sábado, 17 de xullo de 2010

Destrucción a toda costa

Este breve vídeo forma parte do 10ª edición do informe 'Destrucción a Toda Costa' de Greenpeace, no que se analiza a última década de destrución do litoral. Unha desfeita que tamén afecta gravemente á costa galega.


mércores, 16 de xuño de 2010

Historia de vida: Sabina Sanmartín

O berro



Alguén sabe exactamente onde está Kirguizistán? A pelexa entre kirguises e usbecos xa conseguiu o suficiente número de mortos como para aparecer nas portadas (iso si, sen facerlle sombra a maldita crise). Acadar un nivel de atención maior ou manterse só depende da súa capacidade para seguir matándose.

A foto de Igor Kovalenko é fermosa, tres nenos e unha flor á xogo coa camiseta da nena que berra a súa dor. Con que nos quedamos? Coa pericia do fotógrafo ou co grito eterno de Munch?

martes, 1 de xuño de 2010

Israel: a violencia impune

Onte produciuse unha nova e brutal violación dos dereitos humanos por parte do Estado de Israel. Un Estado que desde a súa creación en 1948 condenou a millóns de palestinos ao exilio, á miseria e a humillación persoal e colectiva, nun réxime de apartheid que conta co vergonzoso beneplácito da comunidade (deberiamos dicir mafia) internacional. Para Israel, para os seus gobernantes, non existen nin os principios morais, nin éticos, nin humanitarios, nin, mesmo, relixiosos. E aínda hai xente que os xustifica! só poden ser ignorantes ou fanáticos (ou hipócritas, claro).


Outro barco con axuda humanitaria para Gaza arríscase a ser tamén asaltado polo Estado pirata (que será iso do dereito) e leva o nome de Rachel Corrie, unha activista do Movemento Internacional de Solidariedade (ISM), esmagada por un bulldozer israelí cando procuraba evitar a demolición de casas palestinas levadas a cabo polo Exército de Israel (todo vale), o 16 de marzo do 2003. A súa morte tamén quedou impune.



Fotos que falan

De xiz-toria recollemos este magnífico traballo realizado ao longo do curso 2009-2010 polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Francisco Aguiar de Betanzos. Trátase dunha orixinal e interesante experiencia, da que aquí se presenta unha parte, que ten como obxectivo crear un arquivo de imaxes acompañadas dos arquivos sonoras coas palabras dos protagonistas de ditas imaxes. Noraboa e moitas grazas.


venres, 21 de maio de 2010

A casa, de onte a hoxe

Este é un traballo realizado polo alumnado de 3º da ESO do noso Colexio, dentro da materia de Ciencias Sociais, para participar no 2º Certame Xentes, Espazos e Lugares convocado polo Proxectoterra e o periódico Xornal de Galicia. O tema escollido foi a evolución da casa rural e dos seus espazos interiores. A información tirouse das entrevistas que cada alumna e alumno lle fixo aos seus avós e pais.

xoves, 6 de maio de 2010

MIRADOIRO: "vítimas da crise do capitalismo"


No antigo Caladiños tiña unha sección da fotoblogoteca titulada Miradoiro na que recollía imaxes da actualidade que, por unha ou outra razón, reclamaron a miña atención. Son fotos que, para min, evocan o mundo que vivimos e axudan a comprendelo. Hoxe decidín recuperar a sección para o novo Caladiños.

Flores á porta da sucursal bancaria de Atenas onde morreron tres empregados polo incendio provocado por un cóctel molotov durante a manifestación convocada contra as medidas de axuste tomadas polo goberno heleno.
Traballadores que loitan, traballadores que morren... todos vítimas dun sistema que só beneficia a uns poucos privilexiados, avariciosos inhumanos, que non teñen ningún escrúpulo en condenar á miseria a millóns de persoas mentres eles contemplan o espectáculo desde os seus guetos de luxo estúpido, ridículo. Cando comprenderán a lección do rei Midas?

sábado, 1 de maio de 2010

1º DE MAIO, CHICAGO 1886


En 1889, centenario da Revolución francesa, creouse en París a II Internacional, formada exclusivamente por sindicatos e partidos socialistas. Entre outras decisións, acordaron a celebración do Primeiro de Maio como día internacional da clase obreira. A principal reivindicación dos primeiros anos foi a xornada máxima de 8 horas de traballo, cando eran frecuentes as xornadas de doce e ata dezaseis horas e sen descanso semanal. En España a Lei do descanso dominical non se aprobou ata 1904.

A data lembra o ocorrido en Chicago o 1º de maio de 1886. Dous anos antes o Congreso da federación de sindicatos de EE UU decidiu que todos os sindicatos fixeran o 1º de maio de 1886 unha folga xeral pola xornada de oito horas. Ese día producíronse unhas 5.000 folgas en EE UU, cunha participación duns 340.000 folguistas. A mobilización foi un éxito, e moitos empresarios víronse obrigados a conceder as oito horas. Sen embargo, a represión foi tamén moi forte, provocando numerosos feridos e mortos. Os feitos máis graves ocorreron en Chicago, na praza de
Haymarket, onde morreron e resultaron feridos varios policías e moitos manifestantes. Unha sentenza xudicial posterior levou á forca a cinco líderes obreiros, nun vergonzoso proceso, polo que foron condenados, sen probas, de ter atentado contra a policía.

O 1º de maio de 1886 tivo un carácter anarquista e limitouse a EE UU. O que hoxe aínda se celebra ten unha orixe socialista, que viron na data un medio máis de redención da clase obreira da opresión capitalista, sen revolucións violentas, proclamando a solidariedade entre os traballadores de todo o mundo. Así o dicía o periódico socialista
La Justicia Social, de Reus, en 1914: "o 1º de maio significa combater incesante e implacablemente aos nosos opresores, significa loitar en todos os terreos contra a burguesía e todos os seus partidarios, significa destruír a actual división dos homes en dúas clases antagónicas e convertelas nunha soa de traballadores, iguais e libres...".

Lembrar hoxe, as orixes do 1º de maio e da loita obreira en xeral permítenos ser conscientes do moito que custou conseguir e manter medidas sociais que poden parecernos naturais, pero que millóns de persoas aquí, e en todo o mundo, aínda non poden gozar. Se cremos que todas as persoas deben ser libres e iguais, a loita debe continuar.