sábado, 10 de novembro de 2012

Otra idea de Galicia, de Miguel-Anxo Murado


Otra idea de Galicia foi publicado pola editorial Debate no ano 2008, e agora reeditado. Este libro, como outros ensaios do autor caracterízase pola escritura limpa, a erudición e a retranca, conseguindo que a lectura sexa sempre áxil, nunca nos decepciona.
Otra idea de Galicia forma parte dunha serie de ensaios sobre as Comunidades ou territorios do Estado español cos que se pretende desmontar algúns dos mitos, dos estereotipos, que reinan no imaxinario colectivo, tanto dentro como fóra deses territorios. Todos tendemos á xeneralizar, a obviar as diferenzas e os matices, cando queremos definir e particularizar a un determinado pobo ou país. Esas xeneralizacións, sen embargo, só son útiles para debates de radio ou de taberna, e carecen de rigor intelectual. É dicir, son mentiras. É moito o que compartimos todos os galegos, pero non existe un carácter galego único. Non somos unha única árbore con moitas gallas, senón moitas árbores distintas que medran distintas e distantes nun espazo común (o mapa de Domingo Fontán), co que todos dunha ou outra maneira nos identificamos (algúns mesmo se caracterizan por desprezar a súa propia condición de galegos, o que é colmo da ignorancia).
Neste libro, Murado non escribe sobre o carácter dos galegos, el sabe ben que non existe, senón que recorre a súa ampla formación histórica para desmontar os tópicos que se teñen acuñado sobre Galicia. A Historia é a única ferramenta que pode axudarnos a comprender o presente. Unha Historia que analizada con criterio xamais é lineal, non hai un único camiño pechado que nos conduce inevitablemente ao presente (a ao futuro), senón que existen moitas corredoiras que levan a moitos camiños e eses a súa vez rematan hoxe en múltiples cruces que inician outros vías, algúns con orixes distantes. A Historia explica o presente pero non o xustifica, e así o entende o autor. Neste libro, de lectura obrigada para todos aqueles que queiran coñecer o noso pasado, non só reafirmar as ideas preconcibidas, atoparemos unha sinxela e evocadora interpretación do pasado de Galicia que nos ilustra sobre o presente.
Nunha entrevista en A Nosa Terra sobre o libro, Murado di: 'Non temos datos para saber desde cando exactamente a xente fai determinado ritual. O que si podemos deducir é que canto máis se defende a “eternidade” dunha tradición máis probábel é que esta nacera hai pouco tempo. Por exemplo, as romarías naceron logo da recatolización de Galiza, en plena Contrarreforma após o Concilio de Trento (1545-1563). En calquera caso, que as tradicións sexan inventos non significan que non sexan reais. É dicir, se unha sociedade toma por bos trazos de identidade e dálles rango de verosimilitude, ao final eses conceptos inflúen nas súas vidas e na súa autopercepción colectiva. Non hai que esquecer que cada un de nós inventa o seu pasado, reconstruímos o noso pasado, convertemos as lembranzas en mitos. Pois as nacións tamén inventan a súa infancia'.
En definitiva, un libro máis que recomendable (ogallá se publique en galego) que non pretende adoutrinarnos desmontando uns tópicos e reforzando outros, que nos fai formular máis preguntas, que non é un libro de Historia pero que nos ensina a Historia, un libro optimista que rexeita o tópico da decadencia de Galicia e que, ademais, está moi ben escrito.

Ningún comentario: