Hai uns
días lin a novela ‘As rulas de Bakunin’, publicada en Galaxia xa no ano 2000,
do autor limiao (co que xa hai algúns séculos compartín algunhas troulas no val
de Monterrei) Antón Riveiro Coello. A verdade é
que a lectura se me fixo moi agradábel e que, como pasa cos libros que te
enganchan, non me chegaban as horas para rematala.
A
novela conta a vida do anarquista Camilo Sabio Doldán, e a través dela vemos
reflectidos os avatares históricos do século XX. A biografía de Camilo
simboliza a vida de todos aqueles que loitaron por un mundo mellor nos tempos
da República e que, ao igual ca democracia, viron truncado o seu futuro co
golpe de Estado de Franco e a súa tropa.
Camilo
sobreviviu ao cárcere grazas a un libro e a súa capacidade para memorizalo,
pero outros moitos remataron a súa vida a mans da represión franquista. Este
libro é unha homenaxe a todos eles, pero sobre todo aos anarquistas, hoxe tan esquecidos. Unha historia de perdedores
que, sen embargo, viviron, e fixérono con toda a dignidade que xamais puideron
acadar os seus verdugos.
Nas
páxinas da novela intercálanse distintas etapas da vida de Camilo, misturándose
con sabedoría a acción política e a vida cotiá, nunha unidade que se antolla
imprescindible para crer no personaxe. Un personaxe de carne e oso, non un
heroe, que sobrevive grazas ao amor, ao amor aos amigos e a súa familia.
A
relación de Camilo co seu avó e a de Camilo co seu neto Lázaro enmarcan a
historia. Unha historia de vida que nos permite coñecer, pero sobre todo
comprender, o que aconteceu neste país no século XX: a emigración, a esperanza
republicana, a represión franquista, o exilio, o silencio do franquismo e o
esquecemento da transición. Pero que tamén nos presenta con naturalidade, sen
énfases innecesarios, o carácter e os sentimentos dun mosaico de persoas
cercanas a nós. Persoas que coma todos teñen virtudes e defectos, sen ocultarnos
as súas faces máis reprobables.
Unha
engaiolante novela que como dixo o propio autor «é unha obra da que estou moi
orgulloso porque vai deixar unha boa pegada na miña andaina narrativa, non vai
sobre ou anarquismo nin sobre a Guerra Civil. É unha historia de amor dunhas
persoas que lles tocou vivir unha época feliz e que a Guerra Civil lles quitou
as ideas de liberdade».
Ai, ruliña de
ollos azuis, sinto que a vida se me vai e non podo termar dela. Non sei se a
morte respectará este meu desexo reparador e sigo fiel a esa teima de que alá
non hai máis nada, pero o teu recordo ten presencias case físicas e por iso
entendo que non debo desaproveitar esta oportunidade para che contar as miñas
miserias máis ocultas.