sábado, 23 de febreiro de 2013

A paisaxe da miña memoria


Este é o texto que escribín para un proxecto do Servizo de Nomalización Lingüística de Vilagarcía.
As Poroxas, pasando polo barrio de Molelos e a Piliteira, o prado onde pasei as mañás de verán na miña adolescencia, xunto ao inesquecible Roco.
Requeixo, pasando pola Cortiña e Vilaza, o balneario xunto ao río Búbal, onde acudiamos a bañarnos en bicicleta.
O Souto, o campo da festa onde tamén xogabamos ao fútbol antes de facerse o campo de Rozavales, pasando polas Fontiñas.
O Terreo, pasando pola Garza, o bacelo onde tantas uvas coidei e vendimei.
A rúa dos Caladiños, onde sempre había barullo que se expandía polos innumerábeis currunchos dunha antiga rúa de pedra e cachotes.
Alguén debe recordar que As Poroxas non é un lugar por onde pasa a autovía, que Requeixo non son unhas ruínas queimadas e un río estragado por unha minicentral, que as festas do Santiago no Souto non se reducen a decibelios, que o Terreo non é unha parcela cadrada, vulgar, de poula, e que a rúa Caladiños ten casas nas que recordan aos veciños que se berraban pero que tamén estaban dispostos a botar unha man.
Quixera que os meus herdeiros e todos aqueles nenos e nenas que teñen raíces na paisaxe onde eu me criei, coñezan e valoren eses espazos da memoria que tanto significan para os da nosa xeración e que se perde ás alancadas: Albarellos de Monterrei. Recordando os espazos, recordamos os seus nomes e, sobre todo, as infinitas palabras alí pronunciadas.
Compostela, 30 de setembro do 2008 (cumpro anos, moitos)

mércores, 20 de febreiro de 2013

A Igrexa franquista en dúas películas


Do antigo Caladiños
En pouco tempo téñense estreado dúas películas sobre a represión salvaxe dos vencedores na Guerra Civil e a complicidade indigna da Igrexa Católica na mesma. A primeira delas foi Los Girasoles Ciegos, de José Luis Cuerda, ambientada no Ourense da postguerra. Baseada en dous relatos do libro homónimo de Alberto Méndez, do que teño excelentes referencias, conta a historia dunha familia na que o pai vive agochado, coma un topo, na súa mesma casa, e a fuga da filla embarazada co seu noivo, tamén perseguido polas hordas franquistas. Sobre esta crúa realidade vai actuar un cura novo, acabado de chegado da fronte, que se namora e acosa a nai, desencadeando o desolador final.
A película non me gustou, a pesar de que o guión está asinado por dous grandes do cine español: o propio Cuerda e o gran Azcona (a súa obra póstuma). O relato da filla embarazada que foxe a Portugal semella un engadido alleo a trama central da familia, rodado cunha frialdade impropia dos feitos que conta. Na falta de empatía tamén inflúe a pouca capacidade expresiva dos actores que encarnan a eses personaxes (Irene Escolar e Martín Rivas). A falta de credibilidade esténdese tamén ao personaxe do cura (Raúl Arévalo) que carece dos rexistros necesarios para interpretar con autenticidade a hipocrisía e o cinismo dun cura fascista atormentado polo desexo carnal. Iso si, as grandes interpretacións de Maribel Verdú (a nai) e de Roger Princep (o fillo) manteñen a película nun nivel aceptable. En definitiva, unha película que non emociona, que non aproveita as posibilidades do argumento, pero necesaria polo que conta.
La Buena Nueva é a outra película que vin recentemente. Aquí se nos conta a historia dun cura bo, un cura cre no que predica e que se pon do lado das vítimas cando se produce o Golpe de Estado franquista. O filme está baseado nos diarios do sacerdote Marino Ayerra, onde conta o que viviu na súa parroquia da Alsasua durante a Guerra Civil, cando os falanxistas e os carlistas de apoderan da vila e desencadean toda a súa furia fascista contra os republicanos e as súas familias. Ao contrario do que ocorreu coa Igrexa católica e os seus curas en toda España, Marino intenta protexer aos perseguidos e axudar ás súas mulleres, e mesmo escribe un diario para que non se esqueza o que pasou.
Partindo desta historia real, a directora, Helena Taberna, engádelle outras historia de ficción, como a relación entre o cura e a mestra, que lle aportan unha maior credibilidade cinematográfica. As interpretacións son moi boas, tanto a de Unax Ugalde (o cura), premio na Seminci de Valladolid, e a de Bárbara Goenaga (a mestra), coma a dos actores secundarios, Willy Toledo (o médico asasinado) ou Maribel Salas (a nai dos Sánchez). Todos os personaxes son auténticos, cribles, encaixando perfectamente co que representan. De cada un deles podemos, sen demasiado esforzo, imaxinar a súa personalidade, o seu carácter. Outro aspecto destacable é a ambientación. Gran parte da película discorre en espazos abertos, en fermosas paisaxes e localizacións reais de Guipúscoa e o Norte de Navarra.
Non é só unha película que conta unha historia interesante, senón tamén unha película entretida, vigorosa, que nos permite visualizar e comprender que pasou en moitos pobos de España cando triunfou o Alzamento, a Santa Cruzada. O que pasou en Galicia seguro que non se arreda moito do que vemos no filme. Non se trata de bos e malos, senón de medos, atavismos (carlismo), amor, maldade, ansias de poder, fanatismo e dignidade. No medio do horror, do temor a perder a propia vida, hai persoas que manteñen posturas éticas, humanas.
A Igrexa católica española de hoxe segue sen renegar da Cruzada, da Igrexa que mandou aos seus seminaristas á fronte de guerra a matar, da Igrexa cínica e perversa que representan os superiores dos curas protagonistas das dúas películas. Non só non pediu perdón polo seu activismo criminal ao lado dos fascistas durante a Guerra Civil e o franquismo, senón que aínda segue opoñéndose ao recoñecemento das vítimas que ela mesma provocou en contra dos principios que predica. Non, a Igrexa non era, nin é, a do cura de Alsasua. Por iso, e por outras moitas razóns morais, é necesario seguir realizando películas coma estas, que contribúen á honrar aos represaliados e ao coñecemento histórico. Estou de acordo con Helena Taberna cando di: “No hemos tenido sensibilidad suficiente con las víctimas de esta guerra. Para lo que fue aun no se han hecho suficientes películas buenas”.

domingo, 3 de febreiro de 2013

La noche más oscura


A película de Kathryn Bigelow é moi boa, funciona coma un reloxo, con escenas curtas, perfectamente filmadas, e engarzadas con precisión. As dúas horas e media do filme pásanse moi rápido, a pesar de que xa coñecemos o final. Un final centrado no asalto á casa onde vivía o gran demo, Bin Laden, e que para min é do mellor que teño visto en cine de acción.
Tanto nesta coma na oscarizada ‘En tierra hostil’, a directora amosa ser unha mestra do cine bélico. Un cine que non pode ser máis que violento, e no que os personaxes son só monicreques ao servizo dunha causa, dunha obsesión coma neste caso. Non teñen pasado, non cuestionan o seu papel no merdento teatro da guerra, só cumpren unha misión.
É así como se non presenta a caza do home nesta extraordinaria e entretida película. Sen preguntas. Unha axente da CIA protagoniza durante dez anos a procura de información, e nesa busca do fuxitivo (como nunha película de vaqueiros) todo vale. É aquí, no uso probado da tortura nos cárceres secretos da CIA (ou en Guantánamo) onde se centra a controversia.
Para algúns a película non se compromete, só intenta ser fiel aos feitos, e que cada un pense o que queira. Para outros, entre os que me inclúo, a directora toma claramente partido. A suposta neutralidade agocha unha xustificación da tortura como método para acadar a información que conduce ao final ‘feliz’. Sen ela non tería sido posible atrapar ao malo. Nas escenas dos atentados terroristas sentimos, como non pode ser doutra maneira, rexeitamento, noxo. Porén, cando se nos mostra a tortura, o punto de vista é outro, con jihadistas deshumanizados e axentes secretos que actúan cunha rutina case burocrática, mesmo parecen simpáticos. Bin Laden e os seus fanáticos seguidores está claro que son uns fillos de puta, pero… tamén consideramos uns fillos de puta aos da CIA? Se nos centramos só na película, evidentemente non.
Non existe a obxectividade en ningunha interpretación dun feito pasado ou presente. Cando se escolle un punto de vista ou outro estase tomando partido. Non facerse preguntas sobre a guerra de Iraq ou Afganistán, non cuestionarse a impunidade do exército e dos servizos secretos de EE UU en Paquistán, non explicar as orixes do conflito, non establecer ningún límite legal ou moral na actuación dos personaxes, só pode interpretarse como unha xustificación do narrado, amoral.
É na suposta neutralidade onde radica a gran trampa, gran perigo deste tipo de propaganda bélica. O inimigo encarna ao MAL e hai que extirpalo da Terra, as únicas vítimas son as nosas, as do lado do BEN. Non hai matices, non hai profundidade. Dos indios do oeste aos islamitas, a mensaxe, a historia, repítese. O fin xustifica os medios, aínda que ese fin non sirva para nada máis que para mostrar quen manda aquí.
Non é unha película de Rambo, senón unha perfecta construción cinematográfica feita para presentarnos unha realidade noxenta como simple entretemento. Paga a pena vela, pero que non nos enganen, detrás da ‘noite máis escura’ hai moita merda, aínda que non cheire.

venres, 25 de xaneiro de 2013

Vigo, anos sesenta

Video que forma parte dun programa da TVE 'El Peregrino' dos anos sesenta do século pasado

mércores, 16 de xaneiro de 2013

Vigo, a arquitectura perdida

Espléndido e elocuente vídeo sobre as barbaridades urbanísticas que se cometeron en Vigo, como consecuencia da febre especulativa iniciada nos anos sesenta. Canto patrimonio se perdeu en beneficio duns poucos cobizosos! Traballos tan ben feitos coma este son inestimables para concienciarnos da necesidade de protexer os elementos arquitectónicos que nos fan máis grato, máis humano, vivir na cidade. Parabéns ao autor, mágoa que non contribúa tamén á conservación do patrimonio lingüístico.

domingo, 13 de xaneiro de 2013

domingo, 6 de xaneiro de 2013

Monterrei


Do antigo Caladiños
Entre os lugares que teñen un espazo importante na miña memoria figura nos primeiros lugares o castelo-fortaleza de Monterrei que preside maxestosamente o val do mesmo nome. Subir ao castelo a dar un pasei foi, a aínda é, habitual para os que alí nos criamos, sobre todo cando queremos ensinarlles ás visitas o mellor da nosa terra da raia seca. Hai outras lembranzas do castelo, máis íntimas e algo canallas, ao abeiro da noite, ás veces en boa compañía.
Alí celebrouse hai anos o xogo de rol, Irmandiños, a revolta, que ten acadado un gran éxito. Os irmandiños de hoxe gañáronlle aos malfeitores, como ocorreu tamén na revolta histórica de 1467, aínda que enseguida deixaron de novo paso aos señores. Grazas a labor de Taboada Chivite, e máis recentemente de Xerardo Dasairas, podemos coñecer a historia de Monterrei e imaxinar a vida das xentes que alí viviron.
Monterrei é un dos conxuntos monumentais (paisaxístico, artístico e militar) máis importantes de Galicia, sen embargo non ten a sona doutros de menor entidade. Velo desde o val xa impresiona, pero o mellor é subir andando desde o barrio da San Lázaro (en Verín) ou, polo menos, facer camiñando todo o Paseo das Donas desde o cruceiro. É inadmisible que se permita subir cos coches ata a entrada do Patio de Armas. Ao cruzar a primeira liña de murallas desviámonos á esquerda e atravesamos a elegante e recia porta principal para achegarnos á fermosa portada gótica do Hospital de Peregrinos, onde se representa o Tetramorfos.
Unha das intervencións máis lamentable que se teñen feito en Monterrei constitúea o asfaltado da rúa que ascende desde o Hospital. Neste país soterramos en asfalto a terra e as pedras, tan mal lle queremos? Se continuamos cara o cume percorremos as rúas coas casas en ruínas da aldea, antiga sede do Concello de Monterrei, ao que pertence o castelo (e non a Verín como os da vila pretenden, un chisco de localismo non fai mal!). Penso que habería que facilitarlles aos propietarios desas casas a súa restauración respectuosa co entorno ou que Patrimonio as merque para destinalas a actividades culturais ou lúdicas, porque a alternativa é que se veñan todas abaixo. Para poñer en valor todo o recinto fai falta crear un Padroado que vixíe o seu coidado e leve a cabo unha programación de actividades que lle dea vida como espazo de lecer e cultura (aquí actuaron os Heredeiros da Crus ou Amancio Prada).
Podemos retroceder e subir polo estrada por onde mal acostuman a facelo os coches. Bordeando a acrópole polo leste había antes un fermoso paseo baixo os tileiros, pero unha enfermidade acabou con eles. Percibo dous cambios significativos na paisaxe respecto da miña mocidade: por unha banda, a perda de árbores no monte e, por outra, o aumento das edificacións ‘en calquera sitio’ do val deixando cada vez menos espazo ao monte e ás terras de labor (a concentración parcelaria, autovías e estradas tamén fixeron a súa contribución aos desafortunados cambios na paisaxe). Seguindo a rota anterior torcemos á esquerda nunha entretida camiñada entre portas e cercas.
A outra alternativa supón rodear o núcleo do castelo polo sur, seguindo as liñas das potentes murallas e garitas que miran ao sur, a Portugal. Desde este lado podemos ver aos nosos pés o Parador Nacional que nos puxo D. Manuel (grazas!) construído por riba do antigo Colexio de Xesuítas, un centro educativo de moita relevancia. Antes, arredor de 1490, instalárase en Monterrei a primeira imprenta de Galicia. Merece a pena deterse a mirar o castelo: o muro ameado, a igrexa, a Torre das Donas e, sobre todo, as bonitas galerías do Pazo dos Condes.
Entrando no Patio de Armas recíbenos un pozo con lenda. A lenda di que hai un túnel escavado desde o pozo ata a única fonte do entorno. Este era o gran problema da fortaleza e para protexer a fonte se construíu un pequeno parapeto militar durante as guerras con Portugal no s. XVII, a Atalaia. Unha vez visitado o castelo, paga a pena dar un pequeno paseo ata a Atalaia e a fonte. Cando eramos nenos tamén non dicían que arroxaban ao pozo aos condenados, daquela non sorriamos.
A igrexa románico-gótica de Santa María é pequena pero cun gran valor artístico: os canzorros, a portada gótica ao norte rodeada por tumbas baixo arcos e no seu interior o retablo de pedra con escenas da Paixón.
Por suposto, hai que contemplar desde o patio, de vagar, as dúas galerías renacentistas. A sucesión de columnas e piares, coroados pola Torre das Damas forma unha fachada de gran elegancia e fermosura. No restaurado interior do pazo podemos visitar o Museo.
Deixo para o final a Torre da Homenaxe ou de D. Sancho, do século XV, de grosos e sobrios muros. Non me canso de subir a ela, mirando polas ventás de cada andar, tocando os sinais dos canteiros que labraron os perpiaños, ata chegar arriba e desde alí dominar coa vista o val de Monterrei. A pesar dos estragos podemos pasar un bo rato mirando cara norte, o monte de San Salvador e o descorrer do río Támega desde a serra de San Mamede, ao leste vemos a vila de Verín (como case todas as de Galicia, fea, chea de abusos urbanísticos) e ao fondo os montes de Campobecerros, Ríos e Vilardevós, cara o sur seguimos o Támega cara a raia e Chaves, a terra dos inimigos de onte, aos que tanto lles debe a fortaleza. Cara o oeste, ao fondo, no alto, o mítico monte Larouco, e no val o río Búbal leva as súas augas cara o Támega. A súa beira Vilaza, e dous quilómetros ao norte, Albarellos de Monterrei e a rúa dos Caladiños.