Aminetu Haidar é coñecida como La Pasionaria Saharauí ou a Ghandi Saharauí. Leva en folga de fame desde o día 14 de novembro, confinada no aeroporto de Lanzarote. O día anterior regresaba a súa casa en El Aaiún (Sáhara Occidental) cando non se lle permitiu a entrada e foi expulsada pola policía marroquí coa escusa de que no formulario de entrada puxera como nacionalidade o Sáhara Occidental, en vez de Marrocos. Isto xa o fixera outras veces, pero deixárana pasar. Foi embarcada cara Lanzarote onde se lle obrigou a entrar no aeroporto (xa que ten unha tarxeta de residencia por razóns humanitarias en España), pero non se lle permitiu coller o avión cara El Aaiún por non ter pasaporte. Ela cre que o Goberno español está sendo cómplice do marroquí: "Nunca pensei que España lle faría un favor tan sucio a Marrocos".
O Sáhara Occidental foi unha colonia española ata novembro de 1975. Nese mes, con Franco agonizante, o rei de Marrocos, Hassan II organizou a 'marcha verde' sobre o Sáhara español. A manifestación 'pacífica' penetrou no territorio baixo xurisdición española tendo como resposta do Goberno español o abandono e a entrega do territorio a Mauritania e Marrocos. Poucos anos despois Marrocos fíxose co control total de toda a ex colonia. Os saharauis-españois sentíronse, con razón, traizoados e iniciaron a loita pola independencia do Sáhara Occidental baixo a organización da Fronte Polisaria, desde os campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria). Hoxe, 34 anos despois, a ONU é incapaz de resolver a situación e Marrocos exerce o control efectivo sobre un espazo que considera seu, coa complicidade dos gobernos occidentais, entre eles España, a antiga metrópole.
Haidar, de 42 anos, criouse no Sáhara ocupado. Nada máis acabado o bacharelato, en 1987, xa foi detida por manifestarse con outras 700 persoas preto dunha delegación da ONU. Detivérona e torturárona durante semanas. Foi trasladada a un dos cárceres secretos do reino de Hassan II, onde permaneceu catro anos desaparecida. A súa familia pensaba que morrera. Cando a liberaron en 1991 estaba enferma, con lesións na columna e unha úlcera sangrante dos que é tratada en España. Pero seguiu loitando pola independencia e os dereitos humanos no Sáhara Occidental, mesmo deixou de estudar. Casou e divorciouse, tivo dous fillos, de 13 e 15 anos, que viven agora coa súa nai en El Aaiún. Xa realizou outra folga de fame no 2005, de 50 día de duración, cando cumpría condena no Cárcere Negro de El Aaiún. Ten recibido numerosos premios pola súa loita pacífica, con escasos resultados prácticos, pero ela non se vai render, non vai abandonar: "Teño moitos problemas de saúde, pero debo sacrificarme por un dereito individual: o regreso ao Sáhara Occidental. Ou o Goberno español busca unha solución para devolverme a meu país, ou seguirei ata a morte" (El País, 28-11-09).
Ningún comentario:
Publicar un comentario