Castro é especial para min. Non pola vida do personaxe que retrata, senón por ser o regalo de despedida dos alumn@s e compañeir@s do Club de Lectura As Campaíñas, que tanto boto de menos.
Este é o segundo traballo biográfico de Rheinhard Kleist, despois de I see a darkness sobre o cantante Johnny Cash. A biografía de Fidel non pode ser máis que extraordinaria, desde a toma de conciencia na adolescencia á guerrilla de Sierra Maestra, ata converterse nun ditador puro e duro, lonxe xa do entusiasmo inicial, todo parece inverosímil. Pero aí está, en chándal, agardando a morte sen perder un ápice de autoridade entre os seus (entre os outros, coma min, xa hai tempo que quedou desautorizado).
Carisma, moitísimo carisma, e mais co Che, ao servizo da sacralizada revolución. Todo se xustifica no seu nome, o control da información, o racionamento ou mesmo a execución dos compañeiros de viaxe.
'La revolución no le tiene miedo a nada, y nadie debe tener miedo a la revolución. Nosotros no imponemos a nadie sobre qué debe escribir, pero juzgaremos siempre su obra literaria a través del prisma de la revolución. Lo cual quiere decir, dentro de la revolución, todo... contra ella nada". (pax. 206-207)
Pero non só hai política, senón que tamén se tratan aspectos intímos, como as relacións amorosas. "Para un ego tan grande coma o seu, unha muller non podía ser suficiente. Pero despois de todo, el só está casado coa revolución", di Kleist.
Unha banda deseñada máis que recomendable, moi ben documentada, que -sen contar nada novo- ofrécenos unha biografía entretida e suxestiva, con moita ironía, deste mito dos nosos tempos. É a historia de vida de Fidel, ou o que é o mesmo, a historia de Cuba. Estes son os feitos, narrados polo personaxe do fotógrafo Karl Martens, inspirado nun periodista do New York Times. A nós correspóndenos valorar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario