En
Xiztoria (tomada do Museo Zumalacárregui) recollín esta información sobre unha
das moitas e expresivas viñetas políticas publicadas no século XIX. Lonxe da
corrección política, as revistas ofrecían unha visión satírica da vida política
española. La Flaca (1869-1876) era unha revista anticarlista e republicana,
publicada en Barcelona. A pesar da liberdade de prensa durante o Sexenio, o
semanario foi censurado en moitas ocasións e, para evitalo, cambiou con
frecuencia o seu nome: La Carcajada, La Madeja ou El Lío.
Un
dos obxectivos preferentes da súa burla foi o carlismo, outra vez botado ao
monte entre 1872 e 1876. A caricatura que nos ocupa foi publicada por La Madeja
o 2 de maio de 1874.
Unha
muller, símbolo da agonizante Iª República (este ano, despois do golpe de
Pavía, da República só se conservaba o nome) tala cunha machada a árbore de
Guernica, símbolo dos Foros vascos. Unha serra, o xeneral Concha (xefe das
tropas do Norte), será a ferramenta final coa que a República conseguirá o seu
obxectivo.
A
árbore ten como raíces o Absolutismo, a Intolerancia e o Fanatismo. No seu
tronco o lema carlista: Dios, Patria, Rey. As súa ponlas son as tres provincias
vascas: Álava, Guipúzcoa e Vizcaya. Os seus froitos son os carlistas e os
curas, armados, que os apoian. Os carlistas aparecen como cogomelos e como
ratas, sempre coa boina.
En
primeiro plano, a botella de petróleo fai referencia a un folleto de Vicente
Monterola 'Don Carlos o el petróleo', no que se presenta ao pretendente
carlista como única alternativa aos que queiman igrexas. Substitúese Don Carlos
polos Foros, en referencia aos obxectivos carlistas.
A
República rematou en 1875, e non foi ata 1876, co novo réxime da Restauración
cando o Estado español venceu aos carlistas e serrou a árbore, suprimindo os
Foros. O carlismo non desapareceu pero foi incapaz de provocar outro
levantamento semellante. A reivindicación foral pasou a ser protagonizada polos
nacionalistas vascos liderados polo antigo carlista Sabino Arana. Hoxe a árbore de Guernica segue sen atopar acomodo no Estado
español.