sábado, 16 de xaneiro de 2010

Haití: unha historia de violencia e pobreza


Haití, un dos países máis empobrecidos do mundo, ocupa a parte occidental da illa La Española, nome que lle deu Colón cando desembarcou alí na súa primeira viaxe. A poboación da illa foi exterminada polas enfermidades e o maltrato que lle deron os conquistadores. Para substituír aos indíxenas leváronse milleiros de escravos africanos, que se converteron na maioría da poboación. No século XVIII Haití tiña unha poboación de 300.000 escravos negros e só 12.000 libres.

No século XVII o territorio do actual Haití foi ocupado polos franceses, que reforzaron o sistema escravista. Un antigo escravo, François Toussaint Louverture, seguindo os principios liberais da Revolución Francesa, liderou unha sublevación contra a metrópole (1790-1804) pedindo a igualdade de dereitos. Foi a primeira e única revolta vitoriosa levada a cabo polos escravos na historia. Toussaint foi apresado polas tropas napoleónicas e trasladado a Francia, onde morreu en 1803. Os escravos negros non se renderon e conseguiron vencer ao exército francés, creando en 1804 a primeira república negra, con nome de Haití.

A historia de Haití no século XIX estivo marcada pola inestabilidade política e a violencia, baixo o dominio de caudillos populistas e con enfrontamentos constantes entre negros e mulatos.

A influenza francesa pasou a Estados Unidos en 1910, que pretendía controlar o seu ‘patio de atrás’ (América Latina). En 1915 invadiron o país, coa escusa da súa inestabilidade, e ocupárono ata 1934.

Os Duvalier e os Tonton Macoute

Desde 1957 ata 1986 Haití estivo sometido a ditadura dos Duvalier, que contaron coa axuda de Estados Unidos. François Duvalier era médico, de aí o seu alcume de Papa Doc. Despois de ser elixido en 1957, nomeouse presidente vitalicio en 1964. En 1971 sucedeuno seu fillo, Bebé Doc, o presidente máis novo do mundo moderno, con só 19 anos.

O seu réxime caracterizouse pola corrupción e a violencia, encabezada pola milicia creada en 1959, os Voluntarios de la Seguridad Nacional, coñecidos como os Tonton Macoute. Foron máis de 30.000 as persoas asasinadas. Haití converteuse no país máis pobre de América.

En 1986 Estados Unidos retiroulle o seu apoio, e un golpe militar levou a Bebé Doc ao exilio en Francia. Pero a situación dos haitianos non mellorou. No ano 2004 os Cascos Azuis da ONU ocuparon o país para procurar poñer fin a constante violencia, o que non conseguiron. Iso si, as maquiladoras das empresas internacionais explotan aos traballadores e os recursos naturais sen problemas. De reprimir as protestas, constantes, xa se encargan os Cascos Azuis e a policía.

Os desastres naturais contribúen a empeorar as condicións de vida dos haitianos. No ano 2004 o furacán Jeanne provocou 1.160 mortos e deixou a miles de persoas sen auga nin alimentos. O terremoto actual é moito peor, calculándose en máis de 100.000 o número de mortos. Iso si, só desastres coma estes converten aos haitianos en noticia, estimulando a solidariedade dos que temos a sorte de vivir mellor, mentres os noticiarios e a prensa cospen as imaxes do desastre, nun uso inmoral da desgraza humana (que espectáculo máis lamentable).

En Haití a metade da poboación é analfabeta; o 10% máis pobre da poboación só recibe un 0,7% da riqueza do país, mentres o 10% máis rico lévase o 47,7%; o 80% da poboación vive por debaixo da liña de pobreza, cun ingreso diario de menos dun dólar; case o 75% das ‘casas’ (de madeira e lata) non teñen saneamento; un 40% da poboación non ten acceso á auga potable; non existe servizo de recollida do lixo; o salario medio non supera os 50 dólares mensuais; a taxa de mortalidade infantil é de 59,7 por mil nacidos vivos; só o 24% dos partos son atendidos por persoal médico, a esperanza de vida é de só 49 anos...

Nove millóns de persoas intentan vivir neste país que presenta estes datos arrepiantes. E aínda por riba o terremoto. Está ben a solidariedade (ou caridade), pero algo máis ten que cambiar no mundo para que todas as persoas vivan nunhas condicións minimamente dignas.


FONDO DE EMERXENCIAS DE MÉDICOS SIN FRONTERAS

1 comentario:

Nesy Miguez dixo...

Creo que este pobo esta indo a peor xa que hai pouco tiveron outro terremoto.