
Tomou as
armas contra o franquismo e nunha carta dirixida a seu irmán Quim, escrita na
última noite da súa vida no cárcere modelo de Barcelona, dicía: ‘Eu rachei
con todo e acepto as miñas responsabilidades. Sangue que se derramará, pero non
inutilmente’. Nos últimos anos do franquismo moitos mozos estudantes
elixiron a clandestinidade para loitar contra a ditadura. Salvador militou no
MIL (Movimiento Ibérico de Liberación) anarquista, partidario da loita armada,
e participou en atracos a bancos para dotarse de fondos (‘expropiacións’ lle
chamaban eles) para crear unha editorial de publicacións de loita obreira e axudar
aos grupos radicais do movemento obreiro. Nunca atentaron contra as persoas nin
puxeron bombas.
A sentencia
a morte foi ditada por un xurado militar e executada despois de doce horas de
sufrimento e angustia agardando un indulto que nunca chegou a pesar das
manifestacións que se organizaron en toda Europa. O 20 de decembro de 1973 ETA matou a Carrero Blanco e Salvador comentou:
‘hoxe ETA matoume’. Para moitos a súa condena a morte, xunto ao delincuente
común Georg Wenzel en Tarragona, para
quitarlle transcendencia política, foi a fría vinganza do réxime fascista,
desapiadado ata o final. O ministro Pío Cabanillas dixo sobre a súa execución: ‘foi
un acto de xustiza’.
Os partidos
clandestinos da oposición non se mobilizaron para axudar a Salvador, quizais
pola súa ideoloxía anarquista. Non era comunista, nin socialista, nin
nacionalista. Só comezaron a moverse a mesma noite da súa morte, xa era
demasiado tarde.
‘Pedín que me deixaran asistir a súa morte
porque non quería que morrera rodeado de fillos de puta...' di a súa irmá Imma. Coa
morte de Salvador e 'o ninguén' Georg usouse por última vez en España o brutal
método do garrote vil que, por decisión do rei Fernando VII, substituíra á
forca en 1828.
O director
Manuel Huerga fixo a película Salvador, protagonizada por Daniel
Brühl, sobre a loita política e os derradeiros días de Puig Antich. Para min é
un bo filme, que reflicte con credibilidade a loita final contra o franquismo,
e respectuosa coa persoa. De feito ten o aval das súas irmás. Sen embargo, para
algúns grupos anarquistas actuais a película deforma e manipula a realidade.
Creo que non, que simplemente reflicte unha visión distinta, e creo que o
director e o seu equipo conseguiron os seus obxectivos: ‘É unha débeda que
non temos só con el. Salvador encarna a loita e a resistencia, o idealismo.
Quero homenaxear a todos os que tiveron a lucidez, o coraxe, a ilusión e a
necesidade de cambiar o estado das cousas nunca época esquecida, pero non tan
afastada. A transición e a democracia ensombreceron eses anos tan importantes
de loita, na que universitarios e estudantes, mozos vitalistas, elixiron a
clandestinidade. Todos eles merecen esta película e eu débome a min mesmo unha
revisión de todo iso’.