No
primeiro Encuentro Feminista Latinoamericano y del Caribe, celebrado en Bogotá
en 1981, decidiuse facer do 25 de novembro o día de denuncia da violencia que
sofren as mulleres, que máis tarde, en 1999, foi declarado Día Internacional
pola Non Violencia contra a Muller pola ONU. Nesta data, en 1960, as irmás
Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa) foron asasinadas por orde do ditador
da República Dominicana, Trujillo (el Chivo).
A
ditadura de Trujillo (1930-1961), un militar adestrado polos EE UU,
caracterizouse, como todas as ditaduras, pola represión. A tortura e o
asasinato dos opositores, mesmo fóra do país, foron sistemáticos. Tamén
utilizou outros métodos de control social, propios da época feudal, como as
ameazas ás familias para conseguir os favores sexuais das mulleres que lle
gustaban. Se non se accedía aos seus desexos os membros da familia podían
perder os seus bens, sufrir torturas, encarceramento, ou mesmo ser asasinados.
O
14 de xuño de 1959 un grupo de dominicanos no exilio fracasaron no seu intento
de invasión, pero foron a inspiración para que se organizase un movemento de
oposición interior co nome de ‘14J’. Esta organización, á que pertencían as
irmás Mirabal, sufriu unha dura represión, pero sentou as bases para a caída do ditador en 1961.
As
irmás Mirabal pertencían a unha familia acomodada, o que lles permitiu estudar,
algo vetado a maioría das dominicanas. A sensibilidade social, e a pureza da
súa fe cristiá, fíxoas comprometerse na loita contra a tiranía, arriscando o
patrimonio familiar e as súas propias vidas. Militaron nunha célula do
‘Movemento 14 de junio’, cos nomes en clave de Mariposa 1 (Minerva), Mariposa 2
(María Teresa), Mariposa 3 (Patria).
Cando
se descubriu a conspiración, en xaneiro de 1960, centos militantes foron
encarcerados. Minerva e María Teresa, xunto aos seus maridos e outros
familiares, foron condenadas a cinco anos de cárcere, onde sufriron constantes
torturas e violacións. Ante a presión internacional, Trujillo afrouxou as
medidas represivas, e en agosto as dúas irmás pasaron a arresto domiciliario.
Os
seus esposos seguían encarcerados. Nunha das viaxes das mulleres ao cárcere, a
policía secreta de Trujillo (SIM: Servicio de Inteligencia Militar) planeou
matar ás tres irmás. Nunha estrada solitaria, o 25 de novembro de 1960, cando
regresaban de visitar aos seus homes, as mariposas foron asasinadas xunto ao
chofer. O réxime intentou simular un accidente de tráfico.
Dous
libros para saber máis: a marabillosa novela de Julia Álvarez, ‘En el tiempo de las Mariposas’ e ‘La fiesta del Chivo’ de Vargas Llosa.
Hoxe segue sendo necesario seguir loitando contra a inxustiza, contra as ditaduras políticas e económicas, e contra a violencia machista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario