domingo, 28 de febreiro de 2010

A intoxicación polo aceite de colza

No 1981, en España, morreron 1.100 persoas a causa do envelenamento do aceite de colza, outras 60.000 foron intoxicadas, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios. 25.000 destas persoas acabaron con secuelas irreversibles.


Os primeiros casos manifestáronse a principios de maio dese ano e inmediatamente o Goberno anunciou que o responsable da "nova epidemia" era unha partida de aceite de colza desnaturalizado, distribuído en venda ambulante como aceite de oliva. Pero non todos os científicos concordaban nas causas do envelenamento; investigouse se non podían ser tomates contaminados cunha pesticida organofosforado de uso ilegal en España, hipótese sostida polo médico militar tenente coronel Luís Sanchez Monje Montero ou se a causa era un mico-plasma, de transmisión aérea, que tras 10 días de incubación xera os mesmos síntomas de envelenamento gástrico. Hipótese que foi sostida polo Dr. Antonio Muro e Fernández Cavada, director en funcións do Hospital do Rei en Madrid.


O Dr. Fernando Montoro e a Dra. Concepción Sáenz Laín escribiron un artigo postulando que a causa da Síndrome Tóxica podía ser un fungo que crece sobre a colza e produce aflatoxinas, á súa vez rexeitaron a hipótese de que fose contaminación con anilina. Luís Frontela Carreiras, catedrático de Medicamento Legal e director do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Sevilla, presentou un informe onde postula que o responsable podería ser un nematicida (veleno para parasitos das raíces) coñecido como Nemacur, producido e utilizado na Comunidade Valenciana. Houbo quen tamén pediu que se investigase a posibilidade de que a causa fose a utilización de recipientes de cadmio, metal do cal os ácidos a baixas temperaturas son solventes, así a causa podería ser unha contaminación progresiva con metais pesados.


As investigacións multiplicáronse en varias partes do mundo, sabíase que devandito aceite é mortal para o gando vacún, pero nunca se tiñan coñecido casos de intoxicación en humanos. En España, Luís Frontela, catedrático de Medicamento Legal da Universidade de Sevilla, realizou un experimento onde se alimentou a ratos con pementos e tomates que previamente foran tratados cun nematicida organofosforado (3metil-4-metiltiofenil isopropilamido fosfato). «Entre o 1% e o 20% dos animais así alimentados morreron. O resto reproducen as principais lesións da síndrome tóxica. En cambio os ratos aos que se lles forneceu aceite de colza o único que fixeron foi engordar»


En outubro de 1989 a investigación xudicial pechouse coa publicación da sentenza que exonerou aos importadores e empacadores do aceite por non comprobarse que tóxico puntual causou os envelenamentos.


Sheila Martínez (4ºA)

sábado, 27 de febreiro de 2010

Caderno escolar de 1954


No Museo Escolar Ferro Couselo do nos colexio contamos, grazas a Jesús Carballo, cun caderno escolar de 1954 da escola de Troáns, cando o alumno tiña 11-12 anos, xusto a etapa anterior ao abandono da escola. É, coma a maioría dos cadernos da época, sinxelo e moi ben presentado, con boa letra (co sangue entra). Entre ditados, contas e exercicios de gramática podemos atopar textos coma os que reproduzo abaixo que nos permiten coñecer dunha fonte directa o verdadeiro carácter da escola franquista:

"Comemoramos un nuevo Día de la Victoria, con su alegría de canciones juveniles, que recordarán a todos que España empezó a renacer aquel inolvidable 1º de Abril de 1939, en que la Guerra contra los traidores terminó.
Franco nos trajo con la victoria, la paz, y con la paz el bienestar social que poco a poco irá cambiando el modo de vivir de los trabajadores españoles, hasta ponerlos al nivel de los mejores del mundo.
Recordemos pues, esta victoria con orgullo de españoles y cumplamos con nuestro deber, para que no se malogre"

¡Arriba España!
"Este grito de combate de la Falange, que ha hecho suyo España entera expresa nuestra decisión de alzar a la Patria a la cumbre de su grandeza.
Al decir ¡Arriba! decimos, no solo nuestras aspiraciones de la permanencia de España, sino también la ilusión de que esa permanencia sea ocupando uno de los puestos principales en el concierto de las naciones civilizadas."

Por el imperio hacia Dios
"Es esta la bellísima consigna que el Caudillo dio al Frente de Juventudes. Consigna que nos invita a luchar a trabajar continuamente día a día, para conseguir que España llegue a ser un Imperio orientado y dirigido al servicio de los grandes ideales de nuestra sacrosanta Religión, y cuyo significado podemos resumir así: Servir a España, para mejor servir a Dios."

Europa
"La parte del mundo de la cual forma parte nuestra amada España es Europa, que a pesar de tener solo 10.000.000 km2 tiene mayor superficie de costas que cualquiera otra y sus hombres son los más cultos e inteligentes del mundo. (...)
En Europa tenemos el diminuto Estado de Vaticano desde donde su Santidad el Papa dirige la Iglesia Católica del mundo entero."

"Hoy ha comenzado el Curso Escolar en la Escuela Nueva. Es un local bastante grande y antes de entrar lo vino bendicir el Sr Cura. (...)
El trabajo va a ser duro, pero así será más provechoso, y podremos servir mejor a Nuestra Patria y ganar el Cielo después de la muerte."

"Dialecto: es la variedad que imprimen a muchas palabras de un idioma.
Dialectos hispanos: son, Gallego, Catalán, Valenciano y Mallorquín los más extendidos."

venres, 26 de febreiro de 2010

O mito castrista

Este artigo publiqueino no antigo Caladiños o 24 de febreiro do 2008, cando Fidel se puxo o chándal. Hoxe, creo, segue estando vixente. En recordo de Orlando Zapata Tamayo, un dos 55 presos de conciencia adoptados por Amnistía Internacional en Cuba.

Desde a Revolución Cubana que levou ao poder ao 'galego' Fidel Castro en 1959, o mito castrista instalouse entre a esquerda occidental. Converteuse no modelo a seguir como alternativa ao imperialismo de EE UU no continente americano e, por extensión, no resto do mundo pobre.

Eu tamén participei desa fascinación pola Cuba libre e comunista, resistente fronte ao acoso dos malvados ianquis.

Durante o curso 1994-95, cando andaba de profesor polas fermosas terras da Pontenova, á beira do Eo, un episodio aparentemente menor fíxome cambiar de opinión. Unha alumna de 3º da ESO mantiña correspondencia cunha rapaza cubana, despois de ter conectado con ela a través dunha revista ‘para adolescentes’. A nai da nena levaba o bar do Instituto e era amiga miña. Comentoume que quería traer a nena cubana a pasar o verán na súa casa, xa que nas cartas lle contaba as moitas penalidades que pasaba. Pediume que mirase o que había que facer para organizar a viaxe. Púxenme en contacto con consulado cubano en Santiago e a resposta foi decepcionante: “De ninguna manera puede salir del país antes de cumplir los 18 años”.
Pareceume tan inxusto, tan inhumano, que unha persoa non poida saír libremente do seu país que desde aquela todas as informacións sobre Cuba que antes obviaba ou minusvaloraba, pasaron a un primeiro plano á hora de valorar o réxime castrista. De súpeto, deime de conta de conta do que pasaba, do que significaba vivir en calquera Ditadura, sexa cal sexa o adxectivo que a acompaña: revolucionaria, comunista, antiimperialista ou socialista. Deixei de pechar os ollos, e conceptos como represión, censura, partido único, pena de morte, balseros
(documental), disidentes, acadaron o seu verdadeiro sentido.

Tiven, e aínda teño, fervorosas discusións con amigos meus. Aos meus argumentos sempre responden co xustificada que foi a revolución fronte a ditadura de Batista, que convertera á illa no prostíbulo de EE UU; ca necesidade de tomar medidas extraordinarias fronte aos intentos de derrocar ao réxime e ao bloqueo impulsados por EE UU; coa comparación entre as condicións de vida dos cubanos (sobre todo no referente á educación e á sanidade) fronte a outros pobos veciños; coa hipocrisía de EE UU e outras potencias occidentais que condenan o Castrismo, pero manteñen excelentes relacións con outros réximes máis execrables (ditaduras americanas, China, Marrocos, Israel...); etc.

Teñen razón, todos eses argumentos son certos, pero négome a xustificar en Cuba o que condeno noutros países. Négome a aprobar para os cubanos o que non aceptaría para min. Os dereitos e liberdades son para todos e non debemos caer na
realpolitik, no pragmatismo e nas frías análises, que deixan de lado ás persoas fronte aos grandes ideais. O fin xamais debe xustificar os medios, sobre todo cando eses fins se transforman en propaganda ao servizo do poder.

Despois de case 50 anos, o Comandante 'ordena' que deixa o poder. Non pode ser moi san para un pobo que os seus gobernantes decidan cando deixan de mandar, sen que os cidadáns teñan nada que dicir, só asentir.

O meu desexo é que
os cubanos poidan no futuro establecer unha sociedade máis xusta, na que non caiban nin as ditaduras mesiánicas, nin o capitalismo salvaxe de Miami, e así Cuba se converta no auténtico mito dos que cremos que a utopía comunista pode ser unha realidade.

martes, 23 de febreiro de 2010

En tierra de nadie, de Danis Tanovic


En tierra de nadie é unha película sinxela, feita con poucos medios, pero foi quen de ser merecedora de recibir o Óscar a mellor película estranxeira no ano 2002. Un pequeno episodio, case unha anécdota, da guerra da antiga Iugoslavia no 1993, convértese en todo un compendio antibelicista sobre a estupidez humana. Non só a estupidez dos dous homes que podendo ser bos veciños se odian ata a morte sen saber porque, senón tamén a dos organismo internacionais, estúpidos e hipócritas, e a dos medios de comunicación que, como case sempre, fan do sufrimento humano un espectáculo para as masas, estúpidas tamén, incapaces de reflexionar, de razoar. Por que se matan? dá igual, o importante é que nos entreteñan, desde o noso sofá non se escoitan os berros de dor dunha realidade que papamos como ficción sen dar tempo a facer a dixestión.

Todo discorre unha trincheira en Bosnia, no no man’s land, pero pode trasladarse a calquera dos escenarios bélicos do pasado, do presente e, sen remedio, do futuro. Por que a guerra? en que mellorou a vida dos seus protagonistas? a ONU e outros organismos internacionais loitan realmente pola paz e por salvar vidas ou están só atentos a unha cínica política de poder e imaxe? e veraz a información que nos proporcionan os medios de comunicación? estamos dispostos a ser críticos respecto á realidade (falsa) que os políticos e outros centros de poder non ‘venden’ no supermercado da imaxe e os slogans baldeiros? podemos deixar de ser só consumidores de violencia para converternos en actores dunha imprescindíbel mobilización cidadá cara un mundo sen armas?

Todas estas e outras preguntas xorden mentres miramos este magnífico filme. É unha película (ás veces semella unha comedia), pero calquera parecido coa realidade non é unha coincidencia, senón que todo está fiado para chegar ao noso intelecto, a nosa conciencia?, non as nosas tripas.


Ficha para traballar en valores cos alumnos

O II Franquismo: vida cotiá, Unidade Didáctica

Esta Unidade acompaña a exposición sobre a vida cotiá no II Franquismo, editada pola Fundación 10 de Marzo. Exposición e Unidade son a continuación das publicadas sobre o I Franquismo, mantendo a mesma estrutura e os mesmos obxectivos. En 18 paneis e coas actividades recollidas nesta Unidade pretendemos facilitar a comprensión deste infame e longo período da nosa Historia, incidindo en como a miseria do réxime impregnou todos os aspectos da vida diaria, cotiá, dos españois que o sufriron. A partir dos anos sesenta os cambios económicos e sociais foron evidentes, pero a Ditadura seguiu sendo brutal ata o final.

mércores, 17 de febreiro de 2010

Pieter-Dirk Uys


Pieter-Dirk Uys naceu hai 65 anos nunha familia africáner, os brancos que crearon o réxime de apartheid en Sudáfrica. Pero el adicou a súa vida a combater o racismo. Non segue as normas convencionais da corrección política, e chegou a crear o seu propio partido para competir nas eleccións xerais.

É homosexual e adica a súa vida fóra do escenario á educación sexual para nenos e nenas pobres, coa finalidade de evitar que collan o SIDA, enfermidade que ten desbastado á poboación sudafricana. No escenario convértese en Evita Bezuidenhout, unha cincuentona coqueta que creou hai 20 anos e coa que se teñen fotografado Nelson Mandela e Desmond Tutu. Evita é a sátira máis aguda da señora branca de clase media nos tempos do apartheid, ignorante do salvaxe racismo sobre o que estaba montado o seu mundo.

Uys ten falado de sexo diante de 1,6 millóns de nenos e nenas nos últimos seis anos, pero non colexios non deixan de pedir que volva. "É que os nenos pásano ben. Non falamos de animaliños e cousas así. Uso a palabra follar porque todos a coñecen e porque se parten de risa ao escoitala na boca dunha persoa maior; e tampouco lles digo que se absteñan, ou que o sexo é feo. Dígolles que está moi rico e a gozalo, pero que sexa sempre seguro...". Tamén lles fala de política: "Miro ao neno máis tímido e dígolle: 'Sabes o que é a democracia? A democracia é que ti es a persoa máis importante do mundo".

Igual que ridiculizou aos amos brancos, vixía hoxe, coa mesma comicidade, aos gobernantes negros. Por iso fundou un novo partido, The Evita People's Party, para celebrar a diversidade, porque, insiste Uys "Cada vez que paso por un colexio e vexo a nenos brancos e negros xogando xuntos recordo o inconcibible que me tería sido esta imaxe hai só 20 anos e danme ganas -e a Evita tamén, se é honesta- de dar un grito de alegría".

Reportaje sobre la historia del apartheid en Sudáfrica



luns, 8 de febreiro de 2010

"Así quiero ser (El niño del nuevo estado)"

A través de xiz-toria chégame este magnífico documento do blog Historiazuer. É un libro de 1940 que, en 81 temas, trataba de "formar a nuevos ciudadanos en las nuevas doctrinas del estado".

Desde o adoutrinamento fascista, ata os valores sociais e o fogar e a escola. Todo un catálogo do horror que ensuciou a mentalidade dos españois durante a Ditadura Franquista.


domingo, 7 de febreiro de 2010

Trinta anos do asasinato de Yolanda González, vítima do terrorismo franquista



Yolanda González tiña só 19 anos cando foi asasinada hai trinta anos, o 2 de febreiro de 1980, polos franquistas. Yolanda militaba nun dos moitos partidos de esquerda que xurdiron na transición, o Partido Socialista de los Trabajadores, unha organización trotskista, e nas CC OO. Para os seus asasinos, o feito de ser vasca e roxa era suficiente. Na reivindicación do atentado dixeron que era militante de ETA, o cal non era certo, pero, aínda que o fose, xamais xustificaría a barbaridade que cometeron.

Desde moi nova Yolanda tivo unha activa militancia social. Ao 17 anos vivía co seu noivo en Madrid, estudando no Centro de Formación Profesional de Vallecas, traballando como empregada do fogar para pagar os estudos e participando nas numerosas mobilizacións estudantís da época contra a política educativa do goberno da UCD. Era unha representante destacada da Coordinadora de Estudantes de Madrid. A policía realiza un informe sobre ela, atribuíndolle ser da órbita de ETA. O 28 de xaneiro de 1980 produciuse unha importante folga no Ensino Medio. Catro días máis tarde, o grupo fascista do que sairían os seus asasinos decide matala.

O 2 de febreiro de 1980 Hellín Moro e Ignacio Abad, secuestran a Yolanda, meténdoa no coche de Hellín. Ela tratounos de convencer de que non pertencía a ETA, pero eles non a cren, insúltana: “¡Roja de mierda, estais ensuciando España!”. Despois de golpeala e torturala, fana baixar do coche e Hellín dispáralle dous tiros na cabeza.

O crime foi reivindicado polo Batallón Vasco Español, dicindo que a mataran por “una España grande, libre y única”. O asasinato provocou unha gran conmoción, sendo numerosas as manifestacións e escritos de protesta, sobre todo ante o temor de que a policía, chea de franquistas, non fixese todo o posible para deter aos culpables. Grazas ao sopro dun policía (cómplice dos terroristas) detívose aos culpables só cinco días despois de aparecer o cadáver.

Emilio Hellín Moro tiña 32 anos e era enxeñeiro electrónico. Ignacio Abada tiña 19 anos e era estudante de Químicas na Complutense. Formaban parte dunha banda armada constituída dentro partido franquista Fuerza Nueva, denominada “Grupo 21”. Hellín foi condenado a 30 anos de cárcere, Ignacio Abad a 26. Sen embargo, Hellín conseguiu do xuíz José Donato Andrés Sanz, só sete anos despois, un permiso carcerario que aproveitou para fuxir a Paraguay. Alí foi localizado polo periodista de Interviú José Luis Morales, o que permitiu a súa extradición e encarceramento de novo en España. Hoxe vive tan tranquilo en liberdade.


Fragmento dunha entrevista con Alfonso Araque no 2008, compañeiro de militancia de Yolanda, que falou no seu enterro:

“En Yolanda se ha querido asesinar a todo el movimiento estudiantil”, son palabras tuyas en el funeral de Yolanda.

-Es que fue así. No se trató de un enfrentamiento en la calle y un disparo de la policía, como sucedía hasta entonces. Hubo todo un plan premeditado, todo se hizo al más puro estilo fascista, la secuestraron, la dieron el “paseíllo” y el “tiro de gracia”. Y mientras tanto llenaron los institutos con esvásticas amenazando a los activistas más destacados. Querían aterrorizar a toda una generación de luchadores y desmantelar así el movimiento.

En el asesinato de Yolanda estaban implicados miembros de las fuerzas de seguridad del estado.

-En el asesinato de Yolanda se demostró una vez más que la transición fue en realidad la preservación de las instituciones esenciales del franquismo, del ejército, la iglesia, los jueces, la policía… que la transición fue una ley de punto final para los franquistas. En el asesinato de Yolanda estaban implicados policías y guardia civiles que hacían parte de las bandas fascistas o encubrían su actividad. Más aun, el juez Varón Cobos, un fascista declarado, se negó por dos veces a procesar al dirigente de Fuerza Nueva, inductor del asesinato, David Martínez Loza. Tuvimos que juntar miles de firmas para obligarles a reabrir el sumario, tuvimos que controlar el juicio para que no se nos colaran los fascistas e hicieran como en el juicio a los abogados de Atocha que convirtieron la sala en un mitin fascista. Finalmente conseguimos que fueran procesados y condenados, incluido Martínez Loza.


Información tirada de:

http://findesemana.libertaddigital.com/el-asesinato-de-yolanda-gonzalez-1276229857.html

http://www.fundanin.org/yolanda.htm

http://www.kaosenlared.net/noticia/yolanda-gonzalez-en-recuerdo

http://ahaztuak1936-1977.blogspot.com/2008/02/yolanda-gonzalez-in-memoriam.html