A noite de fin de ano
tocoume pasala la casiña de Pontepedriña, e non foi mala noite grazas ao
magnífico cómic de Paco Roca, que me atrapou e non puiden deixar de lelo ata a
madrugada.
É un cómic de
Historia, pero sobre todo é unha gran historia. Trata do exilio español durante
a II Guerra Mundial, centrándoo nos recordos de Miguel Ruíz, anarquista que, no
tempo presente do relato, vive en Francia. Ata a súa casa acude o propio autor
para coñecer o seu pasado.
A mestría de Roca
consegue crear unha historia de vida, unha biografía entrañable, fascinante,
mesmo intrigante. Unha vez máis, o autor de obras imprescindibles como Engurras
ou El invierno del dibujante, é quen de crear personaxes cheos de humanidade, con
entidade propia, facilmente recoñecibles, próximos e atractivos. É isto ocorre
non só co protagonista, senón tamén cos secundarios coma o veciño de Miguel na
actualidade ou cos compañeiros que viviron con el o drama do exilio e da II Guerra
Mundial. Para min esta é o principal valor de Roca, a capacidade, só ao alcance
dos elixidos, para construír personalidades auténticas coas que é imposible non
sentir empatía e simpatía. O que tamén nos ocorre cando o propio autor se
converte nun personaxe máis, como acontece neste cómic ou no divertidísimo
Memorias de un hombre en pijama.
O que, desde o meu
punto de vista, fai desta banda deseñada algo excepcional na brillante
carreira de Paco Roca é o ritmo narrativo. Consegue o tempo exacto en cada
momento para poñernos a bailar, con suavidade, ata o final. E, ao rematar,
laiámonos porque deixou de soar esa melodía perfecta. A limpeza do debuxo e o
poder evocativo do texto encaixan coma unha luva no noso maxín. O contacto coa
realidade pasada é doado, porque (ao igual que Albert e seus fillos) o que
conta Miguel é tan emocionante que non podemos ficar indiferentes.
Coñecer e comprender
as aspiracións e vivencias dos exiliados republicanos é fundamental para a nosa
dignidade como pobo. Desde as palabras de Antonio Machado que dan título a
obra: ‘Para que llamar caminos a los surcos del azar’, non hai páxina que non
sexa unha homenaxe reivindicativa, xusta e necesaria dos homes e mulleres que
non renunciaron aos seus ideais a pesar do maltrato sufrido polos fascistas
(non só os franquistas), e o desprezo e o esquecemento dos propios aliados.
Coñecer e recoñecer a súa loita debe ser un orgullo para os españois de hoxe,
aínda que moitos aínda prefiran a herdanza vergonzosa do nacionalcatolicismo.
Paco Roca consegue
tamén, a partir dun enorme traballo de documentación, transmitirnos a verdade
do vivido por eses homes, unindo realidade e ficción, pero sen caer no aburrido
academicismo ou na obsesión polos datos. Afástase do panfletario (non eran
santos, claro!) e da hipocrisía do politicamente correcto. Ninguén é perfecto
pero os grandes cabróns, nocivos para a humanidade, eran os fascistas, e os
grandes traidores á democracia foron a chamada Francia Libre e as potencias
aliadas, que utilizaron aos republicanos españois na ‘liberación’ de Francia,
pero deixaron que Franco se consolidase no poder en España. A gran frustración
de Miguel e seus compañeiros de La Nueve, obrigados a renunciar aos seus ideais
para seguir vivindo... desenganados e amargados.
Todo se resolve de
xeito maxistral e sorprendente, como en todas as boas historias, o enigma de
Miguel non era, nin máis nin menos, cunha historia de amor. Pura vida. En
definitiva, unha banda deseñada de obrigada lectura, magnífica pola súa
execución e pola súa finalidade, que nos permite aprender entreténdonos. Unha
auténtica lección.
Documental: La nueve
Ningún comentario:
Publicar un comentario