luns, 21 de abril de 2014

Un castelo para todo o mundo


Tiña pensado escribrir algo sobre a estupenda manifestación do sábado, pero afórramo Manuel Gago con este artigo que describe maxistralmente o que supón esa loita para os implicados, fronte a cegueira? das autoridades: nós defendemos os nosos intereses porque o que é público é de todos, e gústanos compartir, como bos anfitrións, o mellor que temos: o castelo de Monterrei.

Máis que interesante todo o que está a suceder ao redor da cidadela de Monterrei, por moitísimos motivos. O primeiro: decatarnos de como a percepción social do patrimonio e do que é posible facer con el está a cambiar na sociedade galega, e non só no ámbito estritamente urbano. As obras de Monterrei non significan expropiación de terras novas, asulagamento de leiras, ou permutas de propiedades. Todas estas persoas manifestáronse o outro día en prol dun ben común e contra un xeito moi concreto de xestionar o patrimonio cultural. Nun territorio aparentemente pouco estruturado socialmente, a protesta a prol do Castelo de Monterrei xenerou, a través das redes, esa “identidade horizontal” da que fala Manuel Castells.
Durante moito tempo, a xestión do patrimonio cultural foi así de bruta, así de avasalladora, e parecía tan habitual como agora nos parece escandaloso o procedemento levado a cabo aquí pola Xunta. Para min, un dos factores de traca é o de facer un parador novo ao carón dun edificio público que xa ten esa función, no canto de reformalo (e sobre todo, repensalo). O non aproveitar unha xoia tan valiosa coma este castelo como un centro potenciador dos inmensos recursos dunha comarca que é a porta de entrada a Galicia, evidencia un xeito de entender a política e o turismo propias do franquismo, cando era o edificio en si, o Parador, o vertebrador do territorio. Hoxe sabemos que non é así, nin a función dos Paradores pode ser esa. Monterrei merece un proxecto máis ambicioso, máis intelixente, máis rendible económica, laboral e socialmente que a obra bruta que queren facer. Porque lle podemos esixir moito máis aos políticos e debemos facelo. E porque o patrimonio cultural non é unha reliquia do pasado, é unha ferramenta do presente para facer avanzar ás nosas sociedades, pero é unha ferramenta que se constrúe desde o diálogo, non desde o cemento. A ver se o damos entendido dunha vez.

mércores, 9 de abril de 2014

No Job Land

No Job Land from No Job Land on Vimeo.
'No job land' es un multimedia documental que ofrece una mirada sobre la situación que atraviesan miles de familias en España a causa del paro de larga duración. Desprotegidos y en riesgo de exclusión social, un grupo de desempleados del distrito de Vallecas en Madrid decide unirse y luchar por su futuro.

Calificado por The Daily Telegraph como " un conmovedor recordatorio de las dificultades económicas que muchas familias están sufriendo en España” , 'No job land' ha tenido hasta la fecha 225.669 reproducciones desde su estreno el pasado diciembre. Publicado por primera vez en Narratively, No job land se ha convertido en el trabajo más destacado de 2013 en este medio estadounidense de referencia en el periodismo de largo formato.

'No job land', es el punto de partida de este recorrido periodístico sobre el coste humano de la crisis cuyo segundo capítulo titulamos 'Los que se quedan': http://goteo.org/project/losquesequedan

+Info: www.nojobland.com

domingo, 6 de abril de 2014

Barrio, de Fernando León de Aranoa

Este filme é un habitual nas miñas aulas, e sempre funciona ben co alumnado. Os protagonistas son tres adolescentes da súa idade e, claro, iso sempre esperta a súa curiosidade. Pero creo que sobre todo engancha pola súa calidade e pola capacidade do director para plasmar unha realidade moi dura sen caer no melodrama. A ironía e a credibilidade son os principais motivos polos que esta película nos gusta a todos, aínda que, como no meu caso, a teñamos visto moitas veces.
Aquí tedes a ficha, un cuestionario para o alumnado, opinións do director e algunhas críticas deste filme que, a pesar de rodarse no ano 1998, amósanos situacións e personaxes atemporais, que seguro espertan emocións e reflexións sobre a propia personalidade e actitude dos espectadores. Entretén e fainos pensar.

xoves, 3 de abril de 2014

Vídeos sobre o castelo de Monterrei e Verín

O primeiro vídeo é unha pequena xoia, pois é unha filmación dos anos 50 do s. XX. Aparece brevemente o castelo sen restaurar e a paisaxe urbana de Verín. O segundo vídeo é unha homenaxe en forma de fermosas imaxes aéreas ao monumento, agora ameazado pola disparatada decisión das administracións do PP, de construír un hotel no propio edificio.
Son vídeos subidos ao grupo de Facebook da Plataforma en Defensa do Castelo, que inserto aquí polo seu valor histórico e cultural, e para solicitar a colaboración de todos e todas os amantes da cultura, do patrimonio público, para tentar frear a desfeita. Na páxina de abaixo tedes a información de como colaborar (sinaturas, cartas aos xornais, mensaxes de apoio nas redes sociais, uníndose ao grupo de facebook, mobilizacións, difusión das actuacións da Plataforma, etc.).





mércores, 2 de abril de 2014

O xenocidio de Ruanda


Refuxiados hutus preto de Goma (República Democrática
do Congo) cara a fronteira de Ruanda despois de abandonar
o campamento de refuxiados de Mugunga, 1996
No ano 1994, en a penas 100 días, as milicias hutus dos Interahamwe (os que matan xuntos) asasinaron con machetes, chineses e franceses, a 800.000 persoas, tutsis e hutus moderados e provocaron uns dous millóns de refuxiados. A orxía sanguenta non xurdiu da nada, foi o resultado do odio histórico entre as dúas etnias, das loitas polo poder entre as elites dos dous pobos e as políticas neocoloniais dos Estados occidentais, que inflamaron os ánimos da poboación con consignas racistas. Desde 1990 desenvolvíase unha guerra entre o goberno hutu de Ruanda e as tropas do FPR (Fronte Patriótica de Ruanda) que actuaban desde Uganda. O medo e a xenreira dos hutu cara as tropas da FPR foise estendendo a toda a poboación tutsi.
O ministro de defensa Theoneste Bagasora foi condenado polo Tribunal Penal Internacional para Ruanda como máximo responsable da posta en práctica doutra ‘solución final’ na antiga colonia belga, coa finalidade de eliminar aos tutsis de Ruanda. Pero non só foron responsables os dirixentes hutus, senón que tamén contribuíron a desencadear o conflito os tutsis da FPR que, entre outras actuacións violentas, participaron no ataque terrorista cun mísil que derrubou o avión dos presidentes de Ruanda e Burundi en abril de 1994, que fixo prender a chispa que reventou a fráxil convivencia entre os dous pobos.
Como soe acontecer, a intervención internacional foi máis testemuñal que efectiva (ver a película Hotel Ruanda). Uns poucos soldados na ONU non puideron (nin quixeron) facer nada para deter a matanza e o éxodo de millóns de refuxiados. Iso si, nos países occidentais organizáronse campañas caritativas de recollida de fondos para os ‘pobres negros salvaxes?'. Por outra banda, tamén semella clara a intervención máis ou menos encuberta das potencias estranxeiras, apoiando a un ou a outro bando e función dos seus intereses. Francia ten sido acusada de apoiar a matanza hutu, mentres Gran Bretaña, Estados Unidos e Bélxica apoiaron aos tutsis, hoxe no poder.
A pesar do aterrecedor número de mortos deses 100 días de vergonza, moitas máis persoas morreron e seguen morrendo hoxe nos campos de refuxiados do Congo como consecuencia do acontecido nos primeiros anos noventa. Calcúlase que a morte de civís na rexión dos Grandes Lagos é a maior desde a Segunda Guerra Mundial. Está ben que o Tribunal Penal Internacional condene aos responsables de crimes contra a humanidade, pero debe condenar a todos, non só a aqueles que lle conveñan aos espurios intereses das grandes potencias. Miles, millóns de vítimas inocentes, seguen sufrindo e morrendo pola cobiza duns poucos. Cando seremos quen de vivir en paz?
(...)
Si, fun a Ruanda, pero Ruanda está tamén en min. Os refuxiados repartíronse por todo o mundo, levando consigo o sangue e a cólera dos mortos abandonados.
E eu teño medo cando escoito falar no meu país de pertenza ou non pertenza. Dividir. Educar aos estranxeiros. Inventar a idea rexeitamento. Como se aprende a idea da identidade étnica? De onde xorde este medo ao Outro que conduce á violencia?
Un día a vida cotiá bórrase para dar paso ao caos. Onde se agochaba a semente do odio? Na noite da cegueira absoluta, que tería feito eu se me vira no medio da engrenaxe da masacre? Teríame resistido á traizón? Tería sido covarde ou valente? Tería matado ou teríame deixado matar?
Ruanda está en min, en ti, en nosoutros.
(...)
La sombra de Imana, de Veronique Tadjo. El Cobre 2003 (pax. 49)

martes, 1 de abril de 2014

O 1 de abril nun caderno escolar de 1954

Esta é a imaxe que encabeza Caladiños, hoxe é un bo día para recordar, para non esquecer o franquismo, pero tamén para non obviar o presente reaccionario no que vivimos (Rouco Varela dixit). Pero non estaban en contra de remover (no seu caso manipular) o pasado?