Este artigo publiqueino no antigo Caladiños o 24 de febreiro do 2008, cando Fidel se puxo o chándal. Hoxe, creo, segue estando vixente. En recordo de Orlando Zapata Tamayo, un dos 55 presos de conciencia adoptados por Amnistía Internacional en Cuba.
Desde a Revolución Cubana que levou ao poder ao 'galego' Fidel Castro en 1959, o mito castrista instalouse entre a esquerda occidental. Converteuse no modelo a seguir como alternativa ao imperialismo de EE UU no continente americano e, por extensión, no resto do mundo pobre. Eu tamén participei desa fascinación pola Cuba libre e comunista, resistente fronte ao acoso dos malvados ianquis. Durante o curso 1994-95, cando andaba de profesor polas fermosas terras da Pontenova, á beira do Eo, un episodio aparentemente menor fíxome cambiar de opinión. Unha alumna de 3º da ESO mantiña correspondencia cunha rapaza cubana, despois de ter conectado con ela a través dunha revista ‘para adolescentes’. A nai da nena levaba o bar do Instituto e era amiga miña. Comentoume que quería traer a nena cubana a pasar o verán na súa casa, xa que nas cartas lle contaba as moitas penalidades que pasaba. Pediume que mirase o que había que facer para organizar a viaxe. Púxenme en contacto con consulado cubano en Santiago e a resposta foi decepcionante: “De ninguna manera puede salir del país antes de cumplir los 18 años”. Pareceume tan inxusto, tan inhumano, que unha persoa non poida saír libremente do seu país que desde aquela todas as informacións sobre Cuba que antes obviaba ou minusvaloraba, pasaron a un primeiro plano á hora de valorar o réxime castrista. De súpeto, deime de conta de conta do que pasaba, do que significaba vivir en calquera Ditadura, sexa cal sexa o adxectivo que a acompaña: revolucionaria, comunista, antiimperialista ou socialista. Deixei de pechar os ollos, e conceptos como represión, censura, partido único, pena de morte, balseros (documental), disidentes, acadaron o seu verdadeiro sentido. Tiven, e aínda teño, fervorosas discusións con amigos meus. Aos meus argumentos sempre responden co xustificada que foi a revolución fronte a ditadura de Batista, que convertera á illa no prostíbulo de EE UU; ca necesidade de tomar medidas extraordinarias fronte aos intentos de derrocar ao réxime e ao bloqueo impulsados por EE UU; coa comparación entre as condicións de vida dos cubanos (sobre todo no referente á educación e á sanidade) fronte a outros pobos veciños; coa hipocrisía de EE UU e outras potencias occidentais que condenan o Castrismo, pero manteñen excelentes relacións con outros réximes máis execrables (ditaduras americanas, China, Marrocos, Israel...); etc. Teñen razón, todos eses argumentos son certos, pero négome a xustificar en Cuba o que condeno noutros países. Négome a aprobar para os cubanos o que non aceptaría para min. Os dereitos e liberdades son para todos e non debemos caer na realpolitik, no pragmatismo e nas frías análises, que deixan de lado ás persoas fronte aos grandes ideais. O fin xamais debe xustificar os medios, sobre todo cando eses fins se transforman en propaganda ao servizo do poder. Despois de case 50 anos, o Comandante 'ordena' que deixa o poder. Non pode ser moi san para un pobo que os seus gobernantes decidan cando deixan de mandar, sen que os cidadáns teñan nada que dicir, só asentir. O meu desexo é que os cubanos poidan no futuro establecer unha sociedade máis xusta, na que non caiban nin as ditaduras mesiánicas, nin o capitalismo salvaxe de Miami, e así Cuba se converta no auténtico mito dos que cremos que a utopía comunista pode ser unha realidade. |
1 comentario:
Ola, Eladio. Cheguei a Caladiños cando subía algo no meu blog, xa ves.Gustoume moito esta entrada, lembrei cando me contaches o da nena aquela no colexio.Eu fixen o mesmo percorrido ideolóxico con respecto ao castrismo e tiven tamén discusións cos colegas que se mantiñan como ao principio. Agora na miña titoría facemos intercambio postal cunha escola de La Habana Vieja e daste perfecta conta de que viven nunha "liberdade vixiada".
Segue moi chulo o teu blog, por certo, había moito que non entraba. A foto do muro do meu non é miña, topeina pola rede non sei como. Unha aperta, meu.
Publicar un comentario