domingo, 17 de xaneiro de 2010

As serpes cegas


As Serpes Cegas, con guión de Felipe Hernández Cava e debuxos de Bartolomé Seguí, é a primeira banda deseñada editada polo colectivo galego BD Banda na nosa lingua e en castelán, e tamén foi publicada en Francia. Este álbum foi merecedor do Premio Nacional de Cómic 2009, que outorga cada ano o Ministerio de Cultura, despois de ter recibido antes importantes premios.

O cómic narra unha historia negra que comeza e acaba en Nova Iorque en 1939, pasando pola Guerra Civil española. Un misterioso home de traxe vermello busca a Ben Koch. Este, á súa vez, tamén quere atopar a outro home. Hai moitas contas que saldar. Nunha sucesión de flashbacks imos descubrindo, expectantes, porque uns homes andas a procura de outros.

A recreación histórica dos escenarios é suxerinte e veraz. Os personaxes móvense no mundo clandestino do Nova Iorque dos anos trinta, en plena Gran Depresión nos Estados Unidos. A persecución policial dos comunistas anuncia o que ocorreu despois da II Guerra Mundial, coa caza de bruxas. A participación dos protagonistas nas Brigadas Internacionais achéganos, con crueza, á Guerra Civil e, en concreto a división interna dentro do bando republicano. A matanza de membros do POUM levada a cabo polos comunistas stalinistas en Barcelona, despois dos sucesos de maio de 1937, e a Batalla do Ebro son os escenarios nos que atopamos a explicación das vinganzas persoais.

Esta banda deseñada é das mellores que teño lido. Hai unha perfecta conxunción entre o debuxo e o guión, viñetas e texto flúen con naturalidade, animándonos a gozar cada unha con parsimonia pero, á vez, tirando de nós cara adiante, impacientes por coñecer os secretos dos personaxes. Os autores conseguen crear unha historia redonda, á vez que cada capítulo ten por si mesmo unha entidade propia (primeiro saíu publicada por capítulos na revista BD Banda). En ningún momento decae a acción nin o misterio. Imprescindible.

2 comentarios:

xiztoria dixo...

¡Que boa pinta! Teño que botar unha ollada polo miúdo.

Ronsel dixo...

A min encántarame cando a lin. Estamos de acordo.