domingo, 23 de marzo de 2014

Suárez en seis imaxes

Xura como Director de RTVE, 1969
Xura como Vicesecretario do Movimento Nacional diante de Franco, abril 1975
Xura como presidente do Goberno diante do Rey, xuño 1976
Elixido home do ano 1977 pola revista Times
Enfrontándose aos golpistas no Congreso,  o 23-F de 1981

Cartel electoral do CDS nas eleccións de 1989


xoves, 13 de marzo de 2014

Un traballador do século XX

Película documental baseada na autobiografía de Manuel Barros, "O rapas de aldea. Memorias dun traballador (1918-1976) (Fundación 10 de Marzo), realizada por Steve Sklair, patrocinada en 2009 pola Televisión de Galicia, que aínda non a emitíu. Estreada en Vigo o 18 de febreiro de 2014 por Carlos Barros, o fillo do protagonista.

Manuel Barros, traballador de Barreras en Vigo, animado polo seu fillo, durante catro anos, despois de xubilarse, escribiu a man, cun lapis e un galego de Coruxo, as súas memorias. Un relato persoa do s. XX no Vigo en proceso de industrialización, onde o movemento obreiro foi acadando cada vez máis importancia. Manuel era obreiro, comunista e estaba afiliado a CC OO.

)

sábado, 8 de marzo de 2014

1931 A batalla polo dereito ao voto da muller

De cliphistoria


O debate sobre a Constitución de 1931 seguía... Axiña chegou o momento de decidir sobre o dereito a voto da muller, ao que se opuñan especialmente os Republicanos e Partido Radical, pois consideraban prematuro outorgarlle o voto ao sector da poboación mais influido pola igrexa. Pensaron que a República estaría en perigo có voto das mulleres. Mais Clara Campoamor, en contra do seu propio partido (o radical), e co apoio de Acción Nacional (dereita) e o PSOE, apostaban polo voto feminino. A outra muller da cámara, Victoria Kent (Izquierda republicana) votou en contra. Entre os que votan a favor neste clip está o sadense Ramón Suarez Picallo. Os argumentos a prol da inferioridade da muller no comezo da secuencia, corresponden ao coruñés Roberto Novoa Santos da Federación Republicana Galega.

Despois de moitos debates, ao fin, o 1 de outubro de 1931, a teimuda Clara Campoamor conseguiu un obxectivo histórico. Por 161 votos a favor e 121 en contra, as mulleres poderán votar nas seguintes eleccións de 1932, por vez primeira na historia de España.

Clara Campoamor, la mujer olvidada (Laura Mañá, 2011)
Podes vela legalmente en http://www.rtve.es/mediateca/videos/2



8 de marzo


sábado, 1 de marzo de 2014

Monterrei, patrimonio público


Parece imposible que na sucesión de escándalos e disparates da nosa clase política aínda haxa noticias que poidan sorprender. Anestesiados, convivimos co noxo sen alterarnos. O decente é o anormal.
Pero estes políticos mediocres, curtos de miras, incapaces de xerar benestar para os seus concidadáns, son quen, porén, de acadar as máis altas cotas da miseria cos seus despropósitos só aparentemente inocentes, casuais. Vendo o que pasa día tras día sería de parvos non sospeitar que o obxectivo é, outra volta, obter beneficios privados malgastando o patrimonio público (de todos, non de ninguén).
Así que... sacan un novo coello da chistera, un hotel de luxo no castelo de Monterrei. E se sempre quedas abraiado coa capacidade de latrocinio dos nosos gobernantes, neste caso doe, porque o castelo forma parte da miña propia paisaxe, da miña vida. As súas pedras dominando o val son tamén a nosa casa, a de todas e todos os que nos criamos e medramos baixo a súa impoñente presencia que nos fai sentirnos orgullosos de ser de Monterrei, non de calquera outro lugar.
Nunha das provincias máis pobres e despoboadas de España esa é a solución dos que mandan desde hai... (desde sempre). Quítanlle a posibilidade de gozar libremente dun espazo único ao pobo, para regalarllo aos que se están enriquecendo coa crise, aos que poden pagar o luxo, e aínda pretenden que aplaudamos. Somos afortunados porque poderemos fisgar os cochazos e o estilo de vida dos novos señores, non como antes, cos condes, que nin se lavaban.
É alucinante que haxa diñeiro público para restaurar e acondicionar o castelo como hotel, pero non para coidalo como ben público. Argumentar que facer un hotel é a única maneira de conservar o edificio é unha falacia e deixa en moi mal lugar á Administración, que as autoridades deberían ser as máis interesadas en defender, como máximos representantes da mesma. Como ocorre coa Sanidade ou a Educación, está comprobado que a xestión do patrimonio cultural, con medios e vontade política, é máis rendible para o conxunto da sociedade (non sei se para os políticos responsables desta decisión) que as empresas privadas. Pero non parece haber vontade nin capacidade, diñeiro si.
Como se pode ver na foto, a 300 metros do castelo hai xa un parador de turismo, nun emprazamento privilexiado e cunhas instalacións en bo estado. O ano pasado estivo a piques de pechar, aparentemente por falta de clientes, aínda que os comerciantes da zona queixábanse da falta de prazas hoteleiras que obrigaban aos turistas a aloxarse en Chaves (Portugal). O plan é pechar este parador de tres estrelas e trasladalo ao castelo (repito, a 300 metros), supoño que con cinco estrelas e menos habitacións. Segundo os responsables da desfeita así atraerase a máis xente e aumentarase a oferta hoteleira. Alguén o entende?
Cales son as razóns que poden facer cunha persoa estea disposta a pagar máis por durmir no castelo, cando no antigo parador podería estar máis tranquilo (sen os fisgóns) e gozar dun fermoso paseo pola fortaleza como calquera mortal? Xa, claro, sempre haberá quen estea disposta a pagar o que sexa porque lle sobran os cartos ou por capricho, pero, serán tantos que xustifiquen os millóns de euros que se prevé investir e o abandono do edificio do antigo parador? Di o alcalde de Monterrei que xa lle buscarán un uso (como se lle está buscando á Cidade da Cultura), a iso chámaselle previsión e optimización dos recursos.
Outro dos argumentos que teño lido a favor do hotel é a creación de postos de traballo, imposible de refutar con millóns de parados. Pero é de prever que co parador tamén se trasladen os seus traballadores, así que quizais haberá algún novo contrato (temporal, claro) que será para... (si no eres del.... jódete). Pregúntome porque un uso razoable, cultural e turístico, non pode crear os mesmos ou máis postos de traballo.
Na miña opinión o que cómpre facer co castelo e o seu entorno (tamén moi valioso) é restauralo e habilitalo para a celebración de todo tipo de actos de carácter cultural e lúdico, co único límite da conservación dos edificios. No propio castelo ou nas casas próximas deberíase situar un museo histórico-etnográfico da comarca (recuperando o patrimonio depositado noutras institucións, como o Misal de Monterrei ou a estatua de Dionisio e Ampelos) que sería un foco de atracción por si mesmo tendo en conta a riqueza do patrimonio cultural da bisbarra (viño e outros cultivos, contrabando, entroido, balnearios, etc.). O importante é que haxa un programa de actividades atractivo e dinámico (por medio dun Padroado ou institución similar) que integre o espazo da acrópole na vida cotiá dos habitantes da comarca e atraia tamén a visitantes doutras latitudes.
Se algo está claro é a beleza e o interese de Monterrei, un lugar que todo o mundo debería ter a necesidade de visitar, só hai que poñelo en valor, dálo a coñecer. Algo que ata agora non se conseguiu. Son moitos os lugares de Galicia ou España, máis famosos e máis visitados, que carecen da importancia histórica, arquitectónica e paisaxística do noso castelo. Campañas efectivas de promoción turística, vinculadas a outros moitos atractivos da zona (non esquezamos Portugal), fomento das visitas escolares e de grupos organizados, creación de rutas artísticas e culturais, impulso do turismo da natureza, programas de axuda para a creación de empresas de ocio e turismo... serían actuacións moito máis beneficiosas para o conxunto dos habitantes. Por que non se realizan?
Privatizar o espazo público coa escusa do abandono do mesmo é un malgasto económico e un empobrecemento xeral da sociedade, ademais dunha proba evidente do fracaso dos que deben velar polo patrimonio común, os políticos. Se, ao final, se habilita como hotel todos os cidadáns e todas os cidadás, de Monterrei ou de fóra, seremos máis pobres, mesmo os que defenden o cambio de uso.