O Equipo de dinamización da lingua galega (EDLGA) do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, ante a campaña desatada contra o equipo por un colectivo alleo ao ensino, manifesta:
- O EDLGA realiza dende hai máis dunha década un labor continuado que persegue a mellora de competencias lingüísticas e a sensibilización e mellora das actitudes respecto do galego entre a comunidade educativa, especialmente, entre o alumnado. Os seus proxectos responden aos criterios emanados das convocatorias da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia. Así, desde o EDLGA do noso centro realizáronse ao longo dos últimos anos multitude de actividades (contacontos, teatro, expresión musical, edición de revistas, regueifas, publicacións dixitais, intercambios culturais con outros centros, concursos literarios, de fotografía, etc) nos que colaboraron ducias de profesores e que foron recoñecidas pola comunidade educativa e polas institucións e asociacións locais, que colaboraron en múltiples destas actividades. Tamén a SXPL recoñeceu este traballo nas convocatorias de 2008 e 2009 ao outorgarlle as máximas puntuacións aos seus proxectos.
- Unha das actividades permanentes do EDLGA foi a creación dun blog en outubro do 2007 que, como acontece con moitos outros espazos web dos centros educativos, dá a coñecer recursos educativos e lingüísticos e serve de voceiro das actividades e doutros artigos e informacións vinculados aos obxectivos que lle son propios. A día de hoxe no blog foron publicados 277 artigos.
- O 25 de maio do 2008 unha alumna publicou un artigo no que informaba da actuación en Cuntis do grupo Skarnio, e as súas impresións sobre dito grupo, acompañada dun vídeo do grupo insertado desde Youtube, dentro do Festidoiro 2008. Este festival organizouno a Asociación Cultural O Fervedoiro, e contou coa colaboración económica de varias Consellerías da Xunta de Galicia, do Concello de Cuntis e da Radio Galega, entre outras institucións. O artigo desta alumna acolle unicamente as súas impresións sobre a música feita por este grupo sen ningunha alusión a outro tipo de temáticas. O vídeo segue colgado en Youtube sen que teña sufrido ningún tipo de restrición.
- En setembro do 2010, dous anos e tres meses despois da publicación do artigo, este colectivo iniciou unha campaña de desprestixio dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centos de ensino e das persoas que os coordinan, utilizando tácticas impropias dunha democracia. Tiraron imaxes e outros contidos dos blogs e páxinas de distintos Equipos e, descontextualizándoos e esaxerando a súa transcendencia, acusaron, coa complicidade dalgúns medios de comunicación, aos membros dos equipos de adoutrinar ao alumnado, mesmo de facer apoloxía da violencia. Estas imaxes están totalmente quitadas de contexto e as relacións entre as causas e os feitos son absurdas e demagóxicas e descualifican máis a quen as utiliza para atacar que ao atacado.
- A elección do noso blog por parte deste colectivo non foi casual: debeuse a que no noso centro traballou unha das cabezas visibles da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, obxectivo da súa campaña de criminalización. Velaquí outra das mentiras empregadas por este colectivo xa que a persoa que no ano 2008 coordinaba o ENDL non era a perseguida por eles.
- Nun primeiro momento, os membros actuais do ENDL decidimos non facer ningún comunicado, co obxectivo de non darlle máis publicidade á ruín ‘caza de bruxas’ iniciada por ese colectivo, que só busca notoriedade pública e relevancia política.
- O 11 de outubro soubemos que agora o único branco da vil campaña deste colectivo é o noso EDLGA, ao solicitarlle ao Valedor do Pobo que esixa a retirada do vídeo citado máis arriba.
- Ante a trascendencia que acadou o tema decidimos redactar este comunicado e levar a cabo outras actuacións para informar á comunidade educativa e á opinión pública en xeral sobre esta cuestión.
Consideramos necesario facelo, aínda que poida beneficiar os obxectivos desta organización extremista, porque no artigo motivo da tramposa polémica só hai información dunha actuación musical e o vídeo é legal, aínda que esteamos ou non de acordo co seu contido.
Desde o EDLGA non imos retirar o vídeo a non ser que a autora do artigo o solicite. O blog é personalizado e non pertence ao dominio oficial da Xunta. Iso si, se algo conseguiu esta polémica é que o blog teña máis visitas que nunca e se poida comprobar o traballo desenvolvido. Non imos aceptar de ningún modo a presión e censura feita por un colectivo de fanáticos totalmente alleo ao ensino que o único que busca é desprestixiar a todo o profesorado e alumnado que participa nas actividades do noso centro.
Nun estado democrático non se lle pode recoñecer a este colectivo ningunha autoridade legal, nin moito menos educativa ou moral, para fiscalizar o contido do blog ou calquera outro aspecto do noso traballo a prol da nosa lingua. Estivemos, estamos e estaremos sempre a favor dunha educación aberta, tolerante e respectuosa con todas as persoas e traballaremos arreo para conseguir maiores espazos sociais no uso da lingua galega, polo que non aceptaremos ningún tipo de censura de ningúen, e menos daqueles que unicamente buscan facela desaparecer da nosa sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario