domingo, 29 de novembro de 2009

Aminetu Haidar: "Teño dous fillos, pero a miña dignidade está por riba dos meus fillos. Eles vivirán sen nai, pero con dignidade""


Aminetu Haidar é coñecida como La Pasionaria Saharauí ou a Ghandi Saharauí. Leva en folga de fame desde o día 14 de novembro, confinada no aeroporto de Lanzarote. O día anterior regresaba a súa casa en El Aaiún (Sáhara Occidental) cando non se lle permitiu a entrada e foi expulsada pola policía marroquí coa escusa de que no formulario de entrada puxera como nacionalidade o Sáhara Occidental, en vez de Marrocos. Isto xa o fixera outras veces, pero deixárana pasar. Foi embarcada cara Lanzarote onde se lle obrigou a entrar no aeroporto (xa que ten unha tarxeta de residencia por razóns humanitarias en España), pero non se lle permitiu coller o avión cara El Aaiún por non ter pasaporte. Ela cre que o Goberno español está sendo cómplice do marroquí: "Nunca pensei que España lle faría un favor tan sucio a Marrocos".

O Sáhara Occidental foi unha colonia española ata novembro de 1975. Nese mes, con Franco agonizante, o rei de Marrocos, Hassan II organizou a 'marcha verde' sobre o Sáhara español. A manifestación 'pacífica' penetrou no territorio baixo xurisdición española tendo como resposta do Goberno español o abandono e a entrega do territorio a Mauritania e Marrocos. Poucos anos despois Marrocos fíxose co control total de toda a ex colonia. Os saharauis-españois sentíronse, con razón, traizoados e iniciaron a loita pola independencia do Sáhara Occidental baixo a organización da Fronte Polisaria, desde os campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria). Hoxe, 34 anos despois, a ONU é incapaz de resolver a situación e Marrocos exerce o control efectivo sobre un espazo que considera seu, coa complicidade dos gobernos occidentais, entre eles España, a antiga metrópole.

Haidar, de 42 anos, criouse no Sáhara ocupado. Nada máis acabado o bacharelato, en 1987, xa foi detida por manifestarse con outras 700 persoas preto dunha delegación da ONU. Detivérona e torturárona durante semanas. Foi trasladada a un dos cárceres secretos do reino de Hassan II, onde permaneceu catro anos desaparecida. A súa familia pensaba que morrera. Cando a liberaron en 1991 estaba enferma, con lesións na columna e unha úlcera sangrante dos que é tratada en España. Pero seguiu loitando pola independencia e os dereitos humanos no Sáhara Occidental, mesmo deixou de estudar. Casou e divorciouse, tivo dous fillos, de 13 e 15 anos, que viven agora coa súa nai en El Aaiún. Xa realizou outra folga de fame no 2005, de 50 día de duración, cando cumpría condena no Cárcere Negro de El Aaiún. Ten recibido numerosos premios pola súa loita pacífica, con escasos resultados prácticos, pero ela non se vai render, non vai abandonar: "Teño moitos problemas de saúde, pero debo sacrificarme por un dereito individual: o regreso ao Sáhara Occidental. Ou o Goberno español busca unha solución para devolverme a meu país, ou seguirei ata a morte" (El País, 28-11-09).


xoves, 26 de novembro de 2009

Amerrika, de Cherien Dabis


Amerrika foi unha das poucas películas que tiven a sorte de ver no espléndido festival de Cineuropa. Todos os que amamos o cine en versión orixinal e sen 'palomitas' agardamos con expectación a longa e sempre atractiva programación que nos ofrecen no mes de novembro en Santiago.

Amerrika é unha película sinxela, chea de humanidade, na que a través da vida cotiá dunha nai e seu fillo sentimos o difícil e inxusta que pode ser a vida para algunhas persoas. Eles só queren vivir tranquilos e libres, pero o entorno, primeiro en Palestina e despois en Estados Unidos, non os deixa. É tamén unha película de mulleres, de mulleres que non se renden, fortes, que loitan ata a extenuación para sacar adiante aos seus, sen perder a capacidade de rir, de vivir. Todo o reparto está xenial, xogando un papel fundamental na credibilidade da historia, pero as dúas grandes actrices que interpretan ás irmás protagonistas achéganse á perfección no seu traballo: Nisreen Faour e Hiam Abbass, a excelente protagonista do soberbio filme Los limoneros.

A dirección e o guión e doutra muller, Cherien Dabis. Ela baseouse na súa propia experiencia como inmigrante de segunda xeración en Estados Unidos para escribir esta película. Así o conta ela mesma: "como a maior parte dos inmigrantes, a miña familia chegou a EE UU esperando acadar o sono americano. Pero o que atopou foi algo totalmente diferente. É precisamente esta loita dos inmigrantes a que me empurrou a escribir Amerrika".

Muna, abandonada polo seu marido, vive co seu fillo adolescente na Palestina oprimida polo exército israelí, obrigados a sufrir a diario a humillación dos checkpoints. A esperanza dun futuro mellor ábrese para eles cando Muna consegue permiso de residencia en Estados Unidos, onde se instalan na casa da súa irmá e a súa familia. O muro que os oprimía en Palestina transfórmase agora nos prexuízos que a sociedade de Estados Unidos ten cara os árabes, acrecentados polo 11-S e a invasión de Iraq no 2003. A marxinación que sofren no 'democrático' occidente lévaos a botar de menos a súa mala vida en Palestina. Pero Muna loita sen escusas para conseguir saír adiante, sen que a agresividade irracional que sofren a derrote.

Unha película máis que recomendable para os que gustan das historias cotiás, humanas, sen artificios e sen dramatismos (a película está chea de humor, tan necesario para sobrevivir nun medio hostil), para os que teñen os ollos abertos á realidade doutros lugares, doutras xentes. Un filme para cabrearse co noso 'marabilloso' mundo, pero tamén para sorrir cos bos sentimentos de moitas persoas (entrañable o final da película). Mulleres, Palestina, inmigración, consumismo, racismo... e ganas de vivir.

A gripe 'española' de 1918


A gripe española, tamén coñecida como a gran epidemia da gripe, a cascuda, a gripe do 1918 ou o pesadelo, foi unha gripe causada pola influenza dun virus de tipo A, de gravidade considerable, procedente das aves. En moitos casos causaba a morte só dous días dos primeiros síntomas.

Matou uns 40 millóns de persoas en todo o mundo entre 1918 e 1919, catro veces máis que a I Guerra Mundial. Crese que foi unha das epidemias máis letais da historia da humanidade. A diferenza doutras epidemias, esta matou maioritariamente a mozos e adultos, mentres que a maioría dos andazos soen matar a anciáns e nenos.

A enfermidade foi observada por primeira vez en Fort Riley, Kansas, nos Estados Unidos, o 4 de marzo de 1918. En Europa apareceu por primeira vez en Francia, desde onde pasou a España, un dos países con maior número de afectados. En España calcúlanse 8 millóns de afectados e 300.000 mortes.

Estímase que esta gripe a padeceu un 20% da poboación da Terra naqueles tempos. Entraba nos países a través dos portos e as vías de comunicación terrestre. Só na India houbo 12 millóns de mortos.

No bando dos aliados, durante a Primeira Guerra Mundial, chamárona gripe española, porque a epidemia recibiu unha atención maior da prensa en España que no resto do mundo, xa que España permaneceu neutral na guerra e, polo tanto, non censurou a información sobre a enfermidade. A guerra non causou a gripe, pero multiplicou os seus efectos, xa que as condicións de vida nas trincheiras, o amoreamento e o desprazamento dos exércitos, estenderon o contaxio.

Hai catro anos os científicos conseguiron reconstruír o virus grazas ao achado do corpo dunha vítima de 1918, unha muller esquimó de Alaska. O frío preservara ben a materia.


Paula Fandiño e Melissa Martínez (4º ESO)

Vídeos sobre a proclamación e as mulleres na II República

A II República abriu unha etapa de grandes esperanzas para o pobo español, axiña frustradas polo golpe de Estado franquista, apoiado polas forzas dominantes, temerosas de perder o control social e político que exercían desde sempre. No primeiro vídeo podemos comprobar o entusiasmo con que foi recibido o novo réxime despois do triunfo das candidaturas republicanas nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931. Este vídeo permaneceu agochado durante 73 anos baixo unha tella, envolto nunha bandeira republicana, na cidade natal de Alcalá Zamora (presidente da República), e recolle imaxes e voces inéditas do Goberno provisional de 1931.

Cando se proclamou a II República as mulleres padecían unha evidente discriminación legal e social. Coas medidas tomadas no primeiro Bienio, partindo da propia Constitución de 1931 onde se proclamaba que “todos os españois son iguais ante a lei”, as mulleres viviron un avance sen precedentes na conquista da igualdade. A consecución do sufraxio feminino estivo chea de polémica entre os propios partidos da coalición de esquerdas. Deputadas como Victoria Kent e Margarita Nelken (as mulleres non tiñan dereito a votar pero podían ser elixibles) opúñanse á concesión do voto ás mulleres pois consideran que aínda non estaban preparadas para exercelo e serían manipuladas polos curas e outros elementos reaccionarios. Fronte a elas alzouse Clara Campoamor que, case en solitario, conseguiu que as Cortes aprobasen o sufraxio feminino en outubro de 1931. Ademais do voto houbo outras melloras lexislativas moi transcendentes: igualdade xurídica, matrimonio civil, divorcio, educación igualitaria, acceso a calquera cargo público, etc. Co triunfo dos franquistas na Guerra Civil todos estes avances abolíronse e as mulleres volveron a ser tratadas como seres inferiores.

O segundo vídeo é unha das edicións do programa de Canal Sur, TOMA NOTA. Rodado con motivo do 70 aniversario do alzamento contra a República, no 2006, nel con imaxes e comentarios de expertos, se nos presentan os avances cara a igualdade que supuxeron as leis republicanas.


mércores, 25 de novembro de 2009

Contra a violencia de xénero... 'aprendamos a mirar derredor'

Magnífico e suxerente vídeo do noso colega Anxo, de Trafegando Ronseis que nos pon diante da nosa propia responsabilidade na tolerancia social, máis alá das boas palabras, que aínda existe ante o maltrato machista.

Día Internacional contra a Violencia de Xénero 2009 from trafegandoronseis on Vimeo.

luns, 23 de novembro de 2009

Como unha breve introdución, antes de ver a película Ágora, aquí deixo esta presentación sobre a historia da cidade onde discorre a vida de Hipatia, unha muller sabia e independente, unha vítima máis do machismo e a intolerancia.

xoves, 19 de novembro de 2009

Os felices anos vinte, por Marcos Escariz e Sheila Martínez (4º ESO)


Felices Anos Vinte ou Anos Tolos corresponde ao período de prosperidade económica que tivo Estados Unidos desde 1922 até 1929. Esta prosperidade beneficiou a toda a sociedade e fixo que a economía crecera a un ritmo que non se rexistrou antes xerando unha burbulla especulativa. Pero esta prosperidade duraría un curto período que finalizaría o 24 de Outubro de 1929, coñecido coma o Xoves Negro. O Crack do 29 que culminaría finalmente ca Gran Depresión, a principal crise da economía capitalista.

As súas características:

- Os signos externos de prosperidade: boom económico e consumo de masas.
- Rexurdimento da produción e do comercio mundiais ao amparo dos logros da Segunda Revolución industrial, expansión do consumo de masas impulsado polo crecemento urbano e a racionalización do traballo (cadeas de montaxe), sobre un mercado amplo de consumidores, interclasista e multinacional.
- Estados Unidos modelo a imitar (éxito do american way of life), empresas automatizadas, ideal de democracia económica (capitalismo de benestar).
- A recuperación europea atravesou moitas dificultades ao combinar vellas estruturas e novas realidades económicas e ter unha gran heteroxeneidade entre rexións dinámicas e estancadas.

Graves desaxustes:
a) A agricultura en crise: caída paulatina de prezos polo exceso de produción, e endebedamento dos agricultores e dos países produtores de alimentos.
b) A industria medrou a un ritmo desigual: industrias vellas crecían a ritmo lento (siderurgia, téxtil), sobreproducción e paro estrutural. Industrias novas (eléctrica, petróleo, automóbil e química) crecen a ritmo rápido e con alto grao de concentración.
c) Contraditorio crecemento comercial (entre producións e países), aumento das tensións do intercambio desigual e gran mobilidade de capitais en forte rivalidade financeira.

As iconas do crecemento económico:

O CHARLESTON: Moitos bailes xurdiron nesta época en EEUU. Todos tiñan ritmos afroamericanos e o máis famoso foi o charleston, que se caracterizaba polos movementos frenéticos e un ritmo alegre. O baile é moi rápido e require gran velocidade e entusiasmo. Báilase en catro tempos e pódese bailar en parella ou só.

FLAPPERS: As novas modas eran moi atrevidas atendendo ó lema dos anos vinte, a liberdade. As "flappers" eran mozas que fumaban en público, bailaban, maquillábanse e bebían en clubes nocturnos.

O CINE NOS ANOS 20: O cine alcanzou o seu máximo esplendor na época e o cine mudo proxectou as súas mellores películas. A xente asistía moi a miúdo ó cine a adoraban algúns actores como Mary Pickford, Greta Garbo e Rodolfo Valentino, que consideraban os seus ídolos.


martes, 17 de novembro de 2009

ENDEREZO DESCOÑECIDO, Kressman Taylor

Enderezo descoñecido é unha breve novela epistolar publicada en 1938 nos Estados Unidos. A súa autora pretendeu con ela denunciar o que estaba pasando na Alemaña nazi cos xudeus, ante a indiferenza do resto do mundo. Tivo que asinar con pseudónimo xa que a historia se consideraba moi dura para ser obra dunha muller.

As cartas entre dous amigos, un xudeu estadounidense e un alemán que regresa a seu país no ano 1932, transmítenos con sinxeleza e claridade como o nazismo se apropiou non só do poder, senón tamén das conciencias de moitos alemáns, que se sumaron á tolemia nazi cunha naturalidade espantosa. Permítenos comprender como a xente ‘normal’, coma nós, pode chegar a sumarse a un réxime de terror, esquecendo os principios éticos máis básicos.

É un libro que utilizo case que tódolos cursos nas clases de 4º da ESO (acompañado do cuestionario que tedes debaixo
), cuns resultados moi positivos. Coa lectura da novela (pero tamén do prólogo do fillo da autora, que non ten desperdicio) pretendo que o alumnado comprenda como triunfou o nazismo e, sobre todo, que sexan conscientes de que todos podemos caer na trampa do fascismo, que temos que estar sempre vixiantes para non perder a dignidade.

Cuestionario de 'Enderezo Descoñecido' height="500" width="450" > value="http://d1.scribdassets.com/ScribdViewer.swf?document_id=25194825&access_key=key-qo9pekcdpc8cofhmfsm&page=1&version=1&viewMode=list">

luns, 16 de novembro de 2009

Historias de vida: as nosas avoas


Esta presentación é un resumo dos traballos realizados polo alumnado de 4º da ESO do curso 2008-09. Neles, atendendo a un guión proporcionado polo profesor debían recoller información sobre a vida das súas avoas ou, de non ser posible, doutras mulleres de idade similar. A partir da información conseguida nas entrevistas elaboraron unha presentación, na que o texto ía acompañado de material gráfico, a ser posible orixinal. Os temas xerais nos que se ordenou a presentación foron: a escola, o lecer, matrimonio e fillos, os traballos, a casa, a aldea, a vida e a política. Neste resumo usáronse fotos aportados polo alumnado, completadas con outras recollidas en anos anteriores, que forman parte do fondo fotográfico do Museo Escolar Ferro Couselo, e algunha baixada da rede.
A realización do traballo foi moi gratificante, tanto pola implicación do alumnado, como pola información recollida, máis interesante para axudarlles a comprender o pasado e os cambios no tempo, os da súa familia, pero tamén os da sociedade na que viven hoxe.

sábado, 14 de novembro de 2009

A II República: Unidade Didáctica



As eleccións municipais celebradas do 12 de abril de 1931, coa vitoria das candidaturas republicanas nas cidades, provocaron a caída da monarquía borbónica e a proclamación da II República o 14 de abril. O novo réxime naceu no medio do entusiasmo de gran parte da poboación, desexosa de cambiar un modelo socio-político ao servizo dos poderosos. Iniciouse un proceso de modernización democrática, pero as esperanzas axiña quedaron frustradas polo golpe fascista e a posterior guerra civil. Os sectores tradicionalmente dominantes, coa Igrexa católica á cabeza, non permitiron que se consolidase un Estado máis xusto. Non dubidaron en usar a violencia para manter os seus privilexios.

No ano 2002 un grupo de profesores convocados pola Fundación 10 de Marzo (na súa páxina podedes ver os paneis), elaboramos unha exposición que a través de imaxes (fotografías, carteis, viñetas...) acompañadas dun breve texto explicativo pretende dar a coñecer ao alumnado da Secundaria e Bacharelato o que foi esta breve e intensa etapa de transformacións democráticas, coas súas luces e sombras. Sombras que palidecen ante a gran escuridade que supuxo a bestialidade fascista. En 19 paneis se fai un percorrido completo e ameno pola España dos anos 30, incluíndo a Guerra Civil.

A exposición se acompaña dunha Unidade Didáctica na que se reproducen os textos e as imaxes da exposición e se propoñen un gran número de actividades, de diversa índole, a realizar sobre os paneis, pero tamén se aportan novos textos e imaxes. O profesorado pode seleccionalas en función dos seus propios intereses. A Unidade permite ademais traballar transversalmente os distintos contidos dos paneis, relacionándoos, e mesmo se inclúen unhas Actividades Finais. En definitiva que, aínda que eu non debería dicilo, que vos animo a solicitar a exposición e/ou a Unidade pola importancia do período que aborda, pero tamén pola súa utilidade didáctica.

caladiños



Este blog continúa outro 'caladiños' que no seu desexo de explorar novos lugares mudou para aquí. Continúa pero, ao tempo, recolle aquelas entradas da primeira andaina que aínda seguen tendo interese para min.
Nesta primeira entrada reproduzo os dous artigos que encabezaron a miña primeira experiencia no mundo dos blogs, onde falo da miña historia, dos meus recordos na escola e na rúa. Na rúa Caladiños, claro!.


Caladiños era como había que estar na escola da foto da cabeceira. Os alumnos tiñamos que ser autómatas que só debiamos reaccionar ante as ordes do profesor. Non podiamos ter iniciativas, non podiamos opinar. Case era mellor non pensar, non criticar. O noso espazo era moi cativo, limitábase ao infinito mundo dos soños.
Caladiños, que remedio. Porque se falabas asomaba a vara detrás da mesa do mestre: 'el maestro siempre tiene razón'. Só falabamos cando o mestre nos tomaba a lección, por suposto, en castelán: "A ver Pepiño: ¿quienes fueron los fundadores de Roma? Rómulo y..., el otro no lo sé Don José". Extiende la mano". Isto cando non lle daba por mallarnos a labazadas sen razón nin compaixón. Tiñas sorte se eras fillo do médico ou do veterinario. E inda por riba, nenos e nenas separados!!!
Caladiños como antes é como non quero que estean os meus alumnos e que se expresen con liberdade pero tamén con respecto. Atrevédevos a opinar.


Caladiños é o nome da rúa de Albarellos onde eu me criei. O nome ten retranca: en realidade os veciños da rúa eran moi barulleiros, sempre estaban fóra da casa, de leria. Quero que este espazo recolla o espírito da antiga Caladiños, que sexa un punto de encontro para conversar, sen esquecer a retranca que tanto axuda a entendernos.
Caladiños é tamén un símbolo do paso do tempo, dos cambios que se teñen producido no mundo rural. Hoxe a rúa está baldeira, case non quedan veciños e os poucos que quedan pasan dos sesenta. Agora si que se pode dicir que é unha rúa de
Caladiños. As vellas casas de pedra están abandonadas ou, sobre elas, se teñen feito casas de cemento desproporcionadas, feas. Nas cortes, nos alpendres, nas palleiras, nas bodegas... se acumulan os restos doutros tempos nos que se vivía peor. Caladiños é Historia, e o que hoxe somos os que alí vivimos non o podemos comprender sen coñecela.