Lewis W. Hine (1874-1940) deixou o seu traballo de profesor para denunciar as desigualdades sociais por medio da fotografía. As súas imaxes son fermosas, pero sobre todo póñennos diante da dureza da vida para nenos, inmigrantes e traballadores nunha época de forte crecemento económico, pero non para todos. Pensaba que as súas fotos servirían para 'corrixir erros'.
Fíxose coñecido polas fotografías dos inmigrantes que chegaban á illa de Ellis, en Nova Iork. Recolleu a chegadas dos inmigrantes pero tamén as súas pésimas condicións de vida e de traballo.
En 1906 comezou a fotografar para o National Child Labor Committee (Comité Nacional do Traballo Infantil), captando imaxes de nenos e nenas traballadores nas fábricas, nas minas, nas rúas. Estas imaxes conseguiron que se endureceran as leis protectoras do traballo infantil.
Durante a Primeira Guerra Mundial traballou para a Cruz Vermella e plasmou as condicións de vida dos civís franceses e belgas. Viaxou tamén aos Balcáns onde realizou un traballo sobre nenos.
Nos anos 20 realizou unha serie de fotografías chamadas work portraits (retratos de traballos), nos que o home e a máquina se confunden nun fascinante ensamblaxe ao servizo da produción. Entre elas destacan as realizadas durante a construción do Empire State Building en 1930-31. A deshumanización do traballo, que tan ben reflectiu Chaplin en Tempos Modernos, queda aquí patente, aínda que Hine é quen de preservar sempre a dignidade das persoas ás que fotografía, sen un ápice de morbo.
Poderían facerse hoxe reportaxes similares?
Morreu na miseria
Ningún comentario:
Publicar un comentario