sábado, 15 de decembro de 2012

VALS con BASHIR, de Ari Folman e David Polonsky


Vals con Bashir é ao tempo unha película de animación e un cómic (novela gráfica dise agora) realizado coas propias imaxes do filme. Eu fixen ao revés, lin primeiro a banda deseñada e, semanas despois vin a película en DVD.
Trata da memoria, de como agochamos no subconsciente os feitos do pasado que nos fan difícil vivir o presente. E trata da guerra, cando os seres humanos amosamos o peor do nós mesmos. O protagonista (o mesmo director, Ari Folman) reconstrúe a súa actuación como soldado do exército israelí durante a invasión do Líbano en 1982 e a matanza nos campos de refuxiados palestinos de Sabra e Chatila, apoiándose nas testemuñas doutros compañeiros de armas.
Non hai respiro, nada sobra pero tampouco falta. Isto é a guerra, medo, moito medo, sen heroes, só xente derrotada pola indignidade da violencia. Vinte anos despois, comproban que é imposible fuxir do pasado, que os atormenta.
O cómic, editado por Salamandra, é magnífico, pero a película é excepcional. A animación case mecánica, os colores e, sobre todo, a música e o son, que teñen un papel dramático de primeira orde fannos estremecer. É unha obra (ou dúas) auténtica, verdadeira, redonda e á vez chea de matices, directa ao estómago e á cabeza. A guerra convértenos a todos en vítimas, pero para facer a guerra fan falta soldados, uns séntense heroes e outros, como Ari Folman, miran cara atrás con perplexidade e tristura: onde estaba eu durante a matanza?

Ningún comentario: