domingo, 13 de febreiro de 2011

O xenocidio de Ruanda (1994)


O chamado xenocidio de Ruanda ocorreu entre abril e maio de 1994, cando os hutus pretenderon exterminar aos seus veciños tutsi, minoritarios. Morreron entre medio e un millón de persoas, a gra maioría tutsis e hutus moderados. Considérase o terceiro xenocidio do s. XX, despois do Xenocidio Armenio durante a I Guerra Mundial e o Holocausto xudeu e xitano na II Guerra Mundial. Considéranse xenocidios os actos “cometidos coa intención de destruír, en todo ou en parte, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso como tal”.
Campo de refuxiados de Goma (Zaire)
O plan xenocida comezara xa en 1993, cando o goberno controlado polos hutus pretendeu realizar un censo no que todos os habitantes do país debían declarar a tribo á pertencían. Pouco despois de realizar o censo comezou a masacre de tutsis no norte do país.
Os extremistas hutus chegaron a derrubar o avión do presidente, da mesma etnia. O asasinato de Habyarimana foi a escusa para comezar a matanza. As instrucións transmitíanse por radio, animando aos escuadróns da morte (os Interahamwe, os que loitan xuntos), que estaban apoiados polo Exército.
As forzas da ONU estaban no país, pero os cascos azuis non fixeron nada para parar a masacre, limitáronse a protexer aos brancos que vivían na capital, en Kigali. O que si chegaron foron as imaxes aos fogares occidentais provocando unha forte e fugaz onda de solidariedade. Pero as grandes potencias permaneceron impasibles ante o xenocidio, incumprindo as leis internacionais, unha vergonza. Cando se decidiron a actuar xa era demasiado tarde.
Despois do xenocidio aproximadamente 700.000 persoas fuxiron de Ruanda cara a Zaire. Entre eles, soldados e membros das milicias hutus, que pretendían escapar da vinganza dos tutsis despois de que se instalara un goberno en Ruanda controlado por estes. Nos campos de refuxiados, nunhas condicións penosas, continuaron as matanzas e as violacións das mulleres nos anos seguintes, misturadas coas guerra polo control dos minerais do leste do Congo.
A pesar do aterrecedor número de mortos deses 100 días de vergonza, moitas máis persoas morreron e seguen morrendo hoxe nos campos de refuxiados como consecuencia do acontecido nos primeiros anos noventa. Calcúlase que a morte de civís na rexión dos Grandes Lagos é a maior desde a Segunda Guerra Mundial.

(...)
Si, fun a Ruanda, pero Ruanda está tamén en min. Os refuxiados repartíronse por todo o mundo, levando consigo o sangue e a cólera dos mortos abandonados.
E eu teño medo cando escoito falar no meu país de pertenza ou non pertenza. Dividir. Educar aos estranxeiros. Inventar a idea rexeitamento. Como se aprende a idea da identidade étnica? De onde xorde este medo ao Outro que conduce á violencia?
Un día a vida cotiá bórrase para dar paso ao caos. Onde se agochaba a semente do odio? Na noite da cegueira absoluta, que tería feito eu se me vira no medio da engrenaxe da masacre? Teríame resistido á traizón? Tería sido covarde ou valente? Tería matado ou teríame deixado matar?
Ruanda está en min, en ti, en nosoutros.

(...)

La sombra de Imana, de Veronique Tadjo. El Cobre 2003 (pax. 49)

Tania Caeiro

Ningún comentario: