luns, 23 de xaneiro de 2012

NYC, maNY faCes, maNY plaCes, de Niti Laíño

Esta fin de semana puiden por fin ver a exposición de fotos do meu compañeiro Niti no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago (ata o 30 de xaneiro, en febreiro estará no Centro de Vite). A exposición está formada por 35 fotografías en branco e negro tiradas en Nova York no ano 2009.

As fotos, dunha indubidable calidade, amosan unha cidade moi distinta á tópica, á turística, trazando un percorrido polo cotiá, pola vida diaria dunha xente inconsciente de formar parte do 'centro do mundo'. Esta capacidade do fotógrafo para fuxir da mirada vacua do turista (unha das pestes dos nosos tempos), para ser quen de descubrir a esencia da cidade, de calquera cidade, que reside nos detalles das súas rúas e nas miradas dos seus habitantes é para min o gran logro da súa obra. As fotos de Harlem son realmente extraordinarias, suxerintes e cheas de sensibilidade, obríganos a deternos e contemplalas devagar.

Unha exposición máis que recomendable, un pracer estético e unha auténtica viaxe sentimental á verdadeira cidade.

1 comentario:

Anónimo dixo...

A exposición é extraordinaria, o valor fotográfico e estético é dunha calidade inusual, esperamos ver máis cousas deste fotógrafo.