En 1889, centenario da Revolución francesa, creouse en París a II Internacional, formada exclusivamente por sindicatos e partidos socialistas. Entre outras decisións, acordaron a celebración do Primeiro de Maio como día internacional da clase obreira. A principal reivindicación dos primeiros anos foi a xornada máxima de 8 horas de traballo, cando eran frecuentes as xornadas de doce e ata dezaseis horas e sen descanso semanal. En España a Lei do descanso dominical non se aprobou ata 1904. A data lembra o ocorrido en Chicago o 1º de maio de 1886. Dous anos antes o Congreso da federación de sindicatos de EE UU decidiu que todos os sindicatos fixeran o 1º de maio de 1886 unha folga xeral pola xornada de oito horas. Ese día producíronse unhas 5.000 folgas en EE UU, cunha participación duns 340.000 folguistas. A mobilización foi un éxito, e moitos empresarios víronse obrigados a conceder as oito horas. Sen embargo, a represión foi tamén moi forte, provocando numerosos feridos e mortos. Os feitos máis graves ocorreron en Chicago, na praza de Haymarket, onde morreron e resultaron feridos varios policías e moitos manifestantes. Unha sentenza xudicial posterior levou á forca a cinco líderes obreiros, nun vergonzoso proceso, polo que foron condenados, sen probas, de ter atentado contra a policía. O 1º de maio de 1886 tivo un carácter anarquista e limitouse a EE UU. O que hoxe aínda se celebra ten unha orixe socialista, que viron na data un medio máis de redención da clase obreira da opresión capitalista, sen revolucións violentas, proclamando a solidariedade entre os traballadores de todo o mundo. Así o dicía o periódico socialista La Justicia Social, de Reus, en 1914: "o 1º de maio significa combater incesante e implacablemente aos nosos opresores, significa loitar en todos os terreos contra a burguesía e todos os seus partidarios, significa destruír a actual división dos homes en dúas clases antagónicas e convertelas nunha soa de traballadores, iguais e libres...". Lembrar hoxe, as orixes do 1º de maio e da loita obreira en xeral permítenos ser conscientes do moito que custou conseguir e manter medidas sociais que poden parecernos naturais, pero que millóns de persoas aquí, e en todo o mundo, aínda non poden gozar. Se cremos que todas as persoas deben ser libres e iguais, a loita debe continuar. |
sábado, 1 de maio de 2010
1º DE MAIO, CHICAGO 1886
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario