mércores, 1 de maio de 2013

División sindical: que dimitan todos!!


Hoxe, 1º de maio, un grupo de persoas percorremos tres manifestacións. Si, tres manifestacións. Unha maneira de descargar a nosa rabia pola incapacidade dos dirixentes sindicais para poñerse de acordo. Esta situación repítese desde hai tempo, para desesperación daqueles que pensamos que son moitas as causas polas que loitar e nas que todos estamos de acordo, sexa cal sexa a militancia ou a simpatía concreta de cada un. Falei con moita xente, de distintas tendencias, e todos concordamos na absoluta estupidez de facer tres convocatorias. Parecía que andabamos xogando ás escondidas polo pequeno rueiro de Compostela.

E mentres, aí están os datos do paro, os inhumanos recortes e o estarrecedor futuro que nos anuncian. Tan difícil é para a casta dirixente da esquerda poñerse de acordo na defensa do estado do benestar? na defensa da sanidade pública, do ensino público, das pensións e do traballo? é que pensan que estamos no tempo de  resaltar as diferenzas, mentres nos esmaga a apisoadora?
Se non son quen de encabezar a unidade de acción que reclamamos os cidadáns que se vaian para a casa, ou teremos que ser capaces de artellar unha alternativa aos burócratas inconscientes. Porque de seguir así, creo que todos temos claro o que ocorrerá, adeus ao estado do benestar. Os valores da esquerda iranse ao carallo e, por suposto, viviremos, vivirán, peor.
A única esperanza, hoxe coma onte, segue a ser: Proletarios do mundo, unídevos!!!

Ningún comentario: