domingo, 30 de marzo de 2014
domingo, 23 de marzo de 2014
Suárez en seis imaxes
![]() |
Xura como Director de RTVE, 1969 |
![]() |
Xura como Vicesecretario do Movimento Nacional diante de Franco, abril 1975 |
![]() |
Xura como presidente do Goberno diante do Rey, xuño 1976 |
![]() |
Elixido home do ano 1977 pola revista Times |
![]() |
Enfrontándose aos golpistas no Congreso, o 23-F de 1981 |
![]() |
Cartel electoral do CDS nas eleccións de 1989 |
martes, 18 de marzo de 2014
xoves, 13 de marzo de 2014
Un traballador do século XX
Película documental baseada na autobiografía de Manuel Barros, "O rapas de aldea. Memorias dun traballador (1918-1976) (Fundación 10 de Marzo), realizada por Steve Sklair, patrocinada en 2009 pola Televisión de Galicia, que aínda non a emitíu. Estreada en Vigo o 18 de febreiro de 2014 por Carlos Barros, o fillo do protagonista.
Manuel Barros, traballador de Barreras en Vigo, animado polo seu fillo, durante catro anos, despois de xubilarse, escribiu a man, cun lapis e un galego de Coruxo, as súas memorias. Un relato persoa do s. XX no Vigo en proceso de industrialización, onde o movemento obreiro foi acadando cada vez máis importancia. Manuel era obreiro, comunista e estaba afiliado a CC OO.
)
domingo, 9 de marzo de 2014
sábado, 8 de marzo de 2014
1931 A batalla polo dereito ao voto da muller
De cliphistoria
Despois de moitos debates, ao
fin, o 1 de outubro de 1931, a teimuda Clara Campoamor conseguiu un
obxectivo histórico. Por 161 votos a favor e 121 en contra, as mulleres
poderán votar nas seguintes eleccións de 1932, por vez primeira na
historia de España.
Clara Campoamor, la mujer olvidada (Laura Mañá, 2011)
Podes vela legalmente en http://www.rtve.es/mediateca/videos/2
O debate sobre a Constitución de 1931 seguía... Axiña chegou o momento
de decidir sobre o dereito a voto da muller, ao que se opuñan
especialmente os Republicanos e Partido Radical, pois consideraban
prematuro outorgarlle o voto ao sector da poboación mais influido pola
igrexa. Pensaron que a República estaría en perigo có voto das mulleres.
Mais Clara Campoamor, en contra do seu propio partido (o radical), e co
apoio de Acción Nacional (dereita) e o PSOE, apostaban polo voto
feminino. A outra muller da cámara, Victoria Kent (Izquierda
republicana) votou en contra. Entre os que votan a favor neste clip está
o sadense Ramón Suarez Picallo. Os argumentos a prol da inferioridade
da muller no comezo da secuencia, corresponden ao coruñés Roberto Novoa
Santos da Federación Republicana Galega.
Clara Campoamor, la mujer olvidada (Laura Mañá, 2011)
Podes vela legalmente en http://www.rtve.es/mediateca/videos/2
sábado, 1 de marzo de 2014
Monterrei, patrimonio público
Pero estes políticos mediocres,
curtos de miras, incapaces de xerar benestar para os seus concidadáns, son
quen, porén, de acadar as máis altas cotas da miseria cos seus despropósitos só
aparentemente inocentes, casuais. Vendo o que pasa día tras día sería de parvos
non sospeitar que o obxectivo é, outra volta, obter beneficios privados
malgastando o patrimonio público (de todos, non de ninguén).
Así que... sacan un novo coello da
chistera, un hotel de luxo no castelo de Monterrei. E se sempre quedas abraiado
coa capacidade de latrocinio dos nosos gobernantes, neste caso doe, porque o
castelo forma parte da miña propia paisaxe, da miña vida. As súas pedras
dominando o val son tamén a nosa casa, a de todas e todos os que nos criamos e
medramos baixo a súa impoñente presencia que nos fai sentirnos orgullosos de
ser de Monterrei, non de calquera outro lugar.
Nunha das provincias máis pobres e
despoboadas de España esa é a solución dos que mandan desde hai... (desde
sempre). Quítanlle a posibilidade de gozar libremente dun espazo único ao pobo,
para regalarllo aos que se están enriquecendo coa crise, aos que poden pagar o
luxo, e aínda pretenden que aplaudamos. Somos afortunados porque poderemos
fisgar os cochazos e o estilo de vida
dos novos señores, non como antes, cos condes, que nin se lavaban.
É alucinante que haxa diñeiro
público para restaurar e acondicionar o castelo como hotel, pero non para
coidalo como ben público. Argumentar que facer un hotel é a única maneira de
conservar o edificio é unha falacia e deixa en moi mal lugar á Administración,
que as autoridades deberían ser as máis interesadas en defender, como máximos
representantes da mesma. Como ocorre coa Sanidade ou a Educación, está
comprobado que a xestión do patrimonio cultural, con medios e vontade política,
é máis rendible para o conxunto da sociedade (non sei se para os políticos
responsables desta decisión) que as empresas privadas. Pero non parece haber
vontade nin capacidade, diñeiro si.
Como se pode ver na foto, a 300
metros do castelo hai xa un parador de turismo, nun emprazamento privilexiado e
cunhas instalacións en bo estado. O ano pasado estivo a piques de pechar,
aparentemente por falta de clientes, aínda que os comerciantes da zona
queixábanse da falta de prazas hoteleiras que obrigaban aos turistas a aloxarse
en Chaves (Portugal). O plan é pechar este parador de tres estrelas e
trasladalo ao castelo (repito, a 300 metros), supoño que con cinco estrelas e
menos habitacións. Segundo os responsables da desfeita así atraerase a máis
xente e aumentarase a oferta hoteleira. Alguén o entende?
Cales son as razóns que poden
facer cunha persoa estea disposta a pagar máis por durmir no castelo, cando no
antigo parador podería estar máis tranquilo (sen os fisgóns) e gozar dun fermoso paseo pola fortaleza como calquera
mortal? Xa, claro, sempre haberá quen estea disposta a pagar o que sexa porque
lle sobran os cartos ou por capricho, pero, serán tantos que xustifiquen os
millóns de euros que se prevé investir e o abandono do edificio do antigo
parador? Di o alcalde de Monterrei que xa lle buscarán un uso (como se lle está
buscando á Cidade da Cultura), a iso chámaselle previsión e optimización dos
recursos.
Outro dos argumentos que teño lido
a favor do hotel é a creación de postos de traballo, imposible de refutar con
millóns de parados. Pero é de prever que co parador tamén se trasladen os seus
traballadores, así que quizais haberá algún novo contrato (temporal, claro) que
será para... (si no eres del.... jódete).
Pregúntome porque un uso razoable, cultural e turístico, non pode
crear os mesmos ou máis postos de traballo.
Na miña opinión o que cómpre facer
co castelo e o seu entorno (tamén moi valioso) é restauralo e habilitalo para a
celebración de todo tipo de actos de carácter cultural e lúdico, co único
límite da conservación dos edificios. No propio castelo ou nas casas próximas deberíase situar un museo histórico-etnográfico da comarca (recuperando o
patrimonio depositado noutras institucións, como o Misal de Monterrei ou a
estatua de Dionisio e Ampelos) que sería un foco de atracción por si mesmo
tendo en conta a riqueza do patrimonio cultural da bisbarra (viño e outros
cultivos, contrabando, entroido, balnearios, etc.). O importante é que haxa un
programa de actividades atractivo e dinámico (por medio dun Padroado ou
institución similar) que integre o espazo da acrópole na vida cotiá dos
habitantes da comarca e atraia tamén a visitantes doutras latitudes.
Se algo está claro é a beleza e o
interese de Monterrei, un lugar que todo o mundo debería ter a necesidade de
visitar, só hai que poñelo en valor, dálo a coñecer. Algo que ata agora non se
conseguiu. Son moitos os lugares de Galicia ou España, máis famosos e máis
visitados, que carecen da importancia histórica, arquitectónica e paisaxística
do noso castelo. Campañas efectivas de promoción turística, vinculadas a outros
moitos atractivos da zona (non esquezamos Portugal), fomento das visitas
escolares e de grupos organizados, creación de rutas artísticas e culturais,
impulso do turismo da natureza, programas de axuda para a creación de empresas
de ocio e turismo... serían actuacións moito máis beneficiosas para o conxunto
dos habitantes. Por que non se realizan?
Privatizar o espazo público coa
escusa do abandono do mesmo é un malgasto económico e un empobrecemento xeral
da sociedade, ademais dunha proba evidente do fracaso dos que deben velar polo
patrimonio común, os políticos. Se, ao final, se habilita como
hotel todos os cidadáns e todas os cidadás, de Monterrei ou de fóra, seremos
máis pobres, mesmo os que defenden o cambio de uso.
xoves, 27 de febreiro de 2014
luns, 17 de febreiro de 2014
A pintura na I Guerra Mundial
Un espléndido e extenso traballo de Miguel Martí sobre a pintura (e os pintores) da I Guerra Mundial. Unha forma distinta e moi suxestiva de achegarse á Grande Guerra.
sábado, 15 de febreiro de 2014
Purga, de Sofi Oksanen

A
autora, a finesa Sofi Oksanen, conseguiu un gran éxito con esta traxedia
(versión novelada dunha obra teatral), un auténtico best-seller con numerosos
premios, que temos a sorte de seren traducido ao galego pola excelente
editorial Rinoceronte. A nai de Sofi era estoniana o que lle permitiu coñecer
de primeira man como se vivía na Estonia do final do imperio soviético e nos
primeiros anos da independencia. Podemos resumir que o libro percorre a
historia de Estonia no século XX: estado independente entre as dúas guerras
mundiais, ocupado polos soviéticos no 1939, invadida polos alemáns no 1941 (os
nazis foron recibidos como liberadores) e na URSS ata a caída do Muro de
Berlín, en 1991. E o gran protagonista do século XX (quizais de toda a
Historia), o ‘medo’. O medo impregna este estupendo e preciso relato das
miserias humanas, da humillación e da resistencia a toda costa, da escuridade e
a mentira, do egoísmo e o rancor.
A
novela é a historia dunha supervivente da Historia, Aliide, unha muller
estoniana que leva dúas bragas, unha sobre a outra, para sentirse máis segura.
En 1992 é unha anciá que vive soa nunha aldea, afanada na súa cociña. De
súpeto, no patio da casa aparece unha moza, Zara, aterrorizada, fóra de lugar,
cun aspecto lamentable... pero fala estoniana. Por que teñen tanto medo as dúas
mulleres? que traxedia ocultan? A resposta a esas preguntas é o argumento deste
libro duro, moi duro, sen a penas concesións, cunha escritura minuciosa e unha
estrutura perfecta. É imposible deixar de ler, de sentir o sufrimento dos
personaxes e, sen embargo, de gozar da lectura, de impacientarnos por coñecer.
O peor é que a vida desas mulleres é verdadeira, auténtica. A autora é quen de
transmitirnos a verdadeira cara da Historia a través dunha ficción na que os
grandes acontecementos esmagan, feren e destrúen a vida de calquera
insignificante persoa, coma nós.
Purga
(depuración, eliminación, o nome xa o di todo) permítenos entender mellor o
terror stalinista (ou de calquera totalitarismo) e do capitalismo salvaxe que
calquera estudo con datas, cifras e feitos. Nazis, stalinistas e mafiosos
capitalistas forman un estarrecedor catálogo de monstros. Só se pode loitar por
sobrevivir fronte a réximes aparentemente afastados pero que petan en todas as
portas, ata no máis recóndito recanto de Estonia, de Alemaña ou de Siberia. O
Sistema existe, somos nós, e ninguén está a salvo.
Ao
longo da lectura somos quen de comprender, aínda que non sintamos simpatía
(quizais, si, empatía) esa dor irracional, sen sentido, inxustificable, que
esnaquiza calquera esperanza das mulleres, sempre as vítimas esquecidas da
violencia institucional (dos homes?). Mulleres desgraciadas pero coa afouteza
suficiente para seguir adiante no medio da pobreza moral máis descarnada.
Aferradas ao amor como única táboa de salvación, aínda que iso lles faga ser
crueis, ou inxenuas. Débiles e fortes á vez, marcadas por un pasado e un
presente tráxico, marionetas do destino, pero capaces de actuar, de elixir, sen
liberdade. Unha vida de segredos e mentiras na que ninguén pode ser bo de todo
(nin malo?).
E
ademais tamén está presente a relación, tan clásica, entre as dúas irmás, a boa
e a mala, cos celos e o rancor galopantes; e a filla desarraigada, vítima da
purga capitalista. que vive en Finlandia e non quere saber nada do mundo
tradicional que súa nai quixera transmitirlle.
Un
libro magnífico, cunha linguaxe directa e ás veces poética, que só nos conta o
esencial pero que tamén fala cos seus silencios. Unha novela negra, de
suspense, que desde o primeiro momento esperta a nosa curiosidade, aínda que só
nos deixa coller aire, pouco, ao final. E o personaxe redondo, enorme, de
Aliide.... Pódese vivir sen esperanza?
mércores, 12 de febreiro de 2014
O Entroido da Stasi
Para saber máis da foto, da Stasi e da RDA (República Democrática de Alemaña):
martes, 4 de febreiro de 2014
Quince razóns polas que o castelo de Monterrei non debería converterse nun complexo hoteleiro
- Por que o Castelo de Monterrei é o símbolo da nosa comarca.
- Por que non se deberían usar fondos públicos para o beneficio de uns poucos.
- Por que se din que o Parador non é rentable, difícilmente sería rentable este novo hotel.
- Por que todo o mundo debería poder visitar o castelo é non só o que poida pagar unha habitación.
- Por que non existe a necesidade de crear máis prazas hoteleiras na nosa comarca.
- Por que suporía o peche do Parador de turismo.
- Por que se pecha o parador de turismo a ver que se fai co edificio onde esta asentado.
- Por que nunca máis se vería o castelo iluminado pola noite (sería imposible durmir dentro del con tanto lucerio).
- Por que o castelo ten que ser de todos.
- Por que para facer as habitacións teñen por forza que abrir buratos nos muros da fortaleza para pasar os tubos da fontanería, cable da luz e esas cousas.
- ¡Por que hai un parador de turismo ó lado do castelo!
- Por que o castelo non necesita ser lucrativo para se útil.
- Por que o Castelo de Monterrei debería converterse no museo da nosa comarca e non nun hotel para uns cantos.
- Por que na cesión do castelo por parte da administración xeral do estado á Xunta de Galicia só se contempla o seu uso con fins culturais.
- E por último e máis importante: ¡Por que si os da Xunta creeran que un hotel no castelo podería ser beneficioso para a comarca andariano anunciando a bombo e platillo e non andarían facendo as cousas a escondidas do pobo!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)