Este blog continúa outro 'caladiños' que no seu desexo de explorar novos lugares mudou para aquí. Continúa pero, ao tempo, recolle aquelas entradas da primeira andaina que aínda seguen tendo interese para min.
Nesta primeira entrada reproduzo os dous artigos que encabezaron a miña primeira experiencia no mundo dos blogs, onde falo da miña historia, dos meus recordos na escola e na rúa. Na rúa Caladiños, claro!.
Caladiños era como había que estar na escola da foto da cabeceira. Os alumnos tiñamos que ser autómatas que só debiamos reaccionar ante as ordes do profesor. Non podiamos ter iniciativas, non podiamos opinar. Case era mellor non pensar, non criticar. O noso espazo era moi cativo, limitábase ao infinito mundo dos soños.
Caladiños, que remedio. Porque se falabas asomaba a vara detrás da mesa do mestre: 'el maestro siempre tiene razón'. Só falabamos cando o mestre nos tomaba a lección, por suposto, en castelán: "A ver Pepiño: ¿quienes fueron los fundadores de Roma? Rómulo y..., el otro no lo sé Don José". Extiende la mano". Isto cando non lle daba por mallarnos a labazadas sen razón nin compaixón. Tiñas sorte se eras fillo do médico ou do veterinario. E inda por riba, nenos e nenas separados!!!
Caladiños como antes é como non quero que estean os meus alumnos e que se expresen con liberdade pero tamén con respecto. Atrevédevos a opinar.
Caladiños é o nome da rúa de Albarellos onde eu me criei. O nome ten retranca: en realidade os veciños da rúa eran moi barulleiros, sempre estaban fóra da casa, de leria. Quero que este espazo recolla o espírito da antiga Caladiños, que sexa un punto de encontro para conversar, sen esquecer a retranca que tanto axuda a entendernos.
Caladiños é tamén un símbolo do paso do tempo, dos cambios que se teñen producido no mundo rural. Hoxe a rúa está baldeira, case non quedan veciños e os poucos que quedan pasan dos sesenta. Agora si que se pode dicir que é unha rúa de Caladiños. As vellas casas de pedra están abandonadas ou, sobre elas, se teñen feito casas de cemento desproporcionadas, feas. Nas cortes, nos alpendres, nas palleiras, nas bodegas... se acumulan os restos doutros tempos nos que se vivía peor. Caladiños é Historia, e o que hoxe somos os que alí vivimos non o podemos comprender sen coñecela.

1 comentario:
Que boa maneira de bautizar o blog (aínda que vexo que o nome é antigo). Alégrome de ser a primeira seguidora; son Ocampo, por certo (é que a navalla non se ve moi ben).
Publicar un comentario