Amosando publicacións coa etiqueta Traballos escolares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Traballos escolares. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de decembro de 2016

Fotos antigas das familias do alumnado

Fotos Familiares hacer alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Hª Contemporánea, no IES Antón Losada da Estrada. Recollidas polo Departamento de Xª e Hª o curso 2015-16, e expostas no centro.

xoves, 17 de marzo de 2016

Un proxecto educativo interesante e exemplar: ¿Cómo hemos cambiado en 30añosUE? El Camino de Santiago"


O alumnado do CPI Pecalama de Tordoia están a realizar un magnífico traballo dentro do proxecto Euroscola. O título do mesmo é "¿Cómo hemos cambiado en 30añosUE? El Camino de Santiago". Tendo como eixe o camiño están a realizar unha exhaustiva investigación sobre os cambios que se teñen producido no noso país desde a entrada na UE en 1986, tendo como eixe a ruta xacobea.Unha gran idea, un interesante proxecto e uns magníficos resultados, que podemos ler no seu blog: http://elrincondeschuman.blogspot.com.es/ 


Parabéns a todo o alumnado e profesorado implicado, son un exemplo de que con motivación e esforzo se poden conseguir grandes metas, desde o ensino público e desde un entorno rural. O dito, ánimo e moita sorte, seguirémosvos.

domingo, 6 de maio de 2012

Crónica da viaxe a Ourense co Proxecto Terra

Sheila Carbia (3ºA)
(...) Chegamos á estación do tren de Ourense, onde recollemos ás guías (Uxía e Eva). No autobús Uxía comezou falando das pontes e dalgúns edificios que iamos deixando atrás, da súa historia e das funcións que desempeñaban.
Baixamos do autocar na Alameda (sitio xa coñecido dunha viaxe cos Retelladores). Dividímonos en dous grupos. No meu grupo a guía foi Eva. Comezou explicándonos o significado de Ourense, a localización da Alameda, da Praza de Abastos e... diversas cousas máis.
Baixamos andando ata as Burgas. Alí, a auga mana dende as profundidades arrastrando minerais moi beneficiosos para a saúde. A seu carón hai unha piscina con auga termal.
Camiñamos polo casco histórico, paseando polas rúas, comentando casas, edificios, prazas... Chamoume (creo que a todos, non só a min) a atención unha casiña agochada nun rueiro sen saída.Gardaba a harmonía das casas antigas, engadindo cores vistosas e flores, facéndoa máis colorida, máis alegre. Comentamos, tamén, as estruturas, materiais e formas de igrexas, pazos e fontes.
Arredor das 12:30 subimos de novo no autobús, facendo a vista panorámica de Ourense. Observamos os edificios do Campus Universitario de Ourense que, como insistiron en recalcar, é unha universidade que segue o modelo europeo., é dicir, que se integra na cidade.

Chegamos ao Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar, onde visitamos a fábrica Sociedad Textil Lonia. A min, persoalmente, pareceume un sitio horroroso. Nunca me gustou ver 'bunkers' de xente traballando, nin tráilers saíndo e entrando das naves, nin nada do que hai alí. Non é por criticar, só é unha opinión persoal.
O exterior non me sorprendeu. Gris, sen vida, como se houbese tristura no seu entorno. A pesares de que me gustan a cultura e o estilo xaponés, eses xardíns zen non  me gustaron. Para min son como anacos de chapapote branco fóra de lugar. Quizais lles leve tempo coidalos, pero...
Cando entramos, por diante de nós vimos pasar a moita xente: uns de bata branca e zapatillas, outras con tacóns e zapatos finos...
Unha amable guía ensinounos as distintas partes da fábrica: o centro de corte, de costura, preparación e distribución. Un vestido lila non deixaba de pasar polos carrís do teito. Pero eu fixeime sobre todo nas traballadoras (a gran maioría eran mulleres). En naves sen ventás, como nun cárcere, todas as mulleres serias, ningunha contenta... Concentradas na súa monótona labor para cobrar a fin de mes. Houbo xente que se fixou nos bolsos de CH, eu preferín fixarme na maneira de traballar. Porque, sinceramente, a quen lle gustaría traballar alí?
Enervoume o malgasto que se fai en cousas inútiles, como a fibela dun bolso, bañada en ouro de 24 quilates. Hai tantas tonterías alí que case me dá a risa: a quen lle fai falta unha funda para goma de mascar?, que can precisa un comedeiro de CH?

Cando saímos da fábrica era xa hora de comer. Despedímonos das guías e continuamos camiños cara as termas de Outariz. Os profesores deixáronos sós nas pozas, comemos e despois cambiámonos para gozar da auga quente. Que boa estaba a auga!!! Fomos probando as pozas, pero eu na de 50º e na de auga fría non me metín. As que realmente molaban eran as quentes e máis cando comezou a chuviscar. Foi tan pracenteiro sentir o frío na cara e o calor no corpo!!! Ás 16:15 saímos das pozas e dirixímonos ao bus para volver ao Losada.

Foi unha excursión... RELAXANTE

xoves, 3 de maio de 2012

Isto é vida?


Esta é a viñeta coa que remata (de forma apoteótica) A Mansión dos Pampín, o extraordinario cómic que Miguel Anxo Prado creou para o Proxecto Terra, un referente educativo en Galicia, un exemplo de como integrar a escola co medio, de como facer da educación unha ferramenta para mellorar a nosa paisaxe, a nosa sociedade.
Como case todos os anos, despois de traballar na aula de 3º da ESO a Unidade de Arquitectura Popular, limos a banda deseñada e contestamos a un cuestionario. As peripecias de Concha e Indalecio no mundo da propiedade inmobiliaria dan para moito máis que analizar as nosas degradadas paisaxes rurais e urbanas (cravadas polo autor). No centro desas paisaxes estamos nós, desleixados da nosa identidade, alienados polas modas, vítimas da ambición e das aparencias. Incapaces de valorar o noso entorno criticamente, sometidos á rutina máis vulgar, semella que somos incapaces de construír unha sociedade do benestar (tan de actualidade hoxe, por desgraza) na que o entorno ten un papel central (pracer paras os nosos sentidos, harmonía coa natureza). Os Pampín son unha ventá aberta a todas estas cuestións que moitas veces nin nos formulamos, das persoas e da paisaxe, das relacións humanas, dos gustos e dos prexuízos, da realidade e dos soños, de pais e fillos... E, por suposto, é un cómic do máis entretido. Aprendemos e divertímonos, que máis se pode pedir!!!
Traballar na aula co Proxecto Terra é un privilexio para un profesor, porque podes comprobar como poucas veces, como ese alumnado que tantas veces consideramos pasota, desmotivado, semella que esperta do letargo e comeza a discutir con fervor sobre as casas que lle gustan ou non, sobre as alturas e as colores, sobre o respecto a natureza, sobre as necesidades e os luxos, sobre tradición e modernidade... En definitiva, conseguimos unhas clases vivas que nos fan pensar co noso traballo ter sentido.
Este curso pensei que estaría ben incorporar algunhas das opinións do meu alumnado a este blog, tomando como referencia a viñeta final.

Esta imaxe amósame o pouco gusto que ten a xente elixindo as suas vacacións. Unhas boas vacacións non son estar nun sitio ateigado de xente onde non te poidas mover, é indignante que o q pensemos dunhas vacacións perfectas sexa estar metidos nunha praia sen case poder moverte cando hai cantidade de sitios turísticos moito mellores e bastante máis impresionantes. Eu antes de ir a unha praia así, iríame visitar cidades turísticas e máis interesantes. (N.)

É un sitio moi concurrido, quizais con demasiada xente. Un lugar no que non tes moita intimidade e con tanta xente un pouco agobiante... Os edificios estan moi cerca do mar o que pode supoñer un problema, é dicir que aproveitan demasiado o terreo. Unhas vacacións suponse que son para relaxarse e estar tranquilo e nun lugar asi sería imposible. Se fora eu iría a un lugar máis tranquilo e con máis natureza porque un sitio así a verdade é que me deprime un pouco. Bueno pero cada un é cada un. (S.)

Nesta viñeta represéntase o pouco gusto que hai para escoller unhas vacacións. Para o meu gusto nesta praia había moita xente. Eu preferiría unhas vacacións máis tranquilas. (A.)

Parece un sitio agobiante, sen contar os altos edificios que o presiden ó pé da praia. Estou en contra da frase de Indalecio, pois paréceme que ese sitio non é tan fabuloso, e pola contra, como di a muller, penso que era mellor (e máis barato) buscar unha casiña de turismo rural nunha vila, ou ir de acampada. Definitivamente, con esa frase non describiría ese lugar. Quizais fose mellor: Ai, Concha, que afogo entre a multitude! (S.)

É unha praia ateigada de xente un día de verán, ao seu redor hai novas construcións, edificios moi altos. Penso que deberían ser máis baixos, como moito de tres ou catro plantas de altura, xa que se hai edifios detrás sacaríanlle as vistas, ou ainda os farían máis altos. O comentario de Indalecio é o seguinte ''Ai Concha, isto é vida''. Para el estar rodeado de xente é unha satisfación, para o meu punto de vista é agobiante. Eu non sería capaz de pasalo ben nunha viaxe coa familia na que das un paso e molestas ó do lado, escoitas os gritos dos rapaces, as conversas de todos os do redor... Unhas vacacións deberían ser tranquilas, nun lugar que transmita pracer, para iso hoxe en día o mellor lugar é o rural pois case ninguén vive en aldeas e cada vez estan máis despoboadas. (Sh.)

Na viñeta vese xente moi apelotonada na praia, e o comentario que fai Indalecio paréceme moi desagradable, xa que él nesas vacacións non fixo nada, mandoullo facer todo á súa muller. O sitio que elixiron pra facer esas vacacións paréceme bonito pero é un lugar no que hai moita xente, parece que non hai outra praia nese lugar e iso dálle mala reputación. (V.)

Nesa praia non hai intimidade, nin tranquilidade pois esta ateigada de xente. Unhas boas vacacións necesitan un pouco de harmonía. Eu non diría o mesmo que dixo Indalecio, pois estar rodeada de moreas de persoas que non coñeces non me resultaría moi agradable, eu preferiría pasar unhas vacacións máis tranquilas. As vacacións xa son para descansar e relaxarse e penso que nun ambiente asi non me poderia relaxar e ainda me agobiaría moito máis. (An.)

Pareceume bonita a viñeta, gústame que a xente desfrute dos dias de sol, con moita xente ademais. (U.)

A xente esta moi apretada e non se está cómodo. A min persoalmente non me gustaría estar nunha praia coa xente tan apretuxada, prefiro estar sen moita xente ao meu arredor....Tomar o sol tranquila e que ninguén me moleste, xa que se hai moita xente ao meu arredor agóbiome moito. (M.)

Iso non é vida. Que os edificios de 15 plantas ocupen a zona de praia, que centos de persoas estean amoredas en praias, non é vida. A Destrución de montes e ecosistemas pra deixar paso á paisaxe urbana non trae beneficio á terra, tan só trae beneficio económico a unha minoria (os políticos,banqueiros e construtores). A vida é monte e praia, é natureza. O tipo de futuro que se nos oferta é a destrución da paisaxe. Hai que pensar nun modo de convivencia coa natureza e non na sua destrución. (Al.)


Non estou para nada de acordo con estas palabras, e mais aínda se fitamos detidamente a imaxe coa que estas están relacionadas. Destacan considerablemente, nesta viñeta, as edificacións, que non gardan para nada proporcionalidade entre elas, unhas son moi elevadas, outras relativamente baixas... E non só iso, se non que os edificios están tan preto da praia, que só os separa dela unha estrada (Cousa que tampouco vexo normal, posto que por ela están a circular unha cantidade elevada de vehículos,e desta forma,eu penso que non hai maneira de relaxarse na praia). Fóra diso tamén existe outro inconvinte, a xente. Non quero dicir que haxa que estar nunha praia baleira, pero o que tampouco vexo normal é elixir este lugar para pasar as vacacións familiares, sen ningunha clase de intimidade. O que quero dicir, para rematar, é que eu conservaría a "mansión" en Antelo para as vacacións e quedaríame co piso, anque fose un pouco maís lonxe da cidade. Que total por 12 metros cadrados máis... E así non salirían tan ben parados, o alcalde e o construtor. (P.)

xoves, 19 de maio de 2011

Na Fonsagrada falan galego porque... son galegos!!

Este é o vídeo do IES Fontem Albei da Fonsagrada, que gañou o primeiro certame de vídeo convocado polo Correlingua co lema "Eu falo galego porque..."

xoves, 17 de febreiro de 2011

Conflito de Darfur

O conflito nesta rexión ao oeste de Sudán iniciouse en febreiro do 2003, pero as raíces deste conflito de culturas (por unha banda a cultura árabe e polo outro, a cultura africana) teñen unha orixe. A rexión de Darfur sufriu unha seca crítica que causou a morte de preto de 95.000 persoas entre os anos 1983 e 1984. Por isto os africanos granxeiros (máis sedentarios) culparon aos árabes, quenes explotaban as áreas fértiles da rexión co pastoreo. Isto fixo que os árabes se armaran, coa axuda do goberno de Libia, para defenderse dos africanos.
Os rebeldes de etnia africana liderados pola Fronte de Liberación de Darfur(DLF), atacaron en 2003 a unha guarnición do exército sudanés, ademáis destruíron varios bombardeiros e helicópteros e mataron a 75 soldados e capturaron a 32. Despois deste ataque o goberno sudanés creo os Yanyauid. Estes eran pastores árabes da tribo Baggara recrutados para formar un exército paramilitar.
Esta acción por parte do goberno cambio o rumbo do conflito e obrigou aos rebeldes da Fronte de Liberación de Darfur (DLF) a retirarse. Durante estes combates miles de persoas foron asasinadas e millóns foron desprazadas. A crise empezou a ser tomada en serio no momento en que máis de 100.000 desprazados non-árabes cruzaron a fronteira sudanesa con Chad para refuxiarse. As milicias Yanyauid perseguían a estes refuxiados e enfrontáronse con forzas do exército de Chad. O conflito foi catalogado por observadores internacionais como unha limpeza étnica, polo feito de que os únicos pobos atacados eran africanos.
En abril do 2004, o goberno de Chad pediu un cesamento ao lume entre o goberno sudanés e as milicias rebeldes, algo que foi ignorado. En decembro do 2005 o pobo fronteirizo de Adre (Chad) foi atacado. Chad inmediatamente culpou ao goberno sudanés e declaroulle a guerra a Sudán. Inmediatamente a Unión Africana de Nacións enviou 7.000 soldados, que tiveron que ser apoiados por case 20.000 efectivos das Nacións Unidas, para, en teoría, manter a paz.
Este conflito, caracterizado de limpeza étnica, debe ser detido, xa que causou a morte de máis de 400.000 mil persoas e obrigou a centos de miles a converterse en refuxiados e fuxir a países veciños. Actualmente, nos campos de refuxiados, a xente vive en moi malas condicións e en mal ambiente porque a delincuencia aumenta e é moi difícil levar axuda debido a que en moitas ocasións atacan aos envíos de víveres.
Sámer Abdulkader Sande (4ºA)

martes, 11 de xaneiro de 2011

Noite maldita



Xudeus obrigados a lavar as rúas de Viena entre as burlas dos seus compatriotas austríacos
A noite dos cristais rotos ocorreu en Alemaña e en Austria a noite do 9 ao 10 de novembro de 1938. As SS (organización paramilitar do Partido Nazi ) prendeu a miles de xudeus e destruíu os seus negocios. Máis de 90 xudeus foron asasinados esa noite.
Na década de 30, moitos xudeus de orixe polaca que vivían en Alemaña. O venres 28 de outubro 1938, 20.000 deles foron secuestrados no medio da noite e brutalmente deportados pola Alemaña nazi á Polonia. O goberno polaco rexeitounos mais, ao final, os alemáns  convencéronos para que os admitisen.
O luns 7 de novembro, Herschel Grynszpan, un xudeu alemán que fuxira a Francia, despois de recibir unha carta da súa familia describindo as condicións horribles da deportación a Polonia, disparou a Vom Rath, secretario da embaixada alemá en París. Morreu na tarde do 9 de novembro.
Este asasinato foi o pretexto para iniciar o ataque contra os cidadáns xudeus en Alemaña e en Austria. Quixeron facer crer que o ataque fora espontáneo, pero en realidade foi preparado polo goberno alemán. O 9 de novembro, a crueldade comezou coa destrución de 1.574 sinagogas (practicamente todas as  de Alemaña), moitos cemiterios xudeus, máis de 7.000 tendas e 29 almacéns de xudeus. Máis de 30.000 xudeus foron detidos e internados en campos de concentración... Esta orxía de violencia explica que algúns alemáns que non eran xudeus foran asasinados simplemente porque "parecían xudeus".
Os acontecementos en Austria (anexionada por Alemaña en marzo, Anschluss), non foron menos terribles, a poboación xudía foi igualmente atacada. Mesmo se obrigou a moitos xudeus a fregar ás rúas mentres se rían deles, humillándoos.
Destruíron as propiedades, agredíronos nalgúns casos ata a morte, e aínda por riba impuxéronlle á comunidade xudía unha multa de mil millóns de marcos, acusándoos hipocritamente de seren responsables dos disturbios.
Unha noite difícil de esquecer, que anunciaba a traxedia da Solución Final e o Holocausto durante a II Guerra Mundial.
Laura Caeiro (4ºA)

domingo, 9 de xaneiro de 2011

EMPIRE STATE BUILDING

Obreiro no Empire
MÁIS FOTOS

O máis famoso edificio de Nova York, e dos máis coñecidos de todo o mundo, consta de 102 pisos, que o levan, antena incluída, aos 443 m. de altura. Parece un símbolo da modernidade pero en maio cumprirá 80 anos, xa que foi inaugurado o 1 de maio de 1931, tras tan só un ano e corenta e cinco días de construción, na que traballaron 3.400 obreiros, na súa maior parte inmigrantes europeos.

A famosa construción, de estilo Art Decó (moi en vigor na época na que se construía este rañaceos, pero que ten a súa orixe no París de primeiros do século XX, e que buscaba a elegancia, a funcionalidade e a modernidade) converteuse no edificio máis alto do mundo ata o ano 1972, cando se rematou a torre norte do World Trade Center, e, tras a tráxica destrución desta e da súa xemelga nos atentados do 11-S, o Empire State volveu ser o edificio máis alto da cidade e o segundo de Estados Unidos.

O edificio foi construído e inaugurado durante os tempos da Gran Depresión, o que levou a que non fose rendible durante case dúas décadas, xa que boa parte do seu espazo destinado a aluguer de oficinas permaneceu durante ese tempo baleiro.

Na actualidade, os seus propietarios, cun modelo de explotación parecido, veñen de facer importantes reformas de cara a lograr un 40% de aforro de consumo eléctrico no edificio, así como de contratar o subministro da electricidade total do edificio de fontes renovables (eólica na súa totalidade), co cal pretenden atraer a máis inquilinos. Iso si que é modernidade.

Aitor Campos Ramos (4ºA)

martes, 1 de xuño de 2010

Fotos que falan

De xiz-toria recollemos este magnífico traballo realizado ao longo do curso 2009-2010 polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Francisco Aguiar de Betanzos. Trátase dunha orixinal e interesante experiencia, da que aquí se presenta unha parte, que ten como obxectivo crear un arquivo de imaxes acompañadas dos arquivos sonoras coas palabras dos protagonistas de ditas imaxes. Noraboa e moitas grazas.


venres, 21 de maio de 2010

A casa, de onte a hoxe

Este é un traballo realizado polo alumnado de 3º da ESO do noso Colexio, dentro da materia de Ciencias Sociais, para participar no 2º Certame Xentes, Espazos e Lugares convocado polo Proxectoterra e o periódico Xornal de Galicia. O tema escollido foi a evolución da casa rural e dos seus espazos interiores. A información tirouse das entrevistas que cada alumna e alumno lle fixo aos seus avós e pais.

domingo, 25 de abril de 2010

Revolução dos Cravos


A Revolución dos Caraveis, coñecida como Revolução dos Cravos ou simplemente O 25 de Abril é o nome dado o levantamento militar do 25 de abril de 1974, que provocou a caída en Portugal da ditadura fascista iniciada por Salazar en 1926, converténdose na ditadura máis longa de Europa. Desde 1968 o ditador era Marcello Caetano. O fin deste réxime, coñecido como Estado Novo, permitiu que as últimas colonias portuguesas lograran a súa independencia e que Portugal mesmo se convertera nun estado de dereito liberal.

A revolución debe o seu nome á reacción popular, que repartiu caraveis ós soldados e estes os puxeron nos canóns das súas armas, simbolizando o seu apoio á revolución.

Outro símbolo da revolución é a canción Grândola, Vila Morena, de Zeca Afonso, que se emitiu ás 00:25 en Radio Renascença como sinal para confirmar o inicio das operacións da revolución.

A primeira reunión clandestina de capitáns realizouse en Bissau, o 21 de agosto de 1973. Unha nova reunión, o 9 de setembro de 1973 deu orixe ó Movimento das Forças Armadas, formado por un grupo de militares de esquerdas que se radicalizaran a causa do fracaso da guerra colonial que Portugal mantiña contra Guinea Bissau, Mozambique é Angola. O 24 de marzo a última reunión clandestina decidiu o derrubamento do réxime pola forza.

No día 24 de abril de 1974, ás 22:55 h. é emitida a canción E depois do Adeus, de Paulo de Carvalho, polos Emissores Associados de Lisboa. Este foi un dos sinais dos golpistas e que deu comezo á toma de posicións da primeira fase do golpe de estado. O segundo sinal foi dado ás 00:25 h, coa canción Grândola, Vila Morena, que confirmaba o golpe e marcaba o comezo das operacións.

A pesares dos continuos chamamentos radiofónicos dos capitáns de abril á poboación para que quedaran nos seus fogares, miles de portugueses saíron ás rúas mesturándose cos militares sublevados. Nun só día a Revolución triunfou.

O día seguinte, formouse a Junta de Salvação Nacional, constituída por militares, e que procederá a un goberno de transición. O esencial do programa do MFA foi resumido no programa dos tres D: Democratizar, Descolonizar, Desenvolver.

A revolución provocou a morte de 4 persoas, cando elementos da policía política (PIDE) dispararon sobre un grupo que se manifestaba ás portas das súas instalacións na Rúa António Maria Cardoso, en Lisboa.

En 1975 convocáronse eleccións e outorgóuselle a independencia ás colonias de Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde e Santo Tomé e Príncipe. Os primeiros anos da revolución foron bastante tensos, pois a chegada da democracia provocou un duro enfrontamento entre os sectores máis esquerdistas e os moderados, saldado finalmente coa vitoria destes últimos. A constitución de 1976 confirmou o rumbo democrático da nación.


El pronunciamiento militar del 25 de abril de 1974 en Portugal


Antón Castroagudín e Damián Maneiro (4ºA)

venres, 23 de abril de 2010

Madres y Abuelas de la Plaza de Mayo


As Asociacións de Madres de la Plaza de Mayo e a de Abuelas, xurdiron durante a última ditadura militar arxentina, cuxo mandato estendeuse dende o ano 1976 ata o ano 1983, e tinxiu de sangue a historia do país.
Durante ese réxime, os grupos de esquerda, que loitaban por condicións máis equitativas de vida, utilizando algún medios violentos, foron reprimidos con gran violencia, nunha guerra sucia sen piedade. Establecéronse máis de 350 campos de detención ilegal e moitas persoas foron detidas sen coñecerse o seu paradoiro, desaparecidos.
As nais destas persoas, cansadas de reclamar nas instancias gobernamentais e presentar infrutuosos recursos reuníronse na Plaza de Mayo, fronte á Casa Rosada (sede do goberno), en Buenos Aires, o 30 de abril de 1977 por iniciativa dunha delas, Azucena Vilaflor de Devincenti, que propuxo loitar unidas pacificamente para saber o destino dos seus fillos. Todos os xoves se foron xuntando, primeiro só catorce e logo sumáronse moitas máis, que camiñaban en círculos arredor da pirámide de maio. Lucían sobre as súas cabezas, como símbolo, panos brancos, simbolizando os cueiros que usaron seus fillos cando eran bebés. Foron chamadas 'as tolas da praza' ou 'nais de terroristas' e a cidadanía temía acercarse a elas, por medo ás represalias por parte do goberno. As nais decidiron deixar de manifestarse o 26 de xaneiro de 2006.

As avoas da Plaza de Mayo teñen como presidenta a Estela Barnes de Carlotto, cuxa filla foi secuestrada, tendo un fillo en cativerio que aínda non foi atopado. Teñen por finalidade devolverlles a identidade aos nenos que naceron en nos cárceres da ditadura, cuxas nais foron asasinadas e que creceron sen coñecer a súa historia, moitos de eles, adoptados polos mesmos asasinos dos seus pais. Ata 2006 foron 84 os nenos recuperados.

Melisa e Sheila (4ºA)