Hoxe fai dez anos que o Prestige comezou a afundirse. Ninguén sospeitou, nese momento, as consecuencias que tería. Non só a catástrofe ambiental, agravada pola incompetencia e o cinismo das autoridade, senón o impacto social. Nunca Máis foi o berro que uniu aos indignados daquela, por riba das siglas (polo menos durante moitos meses), e que rachou os muros das clases, ata converterse nun contido central nas aulas.
Foi unha puñada na rutina escolar que abriu as portas, case sempre pechadas, medorentas, dos centros de ensino, á sociedade. Despois veu o Non a Guerra en Iraq, e moitos involucrámonos a tope. Cremos nun ensino crítico, que eduque cidadáns comprometidos coa mellora da sociedade. E neses anos sentimos que esa escola activa e crítica xa non estaba tan afastada.
Hoxe boto de menos a unión nas rúas, o ambiente de protesta e ilusión que superou as miserias fratricidas da esquerda. Co que está caendo é triste pensar no ridículo comportamento das organizacións políticas e sindicais, incapaces de dar unha resposta conxunta e rotunda ás medidas de empobrecemento e reaccionarismo. Hai dez anos fomos quen.
No traballo tamén se bota de menos a participación masiva do profesorado daqueles meses. Unha vez pasada a efervescencia, moitos regresaron aos seus cuarteis, outros seguimos procurando que o noso alumnado coñeza o mundo no que vive e sexa consciente da necesidade de cambialo. O Prestige afundiu, pero segue cheo de 'hilillos' aos que combater coa razón e a humanidade.
Entre as actividades que proxectamos no Don Aurelio de Cuntis estivo o Festival do cartel. Pero son incapaz de lembrar se existiu ou se fixemos a convocatoria só como parodia. Ai! A memoria... histórica?
Ningún comentario:
Publicar un comentario