xoves, 28 de marzo de 2013

Salvador Puig Antich


Salvador Puig Antich, un anarquista barcelonés, foi executado a garrote vil o 2 de marzo de 1974 ás 9,40 da mañá, acusado de matar a un policía, Francisco Anguas, en setembro de 1973, durante o tiroteo que levou a súa detención. Tiña 25 anos. O consello de guerra que o xulgou estivo cheo de irregularidades. Puig Antich era fillo dunha familia de clase media, o terceiro de seis irmáns. O seu pai foi militante de Acció Catalana e tivo que exiliarse a Francia. Cando volveu foi condenado a morte pero finalmente foi indultado. Pero como di a irmá de Salvador, Imma: ‘Na nosa casa respirábase o medo. Meu pai non quería que nos metéramos en política, por medo a que nos pasara algo. Pero eramos antifranquistas e queriamos facer algo contra o réxime’. Salvador empezou estudando nun colexio católico do que foi expulsado. Con dezaseis anos empezou a traballar e polas noites estudaba bacharelato. Licenciouse en Ciencias Económicas.
Tomou as armas contra o franquismo e nunha carta dirixida a seu irmán Quim, escrita na última noite da súa vida no cárcere modelo de Barcelona, dicía: ‘Eu rachei con todo e acepto as miñas responsabilidades. Sangue que se derramará, pero non inutilmente’. Nos últimos anos do franquismo moitos mozos estudantes elixiron a clandestinidade para loitar contra a ditadura. Salvador militou no MIL (Movimiento Ibérico de Liberación) anarquista, partidario da loita armada, e participou en atracos a bancos para dotarse de fondos (‘expropiacións’ lle chamaban eles) para crear unha editorial de publicacións de loita obreira e axudar aos grupos radicais do movemento obreiro. Nunca atentaron contra as persoas nin puxeron bombas.
A sentencia a morte foi ditada por un xurado militar e executada despois de doce horas de sufrimento e angustia agardando un indulto que nunca chegou a pesar das manifestacións que se organizaron en toda Europa. O 20 de decembro de 1973 ETA matou a Carrero Blanco e Salvador comentou: ‘hoxe ETA matoume’. Para moitos a súa condena a morte, xunto ao delincuente común Georg Wenzel en Tarragona, para quitarlle transcendencia política, foi a fría vinganza do réxime fascista, desapiadado ata o final. O ministro Pío Cabanillas dixo sobre a súa execución: ‘foi un acto de xustiza’.
Os partidos clandestinos da oposición non se mobilizaron para axudar a Salvador, quizais pola súa ideoloxía anarquista. Non era comunista, nin socialista, nin nacionalista. Só comezaron a moverse a mesma noite da súa morte, xa era demasiado tarde.
 ‘Pedín que me deixaran asistir a súa morte porque non quería que morrera rodeado de fillos de puta...' di a súa irmá Imma. Coa morte de Salvador e 'o ninguén' Georg usouse por última vez en España o brutal método do garrote vil que, por decisión do rei Fernando VII, substituíra á forca en 1828.

O director Manuel Huerga fixo a película Salvador, protagonizada por Daniel Brühl, sobre a loita política e os derradeiros días de Puig Antich. Para min é un bo filme, que reflicte con credibilidade a loita final contra o franquismo, e respectuosa coa persoa. De feito ten o aval das súas irmás. Sen embargo, para algúns grupos anarquistas actuais a película deforma e manipula a realidade. Creo que non, que simplemente reflicte unha visión distinta, e creo que o director e o seu equipo conseguiron os seus obxectivos: ‘É unha débeda que non temos só con el. Salvador encarna a loita e a resistencia, o idealismo. Quero homenaxear a todos os que tiveron a lucidez, o coraxe, a ilusión e a necesidade de cambiar o estado das cousas nunca época esquecida, pero non tan afastada. A transición e a democracia ensombreceron eses anos tan importantes de loita, na que universitarios e estudantes, mozos vitalistas, elixiron a clandestinidade. Todos eles merecen esta película e eu débome a min mesmo unha revisión de todo iso’.

venres, 15 de marzo de 2013

Un corto recortado

Aínda que poida parecer un pouco longa, a curta paga a pena vela completa. Un berro contra os recortes na educación, valente, divertido e cuns magníficos actores e actrices. Parabéns ao profesorado e ao alumnado de Valderrobres (Teruel).