corazón".
Para Abuín, Herminio era "radical no sentido marxista da palabra, cando a raíz inza no home mesmo. Herminio nunca andaba polas pólas ao sol do que máis quenta senón que ía á raíz dos problemas que afectan ao conxunto da sociedade. Encantábame cando sabía defender sen paixón as cousas importantes que lle quedan á poboación do mundo. Hai que dicir que ultimamente lle meteron unha puñada á esperanza e xa quedan poucos coma el que nos poden volver a axudar a darlle ás".
Ferrín, pola súa banda, quedaba onte "sen palabras" para "falar do que foi o meu irmán. Unha persoa que me acompañou desde a miña xuventude ata hoxe mesmo". Era, en palabras do presidente da Academia Galega, un marxista convencido "que nos fixo de guieiro".

Ningún comentario: