luns, 28 de decembro de 2009
Feliz ano para o galego
A pesar deste decreto, que non sorprendeu a ninguén, penso que 2010 vai ser un bo ano para o galego, porque os que amamos a lingua e a terra estamos aquí, de pé, desexosos de mobilizarnos contra a necidade e a covardía. Porque somos e nos sentimos galegos, cos mesmos dereitos que calquera outra persoa do mundo.
Honra a Ribeiro Santos! Militante antifascista
José Antonio Ribeiro Santos morreu asasinado no Instituto Superior de Ciências Económicas e Empresariais (hoxe, ISEG) o 12 de outubro de 1972. Un membro da policía política da ditadura que establecera Salazar, a PIDE, chamado António Joaquim Gomes de Rocha, pegoulle un tiro mentres se desenvolvía un mitin contra a represión policial. Era un estudante de 4º de dereito, dirixente da Associação de Estudantes e militante da organización do MRPP para a xuventude estudantil. Tiña participado en todas as loitas pola Democracia, contra a Ditadura e contra a guerra colonial.
En 1972 a conflitividade na Universidade era constante. A Facultade de Dereito estivo moito tempo pechada pola policía e en todo Portugal medraban as protestas contra a guerra colonial en Angola e Mozambique. Os días seguintes ao asasinato e no mesmo enterro producíronse duros enfrontamentos entre os milleiros que manifestantes que protestaban polo crime e a policía que tomou Lisboa. O réxime tiña os días contados, pero o crime quedou impune, mesmo despois do 25 de abril de 1974, cando caeu a Ditadura.
Recollín a información sobre Ribeiro Santos do blog de Antonio García Pereira, testemuña do acontecido e colega de José Antonio, que remata así o seu artigo:
Um Povo sem memória e sem causas será sempre um Povo castrado, derrotado, tiranizado. E não há Poder algum, por mais despótico que se apresente, que seja invencível.
É, pois, procurando dar também o meu contributo para a preservação dessa mesma memória colectiva que aqui ergo a minha voz, arrancando ainda e uma vez mais do fundo da minha alma o grito de Honra a Ribeiro Santos!
http://garciapereira2009.blogspot.com/2009/10/honra-ribeiro-santos.html
sábado, 19 de decembro de 2009
Atentado contra o Rainbow Warrior
En xullo de 1985, na costa de Nova Celandia, o barco insignia da organización ecoloxista Greenpeace afundiuse debido á explosión de dúas minas colocadas por axentes do servizo secreto francés coa autorización do presidente Mitterrand.
O atentado levouse a cabo para impedir que o barco chegara ao Pacífico sur, onde pensaba levar adiante unha serie de accións para protestar contra as probas nucleares francesas no atolón de Mururoa (Polinesia Francesa). As bombas tamén causaron a morte dun fotógrafo da expedición, Fernando Pereira.
O barco foi refrotado e remolcado ata a baía de Matauri, onde foi afundido definitivamente e hoxe é unha atracción para os mergulladores.
Greenpeace contruiría un novo barco, o Rainbow Warrior II, continuando coa súa importante labor de denuncia dos atentados contra a natureza. Hoxe a ameaza nuclear é aínda maior, con cada vez máis países desenvolvendo armas atómicas e construíndo centrais nucleares.
Ademais da demisión do ministro francés de Defensa, Charles Hernu, as únicas condenas polo ataque ditáronse cara dous axentes secretos franceses. Foron sentenciados a dez anos de prisión en Nova Celandia, pero menos dun ano despois xa foron trasladados a territorio francés. Francia pagou indemnizacións de 7 millóns de dólares a Nova Celandia e 8,1 millóns a Greenpeace.
luns, 14 de decembro de 2009
Auschwitz
O máis grande e tristemente soado campo de exterminio nazi foi establecido en Oswiecim, preto de Cracovia, Polonia, e chamado Auschwitz.
Máis dun millón de persoas foron asasinadas nese lugar entre 1940 e 1945. Na súa maioría ern xudeus, pero tamén xitanos, polacos e rusos prisioneiros de guerra, sufriron o horror, enviados a realizar traballos forzados ou directamente ás cámaras de gas.
Os nenos e nenas, moi pequenos para realizar traballos forzados, eran usualmente asasinados. Moitos menores serviron como coelliños de Indias para experimentos pseudocientíficos e algúns sufriron castración, cegueira ou outros horrores.
"Ósos móbiles, unidos por unha pel seca e envellecida. O aire era irrespirable, unha mestura de carne queimada e excrementos". Así describiu Auschwitz o primeiro soldado soviético que entrou a liberar aos prisioneiros.
As pertenzas dos reclusos eran confiscadas e recicladas. Os dentes de ouro eran moi apreciados. O pelo usábase en ocasións para encher colchóns.
As tropas soviéticas finalmente liberaron aos prisioneiros o 27 de xaneiro de 1945, aínda que só atoparon 7.000 reclusos. Os nazis fixeron saír do campo a case 60.000 dos cales 15.000 pereceron nas chamadas "Marchas da Morte".
Hoxe Auschwitz é un museo declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade para que non se esqueza ás vítimas e para que unha catástrofe similar non volva repetirse.
mércores, 9 de decembro de 2009
Dos barcos de escravos ás pateras
"Antes era forza de traballo o que buscaban os europeos; despois foron materias primas o que se levaron...; agora, de novo, permítense as pateras porque se necesitan homes, pero custa legalizar, porque iso sería facernos iguais" (Alioune Kabo, guía de Gorée)
xoves, 3 de decembro de 2009
Día da Discapacidade: 'Entre comillas'
Unha curta emocionante e didáctica. Mirádeo, sentide e aprendede: Hai que pelexar para mellorar.