Este manga cóntanos a historia de tres homes chamados Adolf, ligados pola historia da barbarie nazi. Ambientada a finais dos anos trinta e na II Guerra Mundial, entre Xapón e Alemaña. Os protagonistas son Adolf Kauffman, fillo dun nazi alemán e dunha xaponesa, e Adolf Kamil, xudeu cuxa familia se refuxia en Xapón fuxindo da persecución que sufrían en Alemaña. Ambos van á mesma escola para estranxeiros na cidade de Kobe, Xapón. De nenos son moi amigos pero todo cambia cando o primeiro marcha estudar a unha escola da elite nazi en Alemaña.
Os dous vense envoltos nunha trama de historia ficción arredor duns documentos que amosan a ascendencia xudía de Hitler.
Adolf é unha das últimas obras do chamado ‘Deus do manga’, Osamu Tezuca, publicada en 1983. No ano 2001 conseguiu o Premio á Mellor Obra Estranxeira do Salón do Cómic de Barcelona, entre outros premios. No ano 2010 a editorial Planeta-DeAgostini publicou a versión integral da obra en dous volumes.
O autor viviu os horrores da II Guerra Mundial, que aquí describe, tanto en Europa como nos territorios ocupados polos xaponeses en Asia.
É unha banda deseñada monumental tanto polo seu tamaño como pola súa extraordinaria calidade. Unha vez comezada a súa lectura é imposible conter a impaciencia por coñecer como remata esta historia negra, chea de violencia, pero tamén de tenrura e de humor. Un relato de suspense ao tempo cunha lección de Historia, na que as miserias humanas máis cotiás explican un proceso histórico tan degradante como foi o nazismo. Un ritmo trepidante lévanos sen pausa desde o Berlín das Olimpiadas ao Israel de 1983. Unha denuncia dos totalitarismos, da violencia do poder, sen demagoxias nin trampas. Unha lectura obrigada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario