Un día llamaron a la puerta de mi casa, al otro lado había un negro con una bicicleta

Non me gustou moito o debuxo, pero o argumento é tan bonito que calquera crítica que se poida facer sería inxusta ante a calidade da narración, os valores que transmite e o optimismo respecto da especie humana que sentimos ao rematar a lectura. Encántame o ton, fuxindo de todo tipo de maniqueísmo ou buenismo, sen ocultar os prexuízos que todos temos e a crítica (tamén a autocrítica), ensamblando a culminación dunha amizade por medio de pequenos detalles, da tolerancia, do cariño e da confianza. Como calquera outra amizade verdadeira.
Claro, o punto de vista é o de Alicia, non o de Baala, pero ese pode ser, debería ser, tamén o noso punto de vista. Aí están os nosos prexuízos de brancos de clase media, receosos co diferente, pero capaces de superalos, porque temos a capacidade de diferenciar o ben do mal, de non caer na compracencia e o auto engano, de ser boas persoas e tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen a nós.
Unha lectura máis que recomendable que ademais conta cunha unidade didáctica magnífica, ideal para traballar nas aulas a problemática da inmigración, pero tamén de como enfrontarnos ao mundo, aos demais, desde unha postura ética. A única ferramenta sólida para vivir mellor, con nós mesmos e cos outros.