xoves, 16 de febreiro de 2012

La buena nueva, de Helena Taberna


La Buena Nueva é a película que vimos recentemente na clase de Historia de España para introducir a Guerra Civil. Conta a historia dun cura bo, un cura que cre no que predica e que se pon do lado das vítimas cando se produce o Golpe de Estado franquista. O filme está baseado nos diarios do sacerdote Marino Ayerra, que relatan o que viviu na súa parroquia navarra da Alsasua durante a Guerra Civil, cando os falanxistas e os carlistas de apoderaron da vila e desencadearon toda a súa furia fascista contra os republicanos de todas as ideoloxías e as súas familias. Ao contrario do que ocorreu coa Igrexa católica e os seus curas en toda España, Marino intenta protexer aos perseguidos e axudar ás súas mulleres, e mesmo escribe un diario para que non se esqueza o que pasou.
Partindo desta historia real, a directora, Helena Taberna, engádelle outras historias de ficción, como a relación entre o cura e a mestra, que lle aportan unha maior credibilidade cinematográfica. As interpretacións son moi boas, tanto a de Unax Ugalde (o cura), premio na Seminci de Valladolid, e a de Bárbara Goenaga (a mestra), coma a dos actores secundarios, Willy Toledo (o médico asasinado) ou Maribel Salas (a nai dos Sánchez). Todos os personaxes son auténticos, cribles, encaixando perfectamente no que representan. De cada un deles podemos, sen demasiado esforzo, imaxinar a súa personalidade, o seu carácter. Outro aspecto destacable é a ambientación. Gran parte da película discorre en espazos abertos, en fermosas paisaxes e localizacións reais de Guipúscoa e o norte de Navarra.
Non é só unha película que conta unha historia interesante, senón tamén unha película entretida, vigorosa, que nos permite visualizar e comprender que pasou en moitos pobos de España cando triunfou o Alzamento, a Santa Cruzada. O que pasou en Galicia seguro que non se arreda moito do que vemos no filme. Non se trata de bos e malos, senón de medos, atavismos (carlismo), amor, maldade, ansias de poder, fanatismo e dignidade. No medio do horror, do temor a perder a propia vida, hai persoas que manteñen posturas éticas, humanas.
A Igrexa católica española de hoxe segue sen renegar da Cruzada, da Igrexa que mandou aos seus seminaristas á fronte de guerra a matar, da Igrexa cínica e perversa que representan os superiores dos curas protagonistas das dúas películas. Non só non pediu perdón polo seu activismo criminal ao lado dos fascistas durante a Guerra Civil e o franquismo, senón que aínda segue opoñéndose ao recoñecemento das vítimas que ela mesma provocou en contra dos principios que predica. Non, a Igrexa non era, nin é, a do cura de Alsasua. Por iso, e por outras moitas razóns morais, é necesario seguir realizando películas coma estas, que contribúen á honrar aos represaliados e ao coñecemento histórico. Estou de acordo con Helena Taberna cando di: “No hemos tenido sensibilidad suficiente con las víctimas de esta guerra. Para lo que fue aun no se han hecho suficientes películas buenas”.

2 comentarios:

Daniel Garrido López dixo...

Non vin enteira a película "La buena nueva" pero creo que xa vin bastante co que vimos en clase para ter unha imaxe clara do que representa, en esta película móstrasenos o pensamento de moitos; dos de esquerdas, dos de dereitas, da igrexa, dos carlistas, das mulleres e finalmente o pensamento de algunas persoas que ainda estando teóricamente nun bando ,como Ayerra, defenderon as persoas do bando contrario, porque para eles non existen bandos que valgan para matar a nadie, guiándose pola súa propia moral(como diría Nietzsche "moral sana" que defende a vida sobre todo o demais)sen seguir as crenzas e moral dos demais ( según Nietzsche "moral contranatural" ) que lles permite matar "por su dios" ou "porque es lo que hay que hacer" sin respetar a vida humana.
Ademais de estes valiosos e valentes persoaxes que loitaron indiscriminadamente pola vida, polo dereito a vida, están todas as persoas que morreron aquí e por toda España, e incluso si falamos de mortes causadas por fascistas, por todo o mundo, porque a pegada de persoas que non valoraban a vida e mataban a persoas como quen aplasta formigas, existe por todo o mundo, como nos mostra a historia.
En definitiva , non devemos olvidar o que sufriron estas persoas por buscar un país máis xusto e igualitario, e devemos dar gracias pola "democracia" e país " aconfesional" no que vivimos, ainda que como todos deberíamos saber, todo isto é entre comillas, e ainda hai moito que facer.

Heladio Anxo dixo...

Un comentario moi fiolosófico, pero moi acaído. Moi ben argumentado, nunca debemos esquecer os 'pensamentos' e sobre todo as obras dos personaxes que aparecen no filme. A loita debe continuar.