Amosando publicacións coa etiqueta Vida cotiá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vida cotiá. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de maio de 2018

Charla de Montse Fajardo no Losada

A charla de Montse Fajardo Pérez sabía que ía ser interesante pola súa propia temática, pero superou as miñas expectativas. Tanto na sesión de Bacharelato, como na de 4º da ESO, creouse ese ambiente especial no que todos están calados, escoitanto con atención, sen mirar o reloxo nin enredar co do lado. E disto o mérito é da propia Montse, capaz de transmitir estas historias duras e necesarias con paixón e cariño. Moitas grazas, tamén pola xenerosa achega de libros para a Biblioteca e o alumnado do Losada.Reproduzo abaixo algunhas das opinións do alumnado dun grupo de 2º de Bacharelato, e doutro de 4º da ESO. Creo que deixan claro que foi unha charla na que sentiron a dor das mulleres e, así, aprenderon a verdadeira natureza do franquismo. Como profesor, non podo estar máis satisfeito.


- Ao escoitar a charla tiven a sensación de que a ditadura foi máis dura e terrible do que nunca sospeitara.
- A charla foi moi boa, pero a min transmitiume sentimentos de tristeza, medo e compaixón por todas as mulleres no franquismo.
- Deume moita tristeza polas mulleres de antes, porque ademais entre elas estaban algunhas das nosas familiares.
- Contou unha realidade dura de forma directa e crúa.
- Amosa unha realidade que se descoñece.
- Foi xenial, os contidos moi interesantes e moi duros, pero narrados de xeito que, con poucos exemplos foi quen de amosar a realidade de moita xente naquel momento, dándolle voz aos que foron obrigados a calar.
- Estivo moi ben, explicou a realidade sufrida polas mulleres non hai moito tempo, e tamén a fortaleza que tiñan.
- Impactoume, para decatarnos da realidade e non esquecer.
- Moi interesante, con conceptos e momentos dos nosos antepasados que descoñeciamos.
- Contido moi duro, pero serviu para concienciarnos en que situación vivían as persoas con ideas contrarias ao franquismo.
- Centrouse nas formas de tortura que empregaban os franquistas coas mulleres, como a rapa do pelo ou as violacións.
- Moi necesaria e interesante, xa que é un tema do que fai falta que se informe e entere a xuventude, da realidade da muller no franquismo.
- Moi interesante, aprendín cousas que descoñecía e pareceume moi impactante.
- A historia relatada con proximidade impresiona e impacta moito máis que a lectura dun texto. Imprescindible.
- Moi completa, pero non se dixo nada que non se soubera, agás anécdotas concretas.
- Non estivo nada mal. Era un tema interesante, e aínda máis coas historias particulares. Nota: 7,75110
- Pareceume rápida, concisa e clara.
- Está ben que non censuren e se digan as cousas tal e como foron.
- Coñecer o caso das Marías, e de moitas outras mulleres que paga a pena recordar por todo o que tiveron que pasar. Unha especia de homenaxe, ben merecido.
- Gustoume moito, xa que está moi ben incluír as historias da xente que viviu e primeira persoa, e acompañalo coas imaxes das mesmas.
- Gustoume coñecer de onde provén a discriminación que hoxe sufrimos as mulleres. E, sobre todo, gustoume as diferenzas da represión entre homes e mulleres.
- Coñecer historias protagonizadas por mulleres pareceume ademais de interesante, moi importante. Alédome de que exista xente que loita por darlle voz ás silenciadas.
- Gustoume saber as experiencias desas mulleres. Pareceume terrorífico todo o que lles facían, pero interesante e importante.
- Creo que sempre está ben saber un pouco máis da nosa historia, que nunca morra a memoria e falar polos que calaron ou tiveron que calar. Por que eles non puideron defenderse, pero nós podemos recordalos como heroes, tanto a elas como a elas.
- Persoalmente gústame moito este tema, pero para a xente que non estivera enteirada destes feitos é moi importante esta charla. É moi importante saber o que ocorreu neses anos no noso país, o que sufriron os homes, pero tamén as mulleres.
- Está ben que haxa xente que desenterre cousas do pasado que son importantes. Na Historia sempre se lle dá máis mérito aos homes, e non se ten tanto en conta ás mulleres. Recuperar a memoria desas mulleres e contar a súa historia paréceme moi valente.
- Gustoume moito a charla xa que pouco se recorda a importancia das mulleres durante o franquismo e o sometidas que estaban. É importante mostrar o que ocorreu aos nosos antepasados e o sufrimento, sobre todo, de mulleres e nenos.


mércores, 9 de abril de 2014

No Job Land

No Job Land from No Job Land on Vimeo.
'No job land' es un multimedia documental que ofrece una mirada sobre la situación que atraviesan miles de familias en España a causa del paro de larga duración. Desprotegidos y en riesgo de exclusión social, un grupo de desempleados del distrito de Vallecas en Madrid decide unirse y luchar por su futuro.

Calificado por The Daily Telegraph como " un conmovedor recordatorio de las dificultades económicas que muchas familias están sufriendo en España” , 'No job land' ha tenido hasta la fecha 225.669 reproducciones desde su estreno el pasado diciembre. Publicado por primera vez en Narratively, No job land se ha convertido en el trabajo más destacado de 2013 en este medio estadounidense de referencia en el periodismo de largo formato.

'No job land', es el punto de partida de este recorrido periodístico sobre el coste humano de la crisis cuyo segundo capítulo titulamos 'Los que se quedan': http://goteo.org/project/losquesequedan

+Info: www.nojobland.com

venres, 25 de xaneiro de 2013

Vigo, anos sesenta

Video que forma parte dun programa da TVE 'El Peregrino' dos anos sesenta do século pasado

xoves, 3 de maio de 2012

Isto é vida?


Esta é a viñeta coa que remata (de forma apoteótica) A Mansión dos Pampín, o extraordinario cómic que Miguel Anxo Prado creou para o Proxecto Terra, un referente educativo en Galicia, un exemplo de como integrar a escola co medio, de como facer da educación unha ferramenta para mellorar a nosa paisaxe, a nosa sociedade.
Como case todos os anos, despois de traballar na aula de 3º da ESO a Unidade de Arquitectura Popular, limos a banda deseñada e contestamos a un cuestionario. As peripecias de Concha e Indalecio no mundo da propiedade inmobiliaria dan para moito máis que analizar as nosas degradadas paisaxes rurais e urbanas (cravadas polo autor). No centro desas paisaxes estamos nós, desleixados da nosa identidade, alienados polas modas, vítimas da ambición e das aparencias. Incapaces de valorar o noso entorno criticamente, sometidos á rutina máis vulgar, semella que somos incapaces de construír unha sociedade do benestar (tan de actualidade hoxe, por desgraza) na que o entorno ten un papel central (pracer paras os nosos sentidos, harmonía coa natureza). Os Pampín son unha ventá aberta a todas estas cuestións que moitas veces nin nos formulamos, das persoas e da paisaxe, das relacións humanas, dos gustos e dos prexuízos, da realidade e dos soños, de pais e fillos... E, por suposto, é un cómic do máis entretido. Aprendemos e divertímonos, que máis se pode pedir!!!
Traballar na aula co Proxecto Terra é un privilexio para un profesor, porque podes comprobar como poucas veces, como ese alumnado que tantas veces consideramos pasota, desmotivado, semella que esperta do letargo e comeza a discutir con fervor sobre as casas que lle gustan ou non, sobre as alturas e as colores, sobre o respecto a natureza, sobre as necesidades e os luxos, sobre tradición e modernidade... En definitiva, conseguimos unhas clases vivas que nos fan pensar co noso traballo ter sentido.
Este curso pensei que estaría ben incorporar algunhas das opinións do meu alumnado a este blog, tomando como referencia a viñeta final.

Esta imaxe amósame o pouco gusto que ten a xente elixindo as suas vacacións. Unhas boas vacacións non son estar nun sitio ateigado de xente onde non te poidas mover, é indignante que o q pensemos dunhas vacacións perfectas sexa estar metidos nunha praia sen case poder moverte cando hai cantidade de sitios turísticos moito mellores e bastante máis impresionantes. Eu antes de ir a unha praia así, iríame visitar cidades turísticas e máis interesantes. (N.)

É un sitio moi concurrido, quizais con demasiada xente. Un lugar no que non tes moita intimidade e con tanta xente un pouco agobiante... Os edificios estan moi cerca do mar o que pode supoñer un problema, é dicir que aproveitan demasiado o terreo. Unhas vacacións suponse que son para relaxarse e estar tranquilo e nun lugar asi sería imposible. Se fora eu iría a un lugar máis tranquilo e con máis natureza porque un sitio así a verdade é que me deprime un pouco. Bueno pero cada un é cada un. (S.)

Nesta viñeta represéntase o pouco gusto que hai para escoller unhas vacacións. Para o meu gusto nesta praia había moita xente. Eu preferiría unhas vacacións máis tranquilas. (A.)

Parece un sitio agobiante, sen contar os altos edificios que o presiden ó pé da praia. Estou en contra da frase de Indalecio, pois paréceme que ese sitio non é tan fabuloso, e pola contra, como di a muller, penso que era mellor (e máis barato) buscar unha casiña de turismo rural nunha vila, ou ir de acampada. Definitivamente, con esa frase non describiría ese lugar. Quizais fose mellor: Ai, Concha, que afogo entre a multitude! (S.)

É unha praia ateigada de xente un día de verán, ao seu redor hai novas construcións, edificios moi altos. Penso que deberían ser máis baixos, como moito de tres ou catro plantas de altura, xa que se hai edifios detrás sacaríanlle as vistas, ou ainda os farían máis altos. O comentario de Indalecio é o seguinte ''Ai Concha, isto é vida''. Para el estar rodeado de xente é unha satisfación, para o meu punto de vista é agobiante. Eu non sería capaz de pasalo ben nunha viaxe coa familia na que das un paso e molestas ó do lado, escoitas os gritos dos rapaces, as conversas de todos os do redor... Unhas vacacións deberían ser tranquilas, nun lugar que transmita pracer, para iso hoxe en día o mellor lugar é o rural pois case ninguén vive en aldeas e cada vez estan máis despoboadas. (Sh.)

Na viñeta vese xente moi apelotonada na praia, e o comentario que fai Indalecio paréceme moi desagradable, xa que él nesas vacacións non fixo nada, mandoullo facer todo á súa muller. O sitio que elixiron pra facer esas vacacións paréceme bonito pero é un lugar no que hai moita xente, parece que non hai outra praia nese lugar e iso dálle mala reputación. (V.)

Nesa praia non hai intimidade, nin tranquilidade pois esta ateigada de xente. Unhas boas vacacións necesitan un pouco de harmonía. Eu non diría o mesmo que dixo Indalecio, pois estar rodeada de moreas de persoas que non coñeces non me resultaría moi agradable, eu preferiría pasar unhas vacacións máis tranquilas. As vacacións xa son para descansar e relaxarse e penso que nun ambiente asi non me poderia relaxar e ainda me agobiaría moito máis. (An.)

Pareceume bonita a viñeta, gústame que a xente desfrute dos dias de sol, con moita xente ademais. (U.)

A xente esta moi apretada e non se está cómodo. A min persoalmente non me gustaría estar nunha praia coa xente tan apretuxada, prefiro estar sen moita xente ao meu arredor....Tomar o sol tranquila e que ninguén me moleste, xa que se hai moita xente ao meu arredor agóbiome moito. (M.)

Iso non é vida. Que os edificios de 15 plantas ocupen a zona de praia, que centos de persoas estean amoredas en praias, non é vida. A Destrución de montes e ecosistemas pra deixar paso á paisaxe urbana non trae beneficio á terra, tan só trae beneficio económico a unha minoria (os políticos,banqueiros e construtores). A vida é monte e praia, é natureza. O tipo de futuro que se nos oferta é a destrución da paisaxe. Hai que pensar nun modo de convivencia coa natureza e non na sua destrución. (Al.)


Non estou para nada de acordo con estas palabras, e mais aínda se fitamos detidamente a imaxe coa que estas están relacionadas. Destacan considerablemente, nesta viñeta, as edificacións, que non gardan para nada proporcionalidade entre elas, unhas son moi elevadas, outras relativamente baixas... E non só iso, se non que os edificios están tan preto da praia, que só os separa dela unha estrada (Cousa que tampouco vexo normal, posto que por ela están a circular unha cantidade elevada de vehículos,e desta forma,eu penso que non hai maneira de relaxarse na praia). Fóra diso tamén existe outro inconvinte, a xente. Non quero dicir que haxa que estar nunha praia baleira, pero o que tampouco vexo normal é elixir este lugar para pasar as vacacións familiares, sen ningunha clase de intimidade. O que quero dicir, para rematar, é que eu conservaría a "mansión" en Antelo para as vacacións e quedaríame co piso, anque fose un pouco maís lonxe da cidade. Que total por 12 metros cadrados máis... E así non salirían tan ben parados, o alcalde e o construtor. (P.)

sábado, 7 de abril de 2012

Reyes disfrazados, de James Vance e Dan Burr. Unha pequena homenaxe a Dimitris Christulas


Dimitris Christulas, farmacéutico xubilado de 77 anos, suicidouse na praza Sintagma de Atenas. As súas últimas palabras foron 'Non quero deixar débedas a miña filla'. Levaba no bolso unha nota na que culpaba ás autoridades (o 'Goberno de ocupación') da situación e laiábase de non ser máis novo para coller un arma contra 'os traidores á nación', contra os 'políticos e financeiros': "Xa que non teño unha idade que me permite recorrer á forza, non atopo outra solución que un final digno antes de comezar a buscar comida entre o lixo". Animaba tamén aos 'mozos gregos sen futuro' a colgar na mesma praza Sintagma 'como os italianos fixeron con Mussolini en 1945', aos traidores.
Os gregos están a sufrir os efectos da crise: aumento das enfermidades mentais e dos suicidios, redución das pensións que impide facer fronte aos gastos básicos de alimentación, vivenda e sanidade, fame...
Os reis de España e Francia viaxan de incógnito polo Estados Unidos da Gran Depresión. Reyes Disfrazados é unha novela gráfica cun argumento duro e veraz. O que nela se conta está sendo unha realidade hoxe, como comprobamos no ocorrido en Atenas. Quizais non sexa certo que a historia sempre se repite, pero si que debemos aprender dela se non queremos vernos condenados a outro desastre.
Foi unha das obras máis premiadas dos anos 90, con guión de James Vance e debuxos de Dan Burr. Texto e debuxos compleméntanse de xeito admirable. Os protagonistas son un rapaz que foxe da súa casa, na procura do seu pai que, atafegado por non poder alimentar aos seus fillos ('non quero deixar débedas a miña filla') , marchou da casa. O rapaz convértese no compañeiro dun vagabundo, alcumado 'O rei de España', percorrendo en trens de mercadorías un país asolado pola crise de 1929. O cómic consegue transmitirnos os sentimentos dunha xente sometida a máis absoluta miseria, incapaz de atopar unha saída entre os cascallos do sistema capitalista. Un sistema que (como agora), a pesar da crise, seguía vixiante, armado para reprimir calquera intento de alternativa social. Querían (queren) deixarnos ata sen esperanza.
Freddie, o neno protagonista, vese violentamente obrigado a madurar entre a fame e a tolemia, sen que na súa viaxe haxa un chisco da aventura que soñou lendo a Jack London ou vendo películas do oeste. O cine foi das poucas industrias que medrou nesa época na que a xente devecía por fuxir da crúa realidade.
Unha obra importante e de obrigada lectura para quen lle gusta a historia da xente, do cotiá, pero tamén para todos aqueles amantes das boas historias, ben contadas e debuxadas. Ao igual que as fotos de Dorothea Lange, Margaret Bourke-White ou Walker Evans, esta banda deseñada é unha fonte admirable para o coñecemento da Gran Depresión, de como a crise económica, máis alá dos fríos números, afectou á vida das persoas que só poden aspirar a sobrevivir un día máis no medio da miseria máis radical.
E sempre debemos recordar o que di Alan Moore no prólogo: "... As matemáticas da pobreza funcionan da seguinte maneira: se todo o mundo tivera unha parte igual, non habería ricos e non habería pobres. Se alguén se fai rico, entón hai alguén que automaticamente, se volve pobre. Se alguén se fai moi rico, entón é posible que moita xente se volva pobre. Isto funciona nas dúas direccións, claro está. Se moita, moita xente se volve pobre, podemos apostar sen temor a equivocarnos que o diñeiro se dirixe a algunha parte...". Pendurar dunha praza aos responsables, Non, pero tampouco podemos deixar que uns cantos ricos nos aterroricen, sen máis saída ca mendicidade ou...

venres, 20 de maio de 2011

Unha exposición imprescindible


Puiden mirar, por fin, a exposición Unha mirada de antano: Fotografía de Ruth Matilda Anderson en Galicia, na Fundación CaixaGalicia de Santiago. Encantoume, pareceume marabillosa.
A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispanic Society of America, que pretendía crear unha colección sobre imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.
As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Eu mesmo, sentín ecos de obxectos, paisaxes e ambientes da miña infancia visitando a exposición. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade, o que non pode facernos pasar por alto o esforzo e as dificultades que tivo que pasar para viaxar con todo o seu instrumental pola Galicia dos anos vinte. Que pensarían os paisanos destes estranxeiros que chegaban as súas esquecidas aldeas e os facían protagonistas do seu interese?
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.
Canta pobreza! Esa foi a exclamación que lles escoitei, máis dunha vez, a unha parella de persoas maiores cos que compartín a viaxe ao pasado. Si, realmente a pobreza da Galicia da época esmágate (aínda que tamén había clases). Pobreza que se reflicte nos nenos e mulleres que, e isto aumenta o seu interese, teñen un papel protagonista nas fotografías. E case ninguén sorrí, a vida era demasiado dura. Esta é a Galicia da emigración, de curas e caciques, e para coñecela, esta exposición é moito máis cun libro aberto.
Que fixemos coas nosas vilas e aldeas? Esta é a pregunta que me veu á cabeza cando observei as imaxes das vilas e aldeas, cheas de harmonía arquitectónica, fundíndose casas e paisaxe, fermosas. Gran parte dese patrimonio tirámolo ao lixo nestes anos de estúpido ‘desarrollismo’, que mágoa!
En definitiva, unha exposición imprescindible para todos os que queren saber, para todos os que queren gozar. Aínda que deixo aquí algunhas fotografías hai que velas de preto, non deixedes de facelo.


mércores, 16 de marzo de 2011

Xogando á guerra

Esta fotografía de Agustí Centelles, un dos grandes reporteiros gráficos da Guerra Civil no bando republicano, pareceume sempre unha das que mellor expresa o que é a Guerra. E non só a Guerra Civil, senón calquera. Os nenos sempre imitan aos maiores e se o que ven é morte e violencia eles reprodúcenas nos seus xogos aparentemente inocentes, mesmo nos chapuceiros uniformes e no xefe de pelotón, tan digno el. Por que os xefes nos parecen tan decentes mentres os seus subordinados fan o traballo sucio?

E non xogan ás batallas, senón aos fusilamentos, nunha extraordinaria imitación dos ‘Fusilamientos del 3 de mayo’ de Goya, que o autor soubo maxistralmente captar: a barbarie sen cara, de costas; os fusilados de fronte. Unha metáfora da cruel realidade que se vivía neses momentos en España. Noutro bando, no dos rebeldes, os nenos xogaban ao mesmo como anotou o xeneral Mola (perdón, Mula), nos seus diarios en agosto de 1936: “Me ha chocado el juego que se llevaban unos chiquillos. Dos de ellos iban con escopetas de juguete. Los demás cogían a otro prisionero y lo conducían ante los armados. Éstos le gritaban al preso: ‘!Viva España¡, ¡viva España¡’ y como el preso no contestara (el juego era no contestar), los de las escopetas apuntaban y el pelotón imitaba el fusilamiento”. Semella case unha descrición detallada da foto, aínda que os berros fosen outros.

Nenos con armas de plástico en Nayac, Iraq
Hoxe, os nenos (non as nenas), seguen a xogar á guerra en Somalia, Palestina ou Iraq, mentres os maiores alimentan esta perversa diversión coa súa incapacidade para vivir sen matarse. Mesmo recorren aos nenos para que alimenten a maquinaria bélica, como ocorre hoxe en moitas contendas, pero tamén en 1938 coa chamada ‘Quinta do biberón’ durante a Batalla do Ebro no bando republicano. Nenos de 17 anos levados a morrer e a matar na fronte. Cando deixarà de estar de moda fusilar?

Nesta foto no Madrid asediado do 36, as nenas xogan tamén a súa guerra. A pesar de que houbo moitas milicianas no bando republicano para estas nenas xogar a ser mulleres durante o conflito supuña disfrazarse de enfermeiras. Os roles de xénero manifestados con nitidez. Os machos matan, as mulleres curan. Pena que hoxe se mida a consecución da igualdade cuantificando o número de mulleres no exército. Nenas e nenas, vítimas sempre (na Guerra Civil morreron uns 400.000 nenos e nenas), pero tamén aprendices do vil oficio de matar.

domingo, 10 de outubro de 2010

Un día dunha nena de Friol a finais dos 70

Esta reportaxe emitiuse no programa Vivir Cada Día da TVE. Narra, en 12', un día na vida dunha nena de 13/14 anos dunha aldea co concello de Friol (Lugo) a finais dos 70. Comezaba a chamada Transición, despois da morte do Ditador, pero a muda foi lenta. As nenas e nenos xa non ían á escola da súa aldea, senón que estaban xa 'concentrados' nos chamados Grupos Escolares, pero alí seguían ser poder falar a súa lingua. Cambiaron moitas cousas, pero hoxe, sen que ninguén llelo impoña, moitos 'imbéciles e escuros' avergónzanse do galego. Antes prohibíano, hoxe desprézano.
Nenas e nenos vían a escola comun descanso (isto si que mudou, non?). Nas casas traballaban arreo, non importaba que só fosen uns cativos. E máis no caso das nenas coma a protagonista que tiña que suplir a súa finada nai, facéndose cargo da casa.
Un testemuño da vida cotiá impresionante e conmovedor, revelador dun pasado recente no que, por suposto, case que nada era mellor, pero que tamén nos explica un presente afastado do ideal.

venres, 21 de maio de 2010

A casa, de onte a hoxe

Este é un traballo realizado polo alumnado de 3º da ESO do noso Colexio, dentro da materia de Ciencias Sociais, para participar no 2º Certame Xentes, Espazos e Lugares convocado polo Proxectoterra e o periódico Xornal de Galicia. O tema escollido foi a evolución da casa rural e dos seus espazos interiores. A información tirouse das entrevistas que cada alumna e alumno lle fixo aos seus avós e pais.

martes, 23 de febreiro de 2010

O II Franquismo: vida cotiá, Unidade Didáctica

Esta Unidade acompaña a exposición sobre a vida cotiá no II Franquismo, editada pola Fundación 10 de Marzo. Exposición e Unidade son a continuación das publicadas sobre o I Franquismo, mantendo a mesma estrutura e os mesmos obxectivos. En 18 paneis e coas actividades recollidas nesta Unidade pretendemos facilitar a comprensión deste infame e longo período da nosa Historia, incidindo en como a miseria do réxime impregnou todos os aspectos da vida diaria, cotiá, dos españois que o sufriron. A partir dos anos sesenta os cambios económicos e sociais foron evidentes, pero a Ditadura seguiu sendo brutal ata o final.

xoves, 14 de xaneiro de 2010

O Primeiro Franquismo, vida cotiá: Unidade Didáctica


Esta Unidade acompaña á exposición gráfica do mesmo título, que podedes mirar na páxina da
Fundación 10 de Marzo, responsable de ambas publicacións. A Unidade inclúe o texto e as imaxes dos paneis (en branco e negro), e unha serie de actividades, numerosas e variadas para que os profesores escollan ás que mellor se adaptan aos seus obxectivos.

A exposición céntrase na vida cotiá, pero sen prescindir dos aspectos económicos e políticos xerais, porque só así de pode entender un período histórico. Pensamos que é unha boa ferramenta para coñecer e comprender as bases da Ditadura e a vida (mala) que estiveron condenados a sufrir os españois. O nacional-catolicismo sumiu a España na miseria económica e moral: represión, exercizos espirituais, Sección Femenina, racionamento, estraperlo, Una Grande Libre, Franco Franco Franco... Medo, moito medo.

luns, 16 de novembro de 2009

Historias de vida: as nosas avoas


Esta presentación é un resumo dos traballos realizados polo alumnado de 4º da ESO do curso 2008-09. Neles, atendendo a un guión proporcionado polo profesor debían recoller información sobre a vida das súas avoas ou, de non ser posible, doutras mulleres de idade similar. A partir da información conseguida nas entrevistas elaboraron unha presentación, na que o texto ía acompañado de material gráfico, a ser posible orixinal. Os temas xerais nos que se ordenou a presentación foron: a escola, o lecer, matrimonio e fillos, os traballos, a casa, a aldea, a vida e a política. Neste resumo usáronse fotos aportados polo alumnado, completadas con outras recollidas en anos anteriores, que forman parte do fondo fotográfico do Museo Escolar Ferro Couselo, e algunha baixada da rede.
A realización do traballo foi moi gratificante, tanto pola implicación do alumnado, como pola información recollida, máis interesante para axudarlles a comprender o pasado e os cambios no tempo, os da súa familia, pero tamén os da sociedade na que viven hoxe.