venres, 30 de novembro de 2012

Os Shministim


Cando recrúa a guerra permanente entre israelís e palestinos cun novo, pero igual de salvaxe, ataque do exército de Israel sobre a poboación de Gaza, debemos recordar aos valentes que se rebelan contra a violencia estrutural. Non todos os israelís son sionistas, nin todos os palestinos son yihadistas. Pero tampouco se pode medir coa mesma vara ao agresor (Israel) que ás vítimas (palestinos). Un mínimo de ecuanimidade na análise do conflito non pode máis que concluír, con todos os matices ou escusas que se queiran, que o principal responsable da situación é o Estado de Israel.
A pesar da imaxe monolítica que se transmite dos israelís na política de man dura fronte aos palestinos, existe unha minoría de valorosos que se opoñen ao uso das armas. Deles case que nunca se fala nos medios, porque non lle interesa nin ao goberno israelí nin aos seus aliados occidentais. Pero coñecelos e difundir as súas ideas e actuacións é unha das maneiras máis eficaces das que dispoñemos para contribuír ao cese da armas, e ao diálogo como solución.
Os Shministim (estudantes de bacharelato en hebreo) son mozos e mozas que foron encarcerados por negarse a facer o servizo militar obrigatorio no exército que ocupa os Territorios Palestinos. Como di Tamar Katz, de 19 anos: "Non estou disposta a converterme nunha das persoas que agarran unha arma apuntando indiscriminadamente a civís de Palestina". Yuval Ophir-Auron pensa que "existe outra maneira, que non é o camiño da guerra. Esta é o camiño do diálogo, do entendemento, da concesión, do perdón, da paz". Pola súa banda Raz Bar-David Varon di que "non nacín para servir coma un soldado que ocupa a outro pobo, e a loita contra a ocupación é miña tamén. É unha loita para a esperanza, para unha realidade que ás veces se sente tan lonxe. Teño unha responsabilidade nesta sociedade. A miña responsabilidade é a de rexeitar a entrada no exército".
Non queren ser cómplices dunha forza de ocupación que condena á poboación árabe a vivir en constante estado de sitio, empobrecidos, sen dereitos, aterrorizados. Os shministim son un exemplo para todos, eles e elas amósannos o camiño da dignidade, a única vía para vivir como seres humanos. Incluso nas situacións máis extremas, hai opción, só temos que abrir os ollos: “Unha vez abres os ollos, a decisión é tan lóxica que non importa o prezo a pagar” (Omer Goldman, de 19 anos, shministim, filla dun destacado membro do servizo secreto israelí, o Mossad)
Esta web (en inglés) recolle firmas para que o goberno israelí libere aos shministim: http://december18th.org/ 

Ningún comentario: